“Filgueira defendeu a lingua nas Cortes franquistas con palabras en galego”

Fernando Filgueira, presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do homenaxeado no día das Letras Galegas de 2015, insiste en desvincular as cuestións políticas da figura do seu pai. “Ninguén pode dicir que Filgueira non amou o galego”, asegura nesta entrevista.

Por Xurxo Salgado | Pontevedra | 15/05/2015 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

“Hai unha desinformación moi importante coa figura de Filgueira que vai saír moi reforzada nestes momentos”, apunta Fernando Filgueira para tentar explicar que moitas das críticas que se teñen feito nos últimos meses contra a figura de Xosé Filgueira Valverde non teñen razón de ser. 

Fernando Filgueira, fillo de Xosé Filgueira Valverde
Fernando Filgueira, fillo de Xosé Filgueira Valverde | Fonte: Radiofusión

Filgueira non enganou a ninguén. Xa no ano 31 se declarou católico contrario ás medidas que estaba tomando de laicismo a República. No 34 deixa o PG polo seu apoio ao Fronte Popular e no 35 funda Dereita Galeguista”, lembra sobre o seu ideario de dereitas. 

Tamén apunta que quedou no país nun momento duro e que, a pesar de todo, axudou a manter o galego. “O que marchou tivo a desgraza de emigrar e deixar o país, que iso sempre é moi duro, pero o que quedou tivo a obriga de loitar e acomodarse ao sistema para seguir loitando pola lingua galega”, sinala.

Así, lembra a actuación que tivo na defensa dunha enmenda á á lei de Educación de Villar Palasí. “Defendeu o dereito dos galegos ao ensino primario en lingua materna. E iso defendido nunhas Cortes franquistas e cunhas palabras en galego a min paréceme que foi dun labor importante”, indica. E, entre outros traballos polo país, destaca a salvagarda do patrimonio e tamén do traballo do Seminario de Estudos Galegos a través do Instituto de Estudios Gallegos.

De como era ese Filgueira escritor, político e pai falamos co seu fillo.

Que supón para ti a elección de Xosé Filgueira Valverde como homenaxeado das Letras Galegas este ano?

Pois Filgueira foi un nome máis. Esa é unha decisión soberana da Real Academia Galega. E a súa candidatura non é a primeira vez que sae. Xa saíra sete ou oito  veces e, unha vez quedou por un voto, outra por cinco... Pero a realidade é que neste momento a RAG considerou que era o momento máis oportuno e nós estamos agradecidísimos á Academia por tomar esta decisión. 

Pero sabes que esta decisión xerou moito balbordo?

Pois porque hai unha desinformación moi importante coa figura de Filgueira que vai saír moi reforzada nestes momentos. Creo que non hai dúbidas sobre o que foi a figura de Filgueira e o que foi vivir no ano 36 e nos anos da guerra. Separarse do PG para montar a Dereita Galeguista, co que implica ser un declarado de dereita galeguista nunha España franquista. Eu teño unha teima e é que Filgueira non enganou a ninguén. Xa no ano 31 se declarou católico contrario ás medidas que estaba tomando de laicismo a República. No 34 deixa o PG polo seu apoio ao Fronte Popular e no 35 funda Dereita Galeguista. Non lle mentiu a ninguén. E despois aquí non houbo guerra. Houbo represión. Nós éramos retagarda. E hai que poñerse nesa situación para entender o que foi aquelo e para salvar os mobles porque, entre ter que marchar ao estranxeiro e sufrir o exilio e quedar aquí a seguir facendo país, a diferencia é moi notable. O que marchou tivo a desgraza de emigrar e deixar o país, que iso sempre é moi duro, pero o que quedou tivo a obriga de loitar e acomodarse ao sistema para seguir loitando pola lingua galega. E iso a Filgueira non llo pode negar ninguén.

Sen embargo o que lle botan en cara a Filgueira non é a súa traxectoria cultural, senón que participara dese réxime Franquista, sendo alcalde, por exemplo

Pero é que sendo alcalde el non era xefe do Movemento. El era procurador en Cortes por ser alcalde de capital de provincia e logo presentándose a unhas eleccións polas cabezas de familia. E foi el quen naquela moción á lei de Educación de Villar Palasí pois defendeu o dereito dos galegos ao ensino primario en lingua materna. E iso defendido nunhas Cortes franquistas e cunhas palabras en galego a min paréceme foi dun labor importante. Como tamén foi salvar o patrimonio artístico da provincia de Pontevedra e estar na crista da onda de certo poder para evitar a destrución de certos monumentos porque hoxe os monumentos galegos están preciosos porque están aí e porque Chamoso Lamas, Pons, Filgueira fixeron unha labor de conservación importantísimo. Non poideron restauralos pero sí evitar que se destruíran e a cidade monumental de Pontevedra débese á Comisión de Monumentos de Pontevedra e Filgueira, desde a Alcaldía, puido ditar normas que doutro xeito non habería e se así non fora, detrás da Peregrina non habería as paredes que se ven.

Pero o que se pon en dúbida é que participara dun réxime que acabou coa vida de quen foran seus amigos, Bóveda, Casal...

Si, xa. E que podes facer?. Se ti non te pos no sitio desde o que se pode defender Galicia desde dentro, quen defende a Galicia?.

Entón ti cres que foi unha postura, digamos, resistencialista?. Adoptou o Franquismo para defender Galicia?

Houbo xente que, esnaquizado o Seminario de Estudos Galegos, embargados os bens e pasados á Universidade de Santiago por decreto, atuou. De súpeto, o Consello Superior de Investigacións Científicas, no ano 43, acorda facer ao abeiro do patronato José María Cuadrado, o Instituto de Estudios Gallegos. Iso pódese ver como unha traizón. Hai señores que o ven así pero o que é certo é que Pedret, Carro, Bouza Brey, Aquilino Iglesias Alvariño, Varela Jácome, Moralejo, meu pai, Otero, Sánchez Cantón... estaban dentro disto. E négalle alguén o mérito de ter impulsado o seminario e de poder ter continuadas as investigacións e que chegara xente nova a traballar con eles e que recuperaran os bens do Seminario no Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos?. Pois se iso é unha traizón ao país pois entón poden estar en contra da figura de Filgueira Valverde. Senón foi unha traizón ao país, senón un servizo ao país, pois entón teñen que aceitar que alí se estaba facendo un traballo encomiable e digno.

Volvendo a esta cuestión. Por que cres que si hai críticas contra Filgueira e non houbo con outros como Otero, Risco...

Iso é un problema dos que o enxuízan. Eu aí non me podo meter porque cada quen ten dereito a opinar.

Pero pensa que é algo político porque, por exemplo, o alcalde de Pontevedra, non participa en ningún acto

Pois iso está dentro da democracia. Hai un grupo que entendeu unha cousa e así o puxo de manifesto a concelleira de Cultura a favor desta homenaxe, ao igual que os cidadáns de Pontevedra. Que queiran eles ensalzar a figura políticamente e, lóxicamente, non poidan pois a min, desde o punto de vista político, a min paréceme ben que cada quen teña o seu pensamento.

E á familia que lles parece?

Pois a familia estamos absolutamente agradecidos á Xunta, á RAG, á Consellería de Cultura, á  Secretaría de Cultura, á Secretaría de Política Lingüística, ao Consello da Cultura Galega, á Deputación de Pontevedra e ao Museo de Pontevedra que están defendendo a súa figura. Eu vou falar a algúns colexios e vexo as unidades didácticas que mandou a Xunta e son dunha beleza e claridade e rigor científico estupendo. Pois realmente a figura de Filgueira estase espallando, igual que a figura do galego. Ninguén pode dicir que Filgueira non amou ao galego. E logo que está a ocorre?, que a realidade de Galicia neste intre non é que o galego se estude ou non estude, senón que temos unha base gramatical magnífica, que todos os rapaces rematan o bacharelato con coñecementos de galego absolutamente medibles, pero resulta que non hai a vontade individual de usar o galego, e iso non é un acto político. 

En todo caso, tamén é un acto colectivo, porque hai quen pensa que a Xunta ten que ter unha maior implicación

Non, pero as institucións non nos van a obrigar a exercer os coñecementos que adquirimos no Bacharelato.

Pero hai un decreto trilingüe que, pasou de impulsar o galego nun 50%, como estaba antes, a facelo un 30%. E iso é unha decisión política e non individual. Ousexa, que, ás veces, tamén inflúen as decisións institucionais

Xa, pero non sei como se enfoca este tema desde o punto de vista real. Pero unha vez  adquiridos os coñecementos, pois a utilización do galego ten que ser un compromiso individual. E o importante das Letras Galegas para min é que son unha festa de reflexión sobre a actitude de cada quen sobre a lingua. E o que non é o galego é propiedade de ningún partido político, senón do país.

Unha das cuestións que tamén se criticou foi que a elección de Filgueira se fixo fronte a elección de Carballo Calero. Pregúntoche isto porque os dous foron moi amigos e tiveron moi boa relación antes e despois da guerra

Carballo Calero tivo un gran labor no seminario. Foi o primeiro profesor de Literatura Galaico Portuguesa. Meu pai foi presidente do tribunal, sorprendentemente, porque non era catedrático de universidade, o cal é moi chamativo porque as institucións consideraron que Filgueira tiña categoría lingüística como para presidir ese tribunal. Por iso, desde o punto de vista persoal ningún dos dous tiña nada en contra do outro. Outra cousa é que Carballo tomara unha postura lingüística reintegracionista e que Filgueira non estivera dacordo con esa postura. Iso xo manifestou algunha vez.

Pero, influíu na súa amistade?

Non. Non influíu.

Falas dese tribunal que lle concedeu a praza. Tiveron algo que ver Filgueira e Sánchez Cantón en que se lle dera a Carballo Calero?

Entón xa houbo rumores de que era unha cátedra para Carballo. Nunha carta de Piñeiro xa se falou diso nestes días. Ao meu pai ofrecéranlle a praza en Santiago pero el non quixo moverse de Pontevedra e o candidato que se acadou foi Carballo Calero que era un importantísimo literato e un importantísimo profesor de lingüística.

Iso lévame a falar sobre a relación que tiñan antes da guerra os galeguistas que eran de dereitas e de esquerdas e na relación que tiveron despois. Semella que, a pesar desas diferencias políticas, a amistade mantívose, non?

Sexto foi o ilustrador dunha obra do meu pai dos anos 40. Sexto foi quen recolleu o derradeiro suspiro de Bóveda segundo recolle o libro de Álvaro Gallego. Entón se Sexto considerara que a actitude de Filgueira non fora acaida, non lle tería feito as ilustracións a un libro sobre Santiago e non se tiña posto vestido de peregrino, xunto con Filgueira, na derradeira páxina do libro. É dicir, que realmente, a amistade con moitísimos galeguistas seguiu; con García Sabell, del Riego, Otero... Eu entendo que a irmandade dos galeguistas perduraba por enriba dunha serie de controversias.

Outra das cuestións que tamén quería tocar era a figura de Filgueira Valverde como pai. Como era?

Todo o mundo considera aos seus pais unha excepción. Para nós, o noso pai foi unha excepción e unha alegría. Era un home conversador, non autoritario. Un católico moi liberal. De feito, na casa hai de todo; os que son moi relixiosos, os que deixamos de selo e nunca fixo apostalado. Nunca me deu consellos, sempre me puxo en situacións. Eu ía de neno con el a algunhas asociacións de asistencia social. Eu traballei no museo de alumno-colaborador. E el che ía poñendo en situacións pero non che facía ir polo seu regueiro. Eu cando estaba no Bacharelato, como era fillo do director, estábamos alí nesa escola e, un ano, suspendeu a un de nós en Terceiro de Bacharelato en febreiro. Tiroulle a libreta así e díxolle: “Volva en setembro”. Miña nai, claro, montou unha pirula como un mundo dicindo que non se podía suspender a un alumno en febreiro, que era o que diría calquera nai. E meu pai díxolle que iso non se arranxaba en dous ou tres meses de curso e que tiña que estudar no verán a gramática. Ese día suspendeuse a un fillo do director e, cando se suspende a un fillo dun director, os demais andan como obuses, dereitiños, dereitiños. Non era autoritario pero tiña estas cousas. Eu, por exemplo, dúchome en auga fría desde que era neno porque dicía que para non coller un constipado era o mellor porque xo facía o avó. Pero logo daba unha liberdade tremenda para saír e entrar da casa. Tiña chave da casa e non tiña que comunicar nada. E cando estudaba a carreira nin preguntaba as notas.

E co tema do galego e da cultura galega?

Miña nai non falaba galego porque súa nai era de Valladolid. Eran dunha familia de Lugo que non falaban galego. Entón o que si facíamos moito eran tertulias en galego. O meu pai falaba en galego cando había unha terceira persoa diante porque tiñamos o castelán desde a infancia por miña nai. Sempre empezabamos en galego pero acababamos marchando para o castelán. Se chegaba Iglesia Alvariño ou outro, ou íamos a algún lado e falaba en galego, a comunicación, entón, era en galego.

Lembras de que foran figuras da cultura galega á casa?

Si. Alí había unhha tertulia magnífica e nós aprendiamos como esponxas. Ali estaban Sánchez Cantón, Iglesia Alvariño, Bouza Brei... 

E entre eles falaban en galego?

Si.. Sánchez Cantón tiña días. Iglesia Alvariño falaba sempre en galego.

E non había temor a falalo?

Non. Mira eu cóntoche unha anécdota. Unha vez o profesor de Espíritu Nacional que se chamaba Sierto tróuxome un libro e díxome: “Tes que ler este libro que chegou de América. Tes sete días para lelo e non lle digas nada a ninguén”. Era o Sempre en Galiza de Castelao. Se xa o profesor de Espíritu Nacional che prestaba ese libro é porque o substrato daquel instituto que Filgueira levaba tiña caletre. Aquilo abraioume. Eu era moi novo. Tiña 15 anos e non o entendín ben porque para esas idades é difícil. Logo recapacitei e volvín sobre o libro e agradecinllo fondísimamente, porque se estaba xogando os garabullos.

E non lle dixeches nada ao teu pai diso?

Despois si, pero naquel tempo non porque se unha persoa che pide que non digas nada porque era comprometido, pois claro.

Ademais Castelao fora amigo de Filgueira?

Si. Pero ler o Sempre en Galiza en Pontevedra naquel tempo podía ter unhas consecuencias complicadas.

E que esperas do 17 de maio e, a partir de agora?

Pois agardo recoller a semente que botou a Academia e que a figura de Filgueira saia mellor coñecida porque se están facendo publicacións moi interesantes. Isto vai permitir coñecer mellor a figura de Filgueira. E coa vosa colaboración porque se non hai difusión da súa figura na prensa non vale para nada o que fixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 30 comentarios

9 Francisco Carlos

Mentres non teña a bendición de Paco Zarzuelas non hai nada que facer

1 Misterio GZ

Para ter tanto poder ademáis de ser un dos intelectuais galegos máis lúcidos, non sei como aínda non é membro da RAG

8 Felix

E Celine defendeu o francés e foi un grande das letras francesas, mais foi un fascista. Compre recoñecer o amor de Filgueira e de moitos outros pola lingua sen esquecer que foron o que foron: franquistas. Punto. Este debate é absurdo.

7 Souto

Creo que te entendo profundamente. O teu pai foi unha persona importante e que de seguro fixo boas cousas. Pero hai unha cousa que non me acaba de casar. Si hoxe houbese un levantamento militar a mín e a moitos máis fusilariannos. É o que non acabo de entender da túa posición. Que a podes ter, que é lexítima, pero hai algúns claro-escuros que non dixiro ben.

6 Arenga

Só num pais sem história nem futuro homenagea-se um dirigente dumha ditadura genocida.

1 FA59

Lo de dictadura y genocida porque tu lo dices wapa, bonita, preciosa. Cualquier dictadura, por muy dictatorial que sea, tiene un apoyo popular que la considera legítima, y en Galicia, tierra católica y de derechas, el franquismo fue apoyado por todo el mundo salvo los tres frikis que hay siempre. En cuanto a lo de genocida, tienes que leerte wapetona, la Convención sobre prevención y sanción del delito de genocidio. Allí verás que sólo hay genocidio cuando se produce persecución en la razón de la raza, etnia, nacionalidad, o religión. En absoluto se produce genocidio cuando se reprime al que es de ideas contrarias, se rebela militarmente, ejerce el terrorismo, etc. Un beijo ¿se dice así en lusofascista?

2 Eumesmo

Feo, espanhol-fascista serás tu. Os que escrebemos o galego com a ortografía que lhe é própria nom somos fascistas. Cumprimentos!

3 FUK36

Chámase XENOCIDIO IDEOLÓXICO FA59 wapetón. Por estes comentarios protofascistas xa estarías a ser investigado na Alemaña. Por certo hai un alemán residente na nosa nación que dí que Galiza é o único país do mundo onde a xente se caga en Deus a todas horas. Ciao Pescao

4 FA59

Mirad que os lo aclaro. Alemania perdió una guerra, en España fuisteis vosotros los que la perdisteis, los que no lograsteis hacer ruptura y tuvisteis que tragar con la reforma política, la continuidad con el franquismo, sin rupturas ni saltos al vacío. Lo demás, genocidio ideológico es inventar conceptos. El genocidio es un delito definido en la Convención de 1948, y en él encaja la persecución que los republicanos hicieron del catolicismo en España, asesinando a unos 7.000 religiosos, lo demas, bla bla bla. Se siente. Beijos e/ou apertas ¿Es así en luso fascista? Ah, y tranquil@, ya os hemos perdonado.

5 FaEs_versión esquerdista

Agarda que cho aclaro eu a ti: Gañaron a guerra os teus, si; pero iso non lles daba dereito a asasinar a centos de milleiros de persoas inocentes, ademáis da cobardía coa que o fixéchedes. Vos inventades o concepto de que non tedes por qué pagar eses crímenes, por unha suposta lei do talión; pero vai ser que non, vades ter toda a vosa miserable vida que afrontar o que fixeron os vosos e vades ter que agardar o día en que se atopen os fíos que vos leven ó cárcere, ou a rexentar outro "puticlub", no que os vosos están a esgalla. Ata ese día , biquiños...o como se dice en tu nazifascista país: "besitos guapa", o en tu "andalú interiol": "bezami pisha y zécate con la toballa";

5 galegoexiliado

E por fín o ano que vén será o ano do gran escritor ferrolano JAIME DE ANDRADE, grande entre los grandes,... deixando aparte as suas tendencias políticas.