A VII Edición de Youtubeiras abre o seu período de inscrición con galardóns que repartirán 7.500 euros

O Concello de Pontevedra acolleu este xoves a presentación desta iniciativa, que ten como obxectivo fomentar a creación en galego en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos en internet.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O prazo de inscrición da sétima edición dos premios Youtubeiras que teñen como lema 'Rede aberta, Rede diversa'. Os galardóns repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías, incluído o premio do público.

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, da Deputación da Coruña e das Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.

Nesta ocasión, o Concello de Pontevedra acolleu este xoves a presentación desta iniciativa, que ten como obxectivo fomentar a creación en galego en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos en internet.

A participación neste proxecto increméntase cada ano do mesmo xeito que a riqueza temática dos participantes e o seu nivel técnico, segundo explicaron na presentación onde se insistiu en que Youtubeiras "non só se reduce aos premios", senón que é "un espazo maior para a unión e ao servizo dunha comunidade diversa" en referencia aos talleres que o proxecto desenvolverá nos centros de ensino dos concellos implicados.

Neste sentido, Youtubeiras tamén pon en marcha o programa de visitas de difusión e formación a centros de ensino para promocionar o traballo destes "youtubeiros" de gran repercusión en lingua galega.

A creadora de contidos María Rúa, coñecida pola canle PradoRúa, será unha das encargadas de achegarlle ao alumnado a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede, a súa experiencia como creadora audiovisual e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.

Nesa mesma liña de difusión, realizaranse colaboracións con creadores de contidos que se sumarán este ano ás campañas de difusión. Esta iniciativa de promoción desenvolverase en plataformas e redes como Facebook, Instagram ou TikTok.

CATEGORÍAS

As categorías dos premios Youtubeiras este ano volven ser: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1000 euros, excepto o último ao que se destinan 500 euros.

Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior a 15 de novembro do 2022. O prazo de presentación manterase aberto ata o próximo 17 de novembro ás 23.59 horas. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web (www.youtubeiras.gal).

Presentación da 7ª edición dos Premios 'Youtubeiras' en Pontevedra.. CONCELLO DE PONTEVEDRA
Presentación da 7ª edición dos Premios 'Youtubeiras' en Pontevedra.. CONCELLO DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta