“En Vigo goberna Abel Caballero, non o Partido Socialista”

O alcalde de Vigo presume de Vigo por todos os poros da pel. Tan ben entende o “viguismo” que asegura que, precisamente, iso é o que fai que ano, tras ano, aumente o seu apoio social. Nesta entrevista Abel Caballero fala do que supón Vigo na súa vida, do que está facendo por esta cidade e, sobre todo, dese “fronte de non” que son o resto dos partidos que “non queren a Vigo”.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 20/05/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

“Marabillosa, fundamental, extraordinario, unha paixón ou unha forza da natureza”. E os adxectivos e os epítetos non chegan para describir o que un alcalde sinte pola súa cidade, máis que unha cidade, é case unha noiva, ou como el di, “o máis importante do mundo”.

Abel Caballero, alcalde de Vigo
Abel Caballero, alcalde de Vigo | Fonte: vigoalminuto.com

Esta é a segunda vez que entrevisto a Abel Caballero e teño que dicir que, á diferencia da primeira, desfrutei da entrevista. Atopei a un rexedor que falou, sobre todo, como cidadán, e como vigués, nun ton moi relaxado e utilizando, ademais, un galego que se nota que non aprendeu de vello, senón que xa lle veu mamado da casa.

Eu desfruto na campaña e desfruto na política. Encántame ser alcalde”, espetou ao comezar a entrevista. Precisamente, ese sentirse fusionado coa cidade fai que poida ser, novamente, reelexido no cargo ante unha aspirante do PP que “non entende, nin empatiza” coa cidade. 

O seu principal obxectivo; “mudar esta cidade e convertela nunha cidade do século XXI e facer de Vigo, dentro e fora, a gran cidade económica, social e medioambiental de toda España”.

Da oposición prefire non falar porque son os do “non”. Unha fronte na que está o BNG, EU e as mareas e o PP que vai quedar “pulverizada”. E de Feijóo, pois que “Sempre que ven a Vigo, non ven a pasear por Vigo. Ven a lugares pechados protexido pola Policía”. De quen non quixo falar foi do PSOE español e do PSOE galego.

Abel Caballero no seu despacho na Alcaldía de Vigo
Abel Caballero no seu despacho na Alcaldía de Vigo | Fonte: Ana López

Este é o Abel Caballero, vigués, ante todo, en estado puro; 

Vexo que non paras. Como levas a campaña?

Ben. As campañas son sempre entretidas, cunha dose de traballo moi elevada. Pero tampouco é distinto ao resto do ano en canto a traballo se refire. É distinto. É un traballo máis promocional de explicar proxecto político, pero o traballo é continuo, 24 horas ao día como agora.

Hai outros que non, pero ti desfrutas facendo isto

Eu desfruto na campaña e desfruto na política. Encántame ser alcalde. Para ser alcalde hai que ter unha vocación importante. Tenche que gustar. Isto é un oficio complexo, pero se che gusta non hai nada máis marabilloso que ser alcalde, sobre todo, de Vigo.

Ousexa, que iso é o que quixeches ser sempre e o que conseguiches?

Era o que quería ser sempre sen sabelo porque era ministro e  sabía que a miña vocación ía ser alcalde de Vigo.

Pero antes pasaches por secretario xeral do PSdeG

Pasei por presidente. Secretario non fun nunca.

Agora xa é unha etapa máis feliz, máis consolidada. Entón, supoño que xa te vas a retirar como alcalde, ou aspirar a algo máis?

Se gaño estas, presentareime ás seguintes. E despois Deus dirá, pero na miña vida política o ser alcalde é a culminación. Non penso en nada que non sexa Vigo.

Vigo, Vigo e máis Vigo....

E que non hai nada máis extraordinario que Vigo. É o máis importante do mundo ser alcalde de Vigo. Algúns utilizan a política pensando en chanzos, suben e baixan. Pero, para min, a Alcaldía de Vigo é o máis extraordinario, non é un estadio para pasar a outro. É un obxectivo central e vital da miña vida.

E as enquisas parece que che dan a razón, andas rozando a maioría absoluta. Gañar, semella xa que gañas. Cal é o segredo para estar aí. Tes algo que outros alcaldes desta cidade non tiveron porque ter unha maioría absoluta en Vigo é moi complciado?

Eu non fago comparacións pero, seguramente, o elemento central é que, para min, esta cidade é unha paixón. Eu teño unha paixón que é Vigo e a iso adico a miña paixón e non hai nada por riba diso, absolutamente nada, nin o meu partido, nin a miña ideoloxía persoal, nada. Vigo ocupa o lugar central na miña estratexia vital, persoal e política.

E que é iso que che quería comentar. E que eu penso que o teu éxito está no “viguismo”. En levar Vigo ata na médula. E que nesta cidade, sen entender o “viguismo” non fas nada. E só pasa aquí, claro

Porque Vigo ten unha capacidade de identificación excepcional. Vigo é unha forza da natureza. A capacidade de recuperación excepcional. Esta cidade ten unhas claves propias moi importantes que para ser alcalde e empatizar coa cidade, tes que vivir esas claves e non só entendelas, vivilas e ser parte importante desas claves. E esas claves están a identificación de Vigo, a súa importancia, o seu desexo de ocupar o espazo que lle corresponde, a súa paixón pola economía. Ten unha importantísima dimensión social que sempre tes que ter presente, unha capacidade de mutación. Agora estamos cambiando toda a pel de Vigo. Pero ao tempo tamén cambiamos ao propio Vigo. E isto eu tamén o vivo porque eu tamén vivo isto coa xente, na rúa, nos medios de comunicación, coa xente. 

E que é iso o que me estraña. Que lle chegaras a coller o tranganillo a esta cidade, porque ti non es de aquí. Ti es de Ponteareas, fuches ministro, estiveches moito tempo en Madrid, logo tamén en Santiago, cando eras líder do PSdeG...

Porque eu sempre estiven vinculado a esta cidade. A miña vida sempre estivo vinculada a Vigo. Eu nacín en Ponteareas, pero Ponteareas está moi vinculado a esta cidade. Pero a miña vida e lembranzas de rapaz son o Celta de Vigo, cando me examinei do ingreso con 9 anos xa foi aquí. A miña entrada nos estudos foi no Instituto de Santa Irene, con 9 anos.  Vivín Vigo sempre toda a miña vida e despois moi razaz me fixen mozo de Cristina –a súa muller-- que vivía aquí no centro de Vigo. Por iso toda a miña vida foi en torno a Vigo. Pero, dá igual, porque hai xente que pode levar toda a súa vida en Vigo, como a candidata do PP, e non conseguen nunca entendela, nin empatizar con ela. Para empatizar con Vigo hai que vivila e te tes que apaixoar; desde que ver unha rúa e cambias ata cando gaña o Celta, ata cando alguén agrede á cidade e semella que te están agredindo a ti persoal. Estas son as chaves de Vigo. Eu só vexo cousas semellantes en Barcelona, Madrid, Valencia. 

Eu ía compararte con Paco Vázquez na Coruña, co famoso “vazquismo”, pero ata penso que é diferente. 

E eran outros momentos diferentes nos que o PSOE estaba moi ben. Pero Paco foi tamén un gran alcalde. Eu non comparo nunca porque Vigo e Coruña son moi distintas que é moi difícil comparar. Tamén con outros grandes alcaldes como Tierno Galván, Pascual Maragall... Pois eu aspiro a que Vigo ocupe un importantísimo lugar en España. Esa é a miña ilusión, mudar esta cidade e convertela nunha cidade do século XXI e facer de Vigo, dentro e fora, a gran cidade económica, social e medioambiental de toda España.

Aparte deste “viguismo” que procesas tamén supoño que terá algo que ver en que poidas revalidar a candidata que tes do PP

A candidata do PP foi a persoa que desde a Consellería de Facenda daba apoios a Santiago, a Coruña e llos negaba a Vigo.

E ti cres que esa é a razón pola que os vigueses igual non a queren?

É unha persoa que en Vigo non empatiza en absoluto porque aquí temos a memoria de que, cando houbo o conflito coas caixas de aforro, a candidata do PP de Vigo estivo ao lado da Coruña, e cando se trata do aeroporto, todas as axudas foron para o de Santiago e A Coruña. Na área metropolitana ela insiste en que Vigo sexa gobernada desde fóra, co señor Feijóo, e cando fixemos unha gran mobilización a prol do aeroporto, do partido xudicial ou do naval, eu non a mirei. Pero e que eu nunca a mirei no Celta ata que foi candidata. Non empatiza coa cidade porque os seus intereses políticos están con Feijóo.

Pero ti mesmo tes dito que foi imposta desde Santiago como unha aposta persoal de Feijóo. Por que cres que o presidente galego se involucra persoalmente na política viguesa?

Feijóo ten unha teoría da política antiga, de fai 100 anos, na que Santiago e A Coruña eran o centro do territorio. Pero isto xa mudou nas últimas décadas do século XX porque Vigo é unha cidade moi importante e reclama o seu lugar en Galicia; en axuda, atención e posición porque está fóra de todo o territorio administrativo e tamén da atención da Xunta de Galicia. Déixana fóra de maneira continua como foi cos plans de emprego. O Porriño ten máis fondos para plans de emprego que Vigo. Pero, cando vemos investimentos, Vigo non está. Na depuradora, na que a Xunta inviste, resulta que logo o cobra no canon da auga, pero cando ves o hospital é privado e sen laboratorio e van cobrar ata o aparcamento. E logo miro que en partido xudicial tiña pactado con Gallardón que desaparecera o partido xudicial de Vigo. No naval houbo que facer unha manifestación para que a defendera. E agora cando miro que sacan contratos, sempre escoito outros lugares de Galicia, o cal me parece ben que haxa contratos para Ferrol, pero digo eu que tamén haberá que haber para Vigo tamén, porque aquel proxecto de Pemes de Feijóo fracasou estrepitosamente. Entón non miro ningunha atención. E Vigo non quere á candidata do PP, non quere a Feijóo.

Con todo el sempre di que ten piso aquí, familia aquí, que ven moito aquí e mesmo ten presumido de ser vigués

Eu non sei de onde é, pero en Vigo non o miramos nunca. Non sei onde vive. É unha cuestión del e eu aí non entro, pero en Vigo, non. Sempre que ven a Vigo, non ven a pasear por Vigo. Ven a lugares pechados protexido pola Policía. 

E iso por que?

Porque debe ser que a esta cidade, moito non a quere. Eu estou facendo toda esta campaña en lugares ao aire libre, nas rúas de Vigo. O PP está escondido.

Sabes que as túas palabras sempre lle sentan mal ao presidente da Xunta. De ti ten dito que es un arrogante, un maleducado. Cres que ten obsesión contigo?

Está no insulto permanente e iso é impropio dun presidente da Xunta. Eu xamais insulto a ninguén. Defendo posicións políticas. Non fago insultos. Non sei nin cales son as súas obsesións. A min o que me importa é a política. Pero Feijóo está sempre no ataque persoal, e sabes por que?. Porque non ten substancia política porque sabe que nós temos a razón. El quere un Vigo sumiso e non vai ter un Vigo sumiso. E para iso, envía unha candidata do PP que busca a sumisión da cidade e non a vai ter nunca porque esta cidade reclama o seu espazo, o seu lugar. Estamos facendo unha transformación total, como nunca se viu. O elemento discordante é a pretensión do señor Feijóo de non atender a Vigo e de non darlle o que lle corresponde. Non hai un só investimento da Xunta na cidade; o hospital é privado, a depuradora cobra o que inviste

Unha cuestión que enlaza con isto e que che quería preguntar. Que pasa cos empresarios que están divididos. Tes dito que o PP tamén interviu nese proceso?

Eu no o digo, o dixeron eles. Eles abertamente acusaron ao PP de intervención política.

E por que esta intervención?

Din que houbo unha intervención grave do señor Feijóo, específicamente, do señor Rueda. Eu non entro. El saberá.

Fálame agora dos proxectos que tes para Vigo porque logo de tantos anos gobernando que é o que ofreces de novo para Vigo?

Pois en Vigo fixemos unha revolución estes anos pero ten que chega a súa meta que é humanizar todo Vigo. Unha dimensión deportiva completamente diferente, incluída o estadio Balaídos. Esa meta é cambiar a paralización cultural que houbo durante tantos anos. E isto é coller un Vigo con cen anos de atraso e poñelo con cen anos de adianto. E así o percibe a cidade. E  tamén na política social, que é unha das máis importantes da cidade. Eu cando escoito ao Bloque e a Esquerda Unida, que vai mudando, antes era o PC, IU, logo AGE, Podemos, agora as mareas... Miro en todos eles un fronte de paralización. PP, non; Bloque, non; Eu ou mareas, non. Sempre escoito non a todo. E nós temos a visión contraria, temos que seguir revolucionando Vigo. Porque cada catro ano se cambiaba de alcalde aquí?. Porque pasaban e a cidade seguía igual. E, por que repetín eu?. Porque estamos revolucionando a cidade. É unha cidade verde, marabillosa, miles de árbores, instalacións deportivas, un museo, un centro deportivo, un auditorio. Todo isto fíxose nestes anos e a política social, tamén.

Pero como se concreta iso?

Pois mira o que che digo. Estouche dicindo que estamos mudando toda a pel da cidade. Isto é unha gran revolución.

O que che pregunta é que me digas como o vas facer. Que estás facendo para cambiala. Cousas concretas

Fixemos neste momento o 65% en oito anos que xa está humanizado. Queda o resto e agardo nestes catro anos darlle un grande impulso e rematalo nos catro seguintes. E o digo na cidade. Estamos pactando cos barrios, parroquias e centro que zonas facemos nestes catro anos e que zonas nos seguintes. E iso se chama emprego de obra pública; 2.500 empregos neste momento, a cinco días dunhas eleccións.

Precisamente diso che quería preguntar; o tema do emprego que é o que máis lle preocupa aos cidadáns. Ousexa, que ti prometes crear postos de traballo?

E que xa están. Temos un plan de obra pública en marcha desde hai oito anos que ten empregados 3.500 e, neste momento son 2.500. 

E non será polas obras que se están facendo a conta das eleccións que é o que facedes todos os concellos en época electoral?

Se así levamos oito anos. As obras electorais de Caballero levan oito anos en marcha. Tan pronto chegamos dicían, este home está tolo, ten todo Vigo levantado... Pois levamos oito anos. A xente xa non se estraña. E eu escoito dicir cando ven Feijóo e todos estes: “Ai!, son obras electorales”. Pero, señores, isto é Vigo e levamos así oito anos, revolucionando á cidade. Seguiremos humanizando a cidade. Desde que eu son alcalde xa fixemos tres pavillóns, tres campos de fútbol, tres piscinas... máis que nos períodos anteriores. Pois isto ten que continuar e isto é xerar emprego. Eu miro moito as obras, porque ando moito na rúa. O outro día mirei que estabamos asfaltando unha rúa. E alí había 25 obreiros traballando. Son 25 postos de traballo creados. E cando escoito a outros partidos falar de emprego, río, porque, que fan?. Este é o fronte do non. Esta cidade houbo que gobernala tendo minoría e o fronte do non quedou pulverizado. O BNG dicindo non, EU ou como se chame agora dicindo non permanentemente e o PP tamén. E, aínda así, sacamos a cidade adiante. Por iso eu pido apoio para pasar por riba desta fronte do non porque tentarían paralizar Vigo e esta é unha visión política moi importante. Cando esoito falar de política social ao BNG, ao Bloque?, de política social?... Falamos de Pontevedra?. En Pontevedra a xente durme na rúa.

Con todo, ese alcalde, coma ti, aspira a ter maioría absoluta. Ousexa, que a xente o apoia

Si, pero sen política social. Por iso que o Bloque que non fale de política social.

Pero o Bloque gobernou aquí en Vigo contigo, levando, ademais, tema social

Cando gobernaban a política social era moi deficitaria. Eles gobernaron comigo, si, pero entón había listas de espera para os comedores escolares. Agora non hai, desde que goberno eu só. Temos, 5.000 bolsas de comedor. Estamos pagando 1.000 alugueiros a 1.000 familias para evitar 1.000 desafiuzamentos. Por iso aquí non hai plataforma antidesahucio. Somos nós, é o goberno. Cada vez que hai un desfiuzamento falo eu co banco e se paraliza inmediatamente. E se é un particular, pagamos nós o alugueiro.

Pero iso non quita que haxa desafiuzamentos

Si, pero non se executan porque estamos nós.

E cantos paralizaches?

Exactamente, 1.003. E a 800 familias que evitamos que lle cortaran a luz, 600 familias ás que lle demos unha tarxeta de crédito con recursos para mercar alimentos. Medio millón a comedores sociais, 150.000 comidas. Abrimos un albergue, un millón de euros. Teñen teito, ducha e almorzo. Os sen teito que non queiran, estar na rúa porque hai quen quere estar e nós non os imos obrigar, como quere Esperanza Aguirre. Tamén temos un centro de violencia contra a muller que pagamos nós. 

Pero parece que estás nun mitin

Mira, vouche contar unha anécdota. Cando cheguei eu a alcaldía, os alcaldes e alcaldesas tiñan escolta; 15 policías. Non os critico por iso, pero eu cando cheguei dixen que eu non os precisaba. Eu levo toda a vida paseando polas rúas de Vigo e nunca me pasou nada e nada me vai a pasar. Así que collimos a escolta e a cambiamos. Agora eses 15 policías danlle custodia, vixilancia e protección a vítimas de violencia de xénero. E, eu, ando sen escolta. Para que a quero, se levo toda a miña vida aquí. 

Ata que non te pase nada

Mira, unha vez tiven un pequeno incidente. Moi menor. Foi cun fotógrafo de moda, en Samil, que se me puxo a berrar. A xente que estaba alí mandouno calar: “oe, co alcalde non te metas, non lle digas nada ao alcalde. Ti calado, eh!”. Eu seguín paseando. O outro calou.

Que raro que un fotógrafo te berrara porque os compañeiros da prensa soen ser boa xente

Non, non. Eu aquí coa prensa lévome fenomenal. Este era de fóra, de Valencia, e estaba facendo cousas de moda. 

Quería comentarche o que me comentou o outro día unha amiga cando lle dixen que viña entrevistarte. “Dille que moi ben toda a zona de pistas para correr que fixo na zona de Castrelos pero que hai unha parte que está destrozada e que non se escude en que é da Xunta”. Pois iso é o que che digo para que lle contestes

Non é en Castrelos. É o paseo de Lagares que, efectivamente, depende da Xunta. Pero dille que, aínda así, xo estamos nós arranxando dende a desembocadura ata a Avenida de Madrid, que son oito quilómetros. En Castrelos hai un circuíto, que o cambiamos enteiro e que é moi preparado porque a xente alí rompía os xeonllos e os nocellos correndo.

Efectivamente, iso me dixo, que había un moi bo pavimento agora. O mellor é porque ti tamén te botas a correr?

Eu vou a todas as carreiras de running de Vigo. Así que a esta muller seguro que lle din eu algunha saída.

Está de moda isto. Ata Agustín Hernández tamén é corredor

E isto apláudolle. E corre ben, tamén, Rueda, que corre moito por Vigo

Pois agora só quedas ti

Eu mellor na saída, para facer de aplaudidor. E tamén corre Aladro, o fiscal de Pontevedra. Aquí hai moita xente aficionada e a min encántame velos correr por alí. Estamos potenciando isto moito e temos un gran proxecto de running en Vigo.

Xa para ir rematando que sei que tes que marchar e eu aínda teño moitas cousas por preguntar. As enquisas falan de maioría ampla, de maioría absoluta. En todo caso, senón consegues esa maioría cres que vas recibir apoio doutros grupos políticos na túa investidura?

Todos estes van estar a tratar de parar Vigo. 

Cres, entón, que non te van apoiar?

Eles están para parar Vigo. O obxectivo do PP, do Bloque, de Gañemos, de todos estes grupos é parar Vigo. Van estar dicindo que non a todo. Son o partido do non e o vacío absoluto. Están permanentemente no non e levan así anos porque a súa esencia política foi esa e, ademais, obedecen consignas políticas dos seus xefes en Santiago. Todos eles. E eu non teño. O meu patrón é a miña cidade. 

Pero...

Espera que che vou facer unha reflexión política importante. Non te das conta que Podemos non se presenta en Vigo, nin apoia a ningún grupo.

E que xa dixo que non se ía presentar ás municipais

Pero non apoia a ningún grupo e hai que facer a pregunta de por que. Porque decidiu porque non se podía. Será porque ese flanco está ben ocupado por Abel Caballero?.

Ti cres seriamente iso que dis?

Pregúntalles a eles.

Pois preguntareilles entón

Porque é un dos sitios máis importantes de España no que non se presentan, nin apoian a ningún partido.

Pero aí estás errado. Por exemplo, fan o mesmo, en Ourense, que decidiron non apoiar a ningún grupo

Falo de cidades grandes, de 300.000 ou máis.

A ver, Ourense xa é unha cidade das importantes de Galicia

Ollo. Non quero faltar a Ourense en absoluto. Falo das grandes cidades de España. Das 30 máis importantes. Pois é a única na que non apoian a ninguén. Polo tanto, non consideran nin ás mareas, nin a Gañemos, nin ao Bloque merecedores do seu apoio.

Para ir rematando. Presumías de que Vigo era unha das grandes cidades de España, xunto con Zaragoza, que ata agora tiña alcalde do PSOE. E cres que vai mellorar esa situación?

Non digo iso. Non presumo. Iso é así. Pero a cuestión máis importante é que eu son consciente de que en Vigo goberna Abel Caballero e non o PSOE.

Pero imos ver. Iso é un discurso contraditorio, porque ti te presentas baixo unhas siglas?

Correcto. Son disto, pero en Vigo, quen goberna é Abel Caballero, co criterio de Abel Caballero.

Pero iso non quita que ti te presentes polo PSOE e sexas socialista, digo eu?

Si, correcto. Pero quen se presenta é Abel Caballero, por riba de siglas e de partidos.

Ousexa, que dis que a xente te vota a ti e non ao PSOE?

Si. Non teño ningunha dúbida. E me presento así; Abel Caballero, que estou nun partido, pero para Vigo. Mira, no que vai de campaña, ninguén que non fora de Vigo estivo nos actos. Soamente nós. O noso proxecto é un proxecto como ten que ser nas municipais, para toda a cidade, dende a cidade e para a cidade e esta é a forma de entender o municipalismo, porque nas eleccións municipais o que importan son os candidatos. De verdade. As siglas xogan moi pouquiño papel. Moi menor. E esta é unha nova forma de entender os municipios e as cidades. Temos que operar desde as persoas, máis que ningún momento e poñendo, por arriba, ás persoas e o goberno. Vai a vir a pechar campaña en Vigo Pedro Sánchez e logo en Madrid. E é a primeira vez que isto pasa.

Entón dásme a razón. O propio Pedro Sánchez dicía que as cidades son os seus alcaldes pero tamén uns valores e un partido'

Pero os valores nosos son os desta cidade. Hai valores moi importantes de solidariedade que son os de Vigo, de progreso, de economía. Pero eu antepoño a cidade.

En todo caso, ti cres que o PSOE vai ter mellor resultados que hai 4 anos?

En Vigo, Abel Caballero, moito mellores.

Si, iso xa mo dixeches, pero, insisto, como ves o PSOE a nivel do Estado?

Xa se mirará o día das eleccións.

E a nivel galego?

Eu falo de Vigo

Non hai xeito contigo. Non te mollas. Nin queres falar do teu líder autonómico?

Eu falo de Vigo.

Pois xa non insisto máis que todo é Vigo. Cóntame que cres que vas ter de resultados o 24M

Un inmenso apoio.

Segues sen mollarte

Carai senón me mollo. Xa che digo; un inmenso apoio

Pero iso canto é; maioría absoluta, maioría simple?

Un inmenso apoio.

A ver, Vigo ten 300.000 habitantes, que consideras ti inmenso apoio?

Inmenso, inmenso.  Eu invítote a que veñas comigo pola rúa un momento e ves o apoio. É imposible cuantificalo. É inmenso. É unha cousa moi notable. É impresionante o nivel de empatía que ten este goberno e a cidade. Un montón de xente que me para e me di: “Eu votei bloque, Abel, e voute votar a ti. Eu son votante de EU ou do PP e voute votar a ti”. E iso continuamente. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 26 comentarios

1 Xistral

Un perdedor da política apoiado por miles de perdedores. Esta é a frase que mellor define a ese individuo. Se se presentase a unhas autonómicas a patada no cú que ía levar sería equivalente á enerxía do BIG BANG