Compañías de Arxentina, Portugal, Valencia, Aragón, Cataluña e Galicia na 28º edición de Galicreques

O Festival Internacional Galicreques ofrecerá na súa 28º edición 17 funcións para o público escolar.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/09/2023 | Actualizada ás 10:17

Comparte esta noticia

O Festival Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde ofrecerá un total de 17 funcións para o público escolar entre o 9 e o 18 de outubro deste ano. O programa escolar é un dos grandes sinais de identidade de Galicreques, encontro de carácter internacional que aposta dende os seus inicios polo achegamento directo aos espectadores e mais pola creación de públicos.  

Espectáculo de teatro infantil con monicreques, O gato con botas
Espectáculo de teatro infantil con monicreques, O gato con botas | Fonte: Festival Galicreque

O Festival Galicreques acada neste 2023 a súa 28ª edición e o seu cartel de espectáculos para o público xeral desenvolverase entre o sábado 7 de outubro e domingo 15. Non obstante, a súa oferta de espectáculos para o público escolar estenderase até ao mércores 18 para darlle resposta á gran demanda que ano tras ano colleita o Festival entre os centro de ensino.  Na edición de 2022, asistiron como público ás funcións escolares máis de 1300 rapaces e rapazas dun total de 32 centros de ensino procedentes dos concellos de Santiago, Teo, Ames, Val do Dubra, Sigüeiro, Catoira, Brión, Mesía e Vilasantar.  

Para público xuvenil, Galicreques brindará dous espectáculos diferentes. O primeiro deles é Estorias O lume, da compañía portuguesa Krisálida, que actuará no Teatro Principal o mércores 11. O segundo será Las avispas, da formación catalá Fil de Guá, que se poderá ver no mesmo escenario o 13 de outubro.

INAUGURACIÓN SGAE

O Edificio da SGAE, situado na Rúa das Salvadas, acollerá o luns 9 de outubro ás 10.30 horas a primeira función escolar deste 28º Festival Galicreques: Coliño, obra da compañía galega A Xanela do Maxín. A actividade proseguirá ese mesmo luns coa compañía tamén galega Larei Lará, que representará na xa tradicional Carpa da Alameda a súa obra Dinosauros; e as formacións valencianas La Estrella, que actuará no Teatro Principal con El gato con botas, e La Carreta, que representará en dous pases no CSC de Santa Marta a súa proposta infantil Vicente, el Pirata Valiente. 

Ao longo desa segunda semana de outubro (a excepción do xoves 12, día festivo e polo tanto non lectivo para os escolares), actuarán formacións galegas como Títeres Alakrán, Luís Vallecillo ou Mircromina. Tamén atoparemos no cartel nomes tan destacados do panorama da escena de títeres arxentinos como son Manu Mansilla ou El Lucero, que representarán os seus espectáculos matinais o mércores 11 e o venres 13, respectivamente. 

O programa de funcións ampliarase por segundo ano consecutivo máis aló das marxes oficias do Festival Galicreques. Así, entre o luns 16 e o mércores 18 ofreceranse catro funcións a maiores da man das formacións galegas Títeres Brincadeira e Danthe Teatro e a zaragozana de Teatro Arbolé. Estas citas celebraranse no Edificio SGAE e no Centro Socio Cultural de Santa Marta. 

Os centros de ensino interesados poden chamar aos teléfonos 981801237 e 667 771 147 ou escribir á seguinte dirección de correo electrónico: galicreques@titerescachirulo.com. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta