Como é posible que suba o prezo do leite e se pechen granxas en Galicia?

A asociación Agromuralla advirte de que se está "pondo en risco a subministración dun ben de primeira necesidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2023 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

Produtores lácteos acusan á industria e ás cadeas de distribución de "provocar o peche de granxas" e con iso pór "en risco" a subministración dun ben de primeira necesidade. Afírmano ao denunciar que desde xaneiro baixou un 20% o que perciben os gandeiros en orixe polo leite, á vez que "nos supermercados segue ao mesmo prezo".

Neste contexto, a asociación Agromuralla non descarta mobilizacións "se a Xunta e o Ministerio non actúan", advirte nun comunicado de prensa. Gandeiros deste colectivo aseguran que as explotacións de leite "volven estar coa auga ao pescozo" despois dunha nova baixada en setembro.

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, avisa ademais de que os custos de produción "seguen altos", co gasóleo de novo "en máximos históricos", como as forraxes. "A cousa empeza a complicarse e os números empeza a apertarse outra vez", evidencia. Neste sentido, incide en que ven necesario "producir máis para gañar o mesmo", o que "obriga a facer investimentos e vivir permanentemente endebedados".

"ABANDONADOS Á SÚA SORTE"

Así as cousas, lanzan críticas tanto ao Goberno galego como ao central por "abandonar aos produtores á súa sorte de cara ás sucesivas renovacións de contratos". Da Xunta, censura que "segue sen facer público un índice oficial de custos de produción que sirva para retirar as axudas públicas a aquelas industrias que paguen por baixo dese prezo".

Mentres, a AICA (Axencia de Información e Control Alimentarios), dependente do ministerio, "mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas e contratos aos gandeiros, no canto de actuar de oficio, como sería a súa obrigación", a xuízo de Agromuralla.

O presidente de Agromuralla, José Luís Pérez Barreiro.
O presidente de Agromuralla, José Luís Pérez Barreiro. | Fonte: AGROMURALLA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta