O sector pesqueiro pide unha "moratoria" da eólica mariña ante un decreto que é "nulo" e "arbitrario"

"Hai argumentos máis que suficientes para pór en cuestión o decreto", apuntan sobre o documento que establece Plans de Ordenación do Espazo Marítimo.

Por E.P. | A CORUÑA | 21/09/2023 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

Un estudo elaborado por profesores da Universidade da Coruña (UDC) sobre o decreto que establece os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) sostén que o mesmo "non respecta nin cumpre" o marco europeo, ademais de consideralo "nulo" e "arbitrario". En base a iso, pídese unha "moratoria" para a implantación da eólica mariña no litoral Atlántico.

Os autores, en consonancia coas reivindicacións da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños -- que presentou unha demanda para reclamar a anulación do mesmo-- consideraron que por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica se hai "certa sensibilidade" deberíase "retirar" o citado decreto, "revisalo" e "introducir unha moratoria na zona noroatlántica". Ademais, pediron abrir unha mesa de traballo con presenza do sector pequero e da eólica mariña.

Así o expuxo a profesora de Dereito Administrativo da UDC Marta García que, xunto ao profesor Javier Sánz e representantes da Plataforma, entre eles de Galicia e Asturias, analizaron o informe no que se basea a demanda.

"É un Real Decreto con moitas fallas xurídicas", resumiu Sánz nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que o presidente da Plataforma, Basilio Otero, asegurou que o informe é unha base para que o sector poida "defenderse das tropelías do Estado".

APELAN A UN ACORDO

"Hai argumentos máis que suficientes para pór en cuestión o decreto", dixo para incidir, ademais, na necesidade de "acordos" entre o sector e o Estado. Deste, manifestou que "quixo avanzar moi rápido, pero pondo en perigo a pesca de baixura".

Pola súa banda, a profesora Marta García, que detallou o contido do informe no que se basea a demanda presentada e da que o sector informou en agosto, expuxo que non se cumpren os criterios que se establecen na directiva europea para a ordenación do espazo mariño.

"Contar cos grupos de interese, neste caso o sector pesqueiro, identificar usos e actividades, establecer regras xurídicas claras e zonificar todo iso para un impulso socioeconómico", citou, entre outras cuestións, para asegurar que estes obxectivos "non se cumpren".

En particular, cuestionou que non se inclúa ao sector pesqueiro "nin en usos prioritarios nin de alto potencial, o que supón que estean subordinados a outros usos como a eólica mariña". Tamén dixo que o decreto carece de "cobertura legal", é "arbitrario" e "vulnera o principio de igualdade".

Así, manifestou que "os mesmos argumentos que serviron para eliminar algunhas zonas da eólica mariña" no Mediterráno e en Andalucía non se aplican para a zona do Atlántico afectada. "Hai moita falta de sentido común e moitas outras cousas pouco xustificadas", recalcou.

Arquivo - Eólica mariña. CTA - Arquivo
Arquivo - Eólica mariña. CTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta