Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2023 | Actualizada ás 18:33
A Consellería de Sanidade da Xunta ten un prazo de dous meses para remitir un informe que inclúa, como mínimo, o volume e formatos de vinculación laboral dos profesionais sanitarios no Sergas, desagregado por áreas sanitarias e distribuído por categorías laborais. Así o reclamou este martes o hemiciclo galego á Xunta coa aprobación por unanimidade dunha moción defendida polo deputado socialista Julio Torrado e que contou co apoio de PPdeG e de BNG.
A iniciativa do PSdeG tamén inclúe que o Sergas aplique "un plan de choque" fronte á precariedade e eventualidade no Sergas, co obxectivo de "reducir e manter por baixo do 8 por cento" o volume de persoal en situación de eventualidade e que inclúa, entre outras medidas, a contratación de persoal substituto polo tempo completo de duración da ausencia do profesional a cubrir.
Este mesmo plan deberá incluír que se estenda a todo o persoal do sistema sanitario a carreira profesional e que se amplíe o volume de ofertas públicas de emprego para profesionais destinados ao sistema público de saúde. Finalmente, a moción aprobada, neste caso só co voto a favor de PSdeG e PPdeG, reclamou ampliar a tres anos a oferta de contratos de continuidade para facultativos e estender o formato a outras categorías laborais, especialmente enfermaría.
Aínda que houbo acordo, o debate non estivo exento de leas entre o autor da iniciativa e o deputado do PPdeG que defendeu a postura popular, Alberto Núñez Couñago. O socialista comparou as condicións laborais de Galicia coas doutros países, con mellores horarios e un soldo moi superior, mentres que o popular volveu acusar aos socialistas da falta de profesionais dispoñibles.
MOCIÓN DO TRANSPORTE
Doutra banda, o pleno acolleu o debate dunha moción defendida polo BNG sobre o transporte público. O deputado Paulo Ríos denunciou as cada vez "menos conexións" de transporte no rural e que os mozos son os "grandes golpeados" por esta situación. O parlamentario nacionalista asegurou que "sobran os exemplos" e pediu "deixar esta política de amiguismo, de acaparamento do mercado" sobre o que xa sentenciou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). "Póñanse ao servizo do pobo galego", reclamou.
A deputada socialista Patricia Otero tamén conveu que é "necesario reformar os pregos de contratación" do transporte autonómico pero, mentres, "como mínimo, que se cumpran os contratos que teñen asinados". A parlamentaria do PSdeG criticou que a Xunta "mire para outro lado" e reclamou, ademais de mostrar o seu apoio á iniciativa que quedou rexeitada, un "transporte máis rápido, máis fiable e máis adaptado" ás necesidades.
Pola súa banda, o deputado popular José Manuel Balseiro acusou ao deputado do BNG de manter un discurso "pouco crible", con acusacións que "carecen de todo fundamento". "Para ser crible, non se pode esaxerar tanto; ponlle moita vontade, pero esaxera tanto que o discurso non o cre nin vostede mesmo", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.