O cambio climático está en Galicia: veráns de calor, noites tropicais, treboadas e outonos cálidos

Rexistrou o segundo verán con máis calor da serie histórica despois do de 2022.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2023 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

O outono será "máis cálido e húmido do normal" en Galicia, segundo as previsións que manexa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), cuxo delegado na comunidade autónoma, Francisco Infante, apuntou que existe unha "alta probabilidade" de que os meses de outubro, novembro e decembro sexan así.

"A tendencia é cada vez a temperaturas máis altas polo cambio climático", apostillou, en rolda de prensa, Infante, na que fixo balance do verán e avanzou tamén a previsión que se manexa para as próximas datas, entre elas o fin de semana cunha situación de "inestabilidade" por unha borrasca que traerá "chuvascos e treboadas".

Na súa comparecencia, explicou que o verán foi "húmido e moi cálido". "O segundo verán máis cálido da serie histórica en Galicia", expuxo en relación ao ano desde que se teñen datos, 1961. "O máis cálido foi o de 2022, empatado co de 2006", precisou. Ademais, incidiu no feito de que se tivesen "con certa frecuencia noites tropicais en Galicia, que non baixan dos 20 graos de mínima, cunha temperatura media de 18,1 graos".

Respecto das precipitacións, manifestou que foi "un verán húmido, máis chuvioso do normal". "Un 18% máis do que é normal, sobre todo en xuño que houbo moitas treboadas, xullo e agosto foron secos".

BALANCE DO VERÁN

No caso de de xuño, asegurou que foi "moi cálido, o cuarto da serie histórica, e moi chuvioso, choveu ata tres veces máis do normal". De xullo, indicou que foi que "seco" e "normal" en canto a temperaturas, mentres que agosto cualificouno de "moi cálido". "O cuarto da serie histórica, cos días máis cálidos do trimestre", engadiu.

E a pesar de que houbo días nos que se superaron os 40 graos, "42 nalgún sitio, no interior e o sur de Galicia", coincidindo coa última onda de calor a nivel estatal, apuntou que a comunidade autónoma galega non cumpriu "os criterios para que sexa onda de calor". "Non houbo tres días consecutivos con temperaturas extremadamente altas".

Xa en canto a setembro, remarcou que está a ser un mes "bastante treboento" ao rexistrarse "un 78% das precipitacións normais de todo o mes". En canto a temperaturas, afirmou que está a ser "bastante máis cálido do normal". De cara ao outono e tamén ao inverno, lembrou que en Galicia é a época "máis chuviosa do ano", pero engadiu que a previsión é que sexan "máis chuviosos" en relación á choiva que se recolle nese período.

RESERVA HÍDRICA

Cuestionado pola reserva hídrica, precisou que se está en "valores normais" desde o punto de vista da Aemet e os baremos de "seca meteoroloxica". Con todo, de acordo cos datos que se manexan desde o Ministerio de Transición Ecolóxica, aseverou que "hai un certo déficit respecto da media dos últimos anos". "Un lixeiro déficit de auga embalsada na demarcación Galicia-Costa e un lixeiro superávit na Confederación Hidrográfica Miño-Sil".

Un home protéxese do vento e a choiva na zona da Torre de Hércules. M. Dylan - Europa Press
Un home protéxese do vento e a choiva na zona da Torre de Hércules. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta