Formoso insiste que haberá primarias para ter candidato á Xunta: "Non prevemos ningún outro escenario"

O secretario xeral do PSdeG mantivo unha reunión en Santiago con deputados e senadores da recentemente iniciada lexislatura nas Cortes Xerais do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2023 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reiterou que o partido que encabeza escollerá ao seu candidato á Presidencia da Xunta nas próximas eleccións autonómicas nun proceso de primarias como o que xa estaba convocado e que foi finalmente suspendido por orde de Ferraz ata que se resolva a investidura no Estado.

"Non prevemos ningún outro escenario", aseverou sobre a celebración de primarias González Formoso este sábado na sede do PSdeG en Santiago, onde mantivo unha reunión con deputados e senadores da recentemente iniciada lexislatura nas Cortes Xerais do Estado.

A preguntas dos xornalistas, o tamén alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña remarcou que a elección de cabeza de lista nas eleccións autonómicas a través de primarias é o sistema que establecen os estatutos do partido e que se retomará o proceso suspendido cando se resolva a gobernabilidade no Estado.

Para Formoso, iso é o que "preocupa" aos galegos e non as cuestións internas do Partido Socialista e que, por tanto, é no que a organización está "centrada" á espera de que se resolva a investidura mentres, paralelamente, "prepara a maquinaria" para unhas autonómicas que "algún día" o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocará en función de "os intereses" do Partido Popular.

Así, considera que o partido "está preparado" para a cita coas urnas porque, máis aló de non contar con candidato, a formación está "activada" para recoñecer os problemas de Galicia e propor "respostas" aos mesmos.

PRIMARIAS "REFLEXO" DO PARTIDO

Deste xeito, aseverou que as primarias son "o reflexo" do carácter do Partido Socialista porque expresan a vontade de "democracia" fronte a outras organizacións que elixen os seus candidatos "a dedo". Cuestionado sobre a posbile candidatura de Xosé Ramón Gómez Besteiro e tras proclamarse a si mesmo como un "fillo das primarias", sinalou que "ese proceso, cando se dea" será un proceso no que "calquera compañeiro" pode presentarse.

"As primarias son a fórmula escollida estatutariamente do PSOE para designar aos seus candidatos, por tanto, non prevemos ningún outro escenario", sinalou.

Valentín González Formoso, Carmela Silva e Lage Tuñas. PSDEG
Valentín González Formoso, Carmela Silva e Lage Tuñas. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A fórmula estatutaria unha persoa, un cargo seica deixou de estar vixente en Galicia ! Presidenta PSdG ~ Primeira Tenente Alcalde de Vigo ~ Senadora en Madrid ! Cobrando como se non houbera un mañán... Viva a Inflación !