Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2023 | Actualizada ás 18:00
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentaria dirixida ao Ministerio de Xustiza para demandarlle que nas previsións de necesidades xudiciais inclúa a creación de cinco xulgados especializados en violencia de xénero en Galicia, en concreto en Santiago de Compostela, en Ourense, en Lugo, en Ferrol e en Pontevedra.
"Só temos xulgados especializados na Coruña e en Vigo, hai que avanzar, un en cada cidade galega", sinala Néstor Rego na súa petición ao Ministerio.
"Unha carencia que arrastramos desde hai anos", engade o parlamentario nacionalista que lembra que tanto o Observatorio contra a Violencia de Xénero como outros organismos "insisten na necesidade de avanzar en xulgados especializados para tratar os casos de violencia machista, tratando de contar cun xulgado por provincia".
"No que vai de ano, temos que lamentar 42 asasinatos de mulleres, dúas delas en Galicia", remarca o deputado do BNG quen engade que "máis aló das medidas que se poidan propor desde o Ministerio, desde o ámbito competencial autonómico ou das entidades locais, está claro que en Galicia faltan xulgados especializados, que levamos anos pedindo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.