Condenado a 12 anos de cárcere a un home por violar á súa parella despois de que esta se negase a manter relacións

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a doce anos de cárcere un home por violar á súa parella, que no momento dos feitos tiña 23 anos. O acusado, natural da Estrada, foi xulgado por estes feitos o pasado mes de xullo.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 13/09/2023 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a doce anos de cárcere a un home por violar á súa parella, que no momento dos feitos tiña 23 anos. O acusado, natural da Estrada, foi xulgado por estes feitos o pasado mes de xullo.

Na sentenza, con data do 11 de setembro e da que informou este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o tribunal imponlle, ademais da pena de prisión, a inhabilitación para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídas, que leven contacto regular e directo con persoas menores de idade, por un tempo superior en 5 anos ao da duración da pena de privación de liberdade imposta na sentenza.

O tribunal considera acreditado que o procesado "se enfureceu" tras a negativa da vítima a manter relacións sexuais, ante o que reaccionou agredíndoa e violándoa. As lesións que lle causou requiriron para a súa curación dunha primeira asistencia sanitaria. Os maxistrados aplicaron a agravante de parentesco e a atenuante de alteración psíquica por consumo de droga e alcol, pois indica que cando sucederon os feitos, en decembro de 2021, consumiran medio gramo de cocaína entre os dous e o acusado tamén consumira alcol.

A vítima faleceu o 13 de xuño de 2022 por causas alleas aos feitos, pero o seu testemuño, incorporado á causa, así como a restante proba practicada, entre ela a declaración do procesado, as testificales dos axentes da Garda Civil e as periciais médicas e médico-forenses levaron ao tribunal á convicción de que os feitos se desenvolveron segundo o relato de feitos probados da sentenza. O fallo non é firme, pois contra el cabe recurso.

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta