Traballadores do sector de eventos irán á folga o 15 de setembro en protesta polas 12 horas de xornada laboral

O paro en demanda dun novo convenio afectará a teatros, museos, acuario e centros cívicos, entre outros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2023 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

Os traballadores do sector de eventos irán á folga o próximo 15 de setembro en demanda dun novo convenio colectivo que, entre outras cuestións, limite a xornada laboral a un máximo de 12 horas en situacións excepcionais e marque un descanso mínimo de tamén 12 horas. A parte social acusa á patronal (AGEM, Escena Galega e Agatec) de "querer impón un modelo de industria precaria" a través da "dispoñibilidade e flexibilidade" dos traballadores co "pretexto" das "particularidades do sector".

O paro afectará a teatros, museos, acuarios, centros cívicos e ao resto de eventos culturais, cuxos traballadores están chamados a participar nunha concentración ás 12.00 horas na Cidade da Cultura, onde se celebra ese día o encontro do Consello de Asuntos Económicos e Financeiros da Unión Europea (Ecofin). Nun comunicado difundido pola CIG, os sindicatos explican que as súas demandas están centradas en acoutar a xornada laboral e que, por tanto, o conflito non reside nunha reclamación salarial ou de "privilexios" para os traballadores.

"O conflito está en que a patronal non acepta equiparar aos profesionais do noso sector as persoas traballadoras de calquera industria, cunhas xornadas e descansos equiparables", engadiu a parte social, que incide en que 12 horas "non pode ser a xornada habitual" e que deben respectarse os tempos de descanso que marca o Estatuto dos Traballadores. Así, entenden que "se ten que haber excepcións", estas teñen que "estar claramente definidas e sen posibilidade de ser usada a excepción como norma habitual".

Ademais, acusan ás empresas de pretender que "recaia" nos traballadores a solución aos problemas financeiros que causan os contratos de prestacións de servizos que asinan as compañías e que, din, "obríganlles en ocasións a perder diñeiro, pero que foron libremente aceptados por quen debe asumir a solución".

Deste xeito, cren que pretenden articular un convenio "cada vez máis aberto á interpretación" e "cheo de excepcións" que abre oco para "situacións arbitrarias" e "supostos imprevistos". Todo isto para, segundo os sindicatos, facilitar que a xornada laboral poida ser estendida ou que se reduzan as horas de descanso, polo que cualifican de "intolerable" a proposta feita pola patronal.

Concerto
Concerto | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta