Por Xurxo Salgado | Lalín | 11/05/2015 | Actualizada ás 08:00
Rafael Cuíña aspira a ocupar o posto que hai 25 anos deixou o seu pai, ex número dous do PPdeG nos anos noventa e candidato a eterno sucesor de Manuel Fraga. Preséntase, precisamente, orgulloso da marca Cuíña, a mesma que levou o seu proxenitor, que foi eterno sucesor de Manuel Fraga e que acabou defenestrado polo sector do birrete que encabezaba o propio Alberto Núñez Feijóo.
O líder de CxG en Lalín ten comentado que non esquece que o seu pai foi apartado do poder polos "señoritos e paracaidistas", que afondan no "españolismo" do PP e puxeron fin é época galeguista instaurada polo seu pai.
Esta situación, segundo o seu propio fillo, provocou no ex golfiño de Fraga un fondo pesar que foi somatizado ata tal punto de "deteriorar a súa saúde e provocarlle a morte". E nestes feitos tiveron que ver moitos "traidores", algúns deles, o presidente da Deputación de Pontevedra, que para Rafa Cuíña "é un mediocre político absolutamente irrelevante".
Rafa Cuíña non está no PP. Agora está en Compromiso por Galicia e preséntase en Lalín disposto a recuperar o que lle roubaron ao seu pai. “É certo que Xosé Cuiña é unha das persoas que máis marcaron Lalín na súa Historia”, lembra e critica ás “mente mediocres” que temen perder “as cadeiras do poder”.
É a primeira vez que das o gran paso. O de presentarte a unhas eleccións. Como o levas?
Lévoo ben. Moito traballo, visitas a todas as parroquias dende hai tempo. Traballo constante, sólido e solvente. Non creo nos políticos que so traballan en campaña e o resto do mandato miran por riba do ombreiro aos veciños, como se fosen servos.
E non tes un pouco de desacougo?. Digo por iso de que Lalín foi o feudo de Xosé Cuíña, o teu pai?
Desacougo en absoluto. É certo que Xosé Cuiña é unha das persoas que máis marcaron Lalín na súa Historia, pero tamén traballadores, empresarios e artistas. Lalín é o resultado dun conxunto de cousas que o PP non soubo xestionar cando chegaron as vacas fracas.
E iso de presentarte por un partido que non é o do PP, non abre feridas?
Abre feridas nas mentes mediocres, nos que non saben separar o persoal do político, e os que ven perigo de que lles movan da cadeira do poder, a modo de atalaia por riba do ben e do mal.
Dígoo porque en Lalín falar dos Cuíña sempre se asociou ao Partido Popular. Cres que vas ter votos de xente que antes lle votou ao teu pai?
Sen dúbida moita xente que votou PP e outros partidos vai votar á alternativa que representa Compromiso por Lalín. Non teño dúbidas diso.
Xa levas algún tempo percorrendo o concello. Que ves cando falas coa xente?
Efectivamente levo tempo percorrendo un Concello que Xa coñecía ben. É evidente que a crise bateu forte na industria e o abandono do rural asusta, porque eu nunca o vin tan mal. A xente protesta por oso, mais a evidencia preocupante é que o fan nun ton o suficientemente baixo por temor a ser escoitados polos comisarios políticos de sempre.
E cres que o 24M vai a mudar de cor política o Concello de Lalín?
Eu vou a estar onde decidan os lalinenses traballando coa mesma ilusión onde eles me poñan. E máximo dúas lexislaturas. Tense que acabar a política como profesión.
As enquisas apuntan a unha maioría consolidada de Crespo, polo menos, a dalgúns medios. Que opinas ti?
En todo caso, se non ha posibilidade de cambio, entendo entón que continuarás en Lalín facendo oposición, non?
As enquisas o que din é que un 40% de persoas que hai 4 anos votaron PP, agora dubidan do seu voto... velaí a posibilidade de cambio. Iso so o pode conseguir en Lalín Compromiso.
Ti te presentas por CxG. Como ves a este partido nestes comicios?.Pregúntocho porque nas autonómicas os resultados foron moi pobres, menos do que agardabades
Compromiso por Galicia naceu co reto de que as municipais fosen o seu primeiro grande test. Creo que ser a 4ª forza que máis candidaturas presenta é sintomático de que a implantación está sendo moi importante. Virán tempos mellores para nós con toda seguridade.
E falando de CxG, tamén hai quen di que non é un partido nacionalista, precisamente porque din que nel están xente coma ti que provén do PP ou outros candidatos que veñen do PSOE. Por iso falan dun partido de centro-dereita. Ti como o definirías?
A militancia de compromiso votou un documento político no que di que é un partido galeguista, socialdemócrata e progresista. Eu concordo coa definición. Co resto de comentarios non perdo o tempo.
Hai nada houbo un cristo montado en Ourense en Común,precisamente, polas acusacións
de carretaxe. CxG carreta?
Os compañeiros de Ourense saben de sobra a miña opinión. Alí temos un grupo de xente solvente para presentar unha excelente lista como finalmente se fixo. Da carretaxe non teño datos, do pouco serio que é "Ourense Común", non tiña dúbidas. O tempo deume por desgraza a razón.
E en Lalín quen vai carretar?
En Lalín carreta o PP, tamén en época de meu pai. É así.
Faime unha quiniela para os comicios?
Non son de quinielas, mais estou convencido que en Lalín vai alborexar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.