O PP tacha de "fantasías" os cálculos da oposición sobre a quita de débeda e vota en contra de abordar a súa concreción

O BNG e o PSdeG acusan o grupo popular de "sumiso" e "mandadiño" do partido a nivel nacional.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2025 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O Partido Popular tachou de "fantasías" os cálculos dos partidos da oposición en relación coa quita da débeda que expón o Goberno central para as comunidades autónomas. Por ese motivo votou en contra dunha moción coa que BNG pedía abordar co Ministerio de Facenda a súa concreción. No pleno do Parlamento, a nacionalista Noa Presas cargou contra a "megahipoteca" que ve na débeda de Galicia e criticou a "estratexia da avestruz" do PP, por "sumiso" e por ir "na dirección contraria ao que necesita este país". "Está a crerse as súas propias mentiras sobre a quita da débeda", espetou aos deputados das bancadas populares, antes de esixirlles "rectificar antes de que sexa tarde".

Por parte do PSdeG, Patricia Iglesias cuestionou seguir "sen saber que vai facer o 'mandadiño' do señor Rueda", á vez que reiterou que "a proposta é boa, sen paliativos". "Aveciño 'marexada, dobre marexada", ironizou, sobre o próximo congreso dos populares. "Se cadra Feijóo entra Papa e sae cura de parroquia", chanceou, antes de reclamar que "acepten a quita e logo negocien a reforma do financiamento", xa que "negarse responde en exclusiva a intereses partidistas do señor Feijóo que é o que parece que manda aquí en Galicia". Na quenda do PP, Alberto Pazos rexeitou por "infantís" os argumentos da oposición e mostrou unha gráfica para "desmentir un máis dos bulos recorrentes" que lles atribúe, neste caso en relación á débeda.

OUTRAS MOCIÓNS REXEITADAS

Na votación, a moción saíu rexeitada co voto en contra do PP, 10 abstencións e 25 votos a favor. O PSdeG, como o PP, solicitara unha votación por separado de puntos do texto, pero esta petición foi refugada polo Bloque. Tamén saíron rexeitadas, neste caso co apoio de toda a oposición e o voto en contra do grupo maioritario, outras dúas mocións debatidas este martes no pleno, unha sobre o modelo da atención prestada nos centros de menores e os seus recursos e outra acerca das políticas de emprego da Xunta.

O deputado do PP no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos
O deputado do PP no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos | Fonte: César Martínez - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta