Piden 24 anos de cárcere por asasinato con aleivosía para o home que en marzo de 2022 matou co seu coche a unha moza en Barro

O Ministerio Público aplica a agravante de xénero: o acusado "nunca obtivo unha resposta" ás súas "pretensións afectivas".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 20/09/2023 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

A Fiscalía solicita 24 anos de cárcere por asasinato para o home que o 17 de marzo de 2022 provocou unha colisión entre vehículos en Barro para matar a unha veciña, a moza Jéssica Méndez, que entón tiña 29 anos. Segundo o escrito do Ministerio Público, os feitos correspóndense cun delito de asasinato coa agravante de xénero, porque "durante varios anos" o procesado "nunca obtivo unha resposta" por parte da vítima ás súas "pretensións sentimentais ou afectivas".

Os feitos sucederon na mañá do 17 de marzo de 2022. O home circulaba co seu coche pola N-550 en sentido a Santiago de Compostela e, cando se achegaba ao quilómetro 104,700 desta estrada (no municipio de Barro), observou que a muller estaba a esperar no seu propio vehículo para incorporarse á vía principal desde unha secundaria. Entón, segundo relata Fiscalía, o investigado "recoñeceu o vehículo" da nova e, "co ánimo de acabar coa súa vida", impactou contra o seu coche a máis de 80 quilómetros por hora.

A colisión produciuse contra o lateral no que se achaba a condutora "e a propósito" de que o choque a esa velocidade "pode ocasionar a morte". De feito, engade o Ministerio Público, este modo de proceder non lle deu "ningunha posibilidade de reacción ou de defensa". Jéssica Méndez sufriu unhas feridas de tal gravidade que estivo en coma durante horas, ata que á mañá seguinte, o 18 de marzo de 2022, faleceu. O home foi detido o día 21 e desde entón permanece en prisión provisional.

MATAR POLO ODIO "QUE LLE XEROU O SEU SILENCIO"

En canto á motivación do crime, a Fiscalía sostén a agravante de xénero porque a "postura de indiferenza ou de invisibilidade do investigado" que mantiña a muller contra el "non era unha conduta esperable do xénero feminino para a mentalidade do investigado". Matouna "pola indignación ou o odio que lle xerou o seu silencio ou o seu desprezo", engade.

O Ministerio Público solicita para el unha pena de cárcere de 24 anos como autor dun asasinato (considera que houbo aleivosía). Tamén pide unha prohibición de comunicación e achegamento cos familiares da vítima a un quilómetro do seu domicilio, lugar de traballo ou calquera lugar onde se atopen durante 10 anos. Xunto a isto, solicita que abone, en concepto de responsabilidade civil, máis de 128.000 euros á parella da moza, case 100.000 a cada un dos pais e máis de 28.000 euros a cada un dos seus dous irmáns.

Acusado de asasinato en Barro
Acusado de asasinato en Barro | Fonte: Galiciapress

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta