Unha auditoria interna do Concello de Teo revela "gravísimas irregularidades" do anterior goberno, segundo apunta o PP

Asegura que tramitou case 1.300 facturas por importe de máis de 1 millón sen proposta de gasto, nin retención de crédito.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 16/09/2023 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Teo asegurou que a auditoría interna do Concello encargada á intervención municipal hai dous meses pola actual alcaldesa, a popular Lucía Calvo de la Uz, revela "gravísimas irregularidades" na xestión do goberno anterior, que tivo "nulo respecto pola legalidade vixente".

Nun comunicado remitido aos medios, os populares aseguran que o informe, que só analiza o sucedido nos anos 2022 e 2023, desvela que o equipo precedente, encabezado por Son de Teo e que gobernou en coalición co PSOE parte da pasada lexislatura, tramitou 1.281 facturas por importe de máis de 1 millón de euros sen elaborar proposta de gasto nin facer tampouco a retención de crédito como, segundo indica, "esixe expresamente a lei".

Entre outras cuestións, o PP asegura que aparecen tamén 15 contratos en situación de "precariedade" ou que, "excedendo as contías tope para contratos menores (15.000 euros), non foron licitados, excederon o límite temporal máximo, carecen de expediente de contratación ou foron fraccionados, "burlando ese máximo legal".

Entre eses contratos, o PP asegura que sobresae polo seu elevado montante o da recollida de residuos sólidos urbanos (máis de 60.000 euros), o do servizo do campamento infantil de verán de 2023 (máis de 64.000 euros), así como o do servizo de roza de cunetas de Calo (máis de 38.000 euros), ou o das obras do Instituto de Cacheiras (que excede os 48.000 euros).

O PP sostén que a auditoria, que "lembra as decenas de informes desfavorables" da intervención contra "moitas decisións" do anterior goberno, fala dun "descontrol" do anexo de persoal que o Concello incorporaba ao orzamento. Os populares tamén advirten de "irregularidades" no apartado das subvencións, especialmente na "fase de xustificación", especialmente no capítulo de deportes e educación.

Ademais, sinala que o último capitulo do informe está dedicado á situación xeral das contas do Concello, cunha débeda viva de 3,4 millóns de euros a peche do ano pasado. Unha contía que, segundo a alcaldesa, "podería crecer nos próximos meses como consecuencia doutras actuacións executadas durante a anterior lexislatura". "Con independencia das responsabilidades legais que se poidan derivar dos datos relevados nese informe", engade a alcaldesa, "o certo é que esta é a realidade que nos atopamos ao chegar".

Concello de Teo
Concello de Teo | Fonte: Concello de Teo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta