O PP rexeita a creación dun observatorio sobre vivendas turísticas entre críticas ao goberno de Santiago

Os populares tamén tomban unha iniciativa socialista que demandaba impulsar a construción de vivendas públicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2023 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

Os votos do Partido Popular tombaron unha iniciativa levada ao pleno do Parlamento de Galicia polo BNG que demandaba a creación dun observatorio para realizar un estudo sobre as vivendas de uso turístico na comunidade que servise como primeiro paso para a adopción de medidas lexislativas orientadas a limitar a súa proliferación.

A postura contraria do grupo maioritario fixo que a proposición saíse rexeitada durante a sesión que na tarde deste martes celebrouse na Cámara autonómica, onde o deputado do PP Borja Verea centrou parte da súa intervención na xestión das VUT por parte do goberno de Santiago, onde tamén exerce como portavoz local. O grupo socialista, que censurou o discurso "negativo" do Bloque sobre o turismo, optou pola abstención.

Antes, a parlamentaria nacionalista Alexandra Fernández subliñou na defensa do texto a necesidade de regular e restinxir o "fenómeno" das vivendas de uso turístico, que viven unha fase de "explosión" polo "descontrol" administrativo que pon en risco de "colapso" o mercado de vivenda, o modelo urbano e a propia actividade turística.

A deputada puxo o foco nas tensións no mercado de vivenda que se xeran ao dedicarse á explotación turística inmobles que se retiran do mercado porque xeran "enormes" plusvalías en comparación coas rendas que se obteñen por aluguer. Así, chamou a atención sobre que o número de vivendas de uso turístico en Galicia creceu "un 3.700% en seis anos" ao pasar das 500 que había en 2017 ás 20.500 que se estima que hai na actualidade, polo que superan xa ás prazas hoteleiras que contabiliza Galicia.

Deste xeito, Fernández avogou pola creación de instrumentos para a análise desta situación que, di, tamén ameaza ao propio turismo porque xeran "grandes centros comerciais para turistas" que derivan en "contornas carentes de interese". "Salvemos o turismo salvando primeiro aos veciños e os seus dereitos", apostilou.

Na súa quenda, Verea defendeu que as vivendas de uso turístico son "unha fonte de riqueza" que debe ser "aproveitada", polo que afeou a "falta de rigor" da que culpou ao BNG e que ve tamén na forma de xestionar o asunto desde o goberno da capital galega que dirixe a alcaldesa nacionalista Goretti Sanmartín.

Neste sentido, afirmou que o goberno santiagués quere "legalizar 1.000 VUT" na cidade, onde, segundo o candidato popular nas últimas eleccións locais, as vivendas de uso turístico non son as "culpables" da "desnaturalización" do centro histórico, "que leva perdendo habitantes de forma constante os últimos 20 anos".

Na quenda de peche do debate da iniciativa, Alexandra Fernández acusou a Verea de "mentir" e "facer o rídiculo" coa súa afirmación da suposta legalización desas 1.000 vivendas, que foi "desmentida nun comunicado" pola propia entidade á que, segundo Verea, a alcaldesa santiaguesa trasladou este asunto nunha reunión. Ademais, rexeitou a emenda presentada polo PP á iniciativa, vinculada a incorporar á Fegamp e os concellos ao observatorio sobre as VUT, porque entende que, con ela, pretende "botar balóns fóra" das responsabilidades que debe asumir a Xunta.

Por parte do PSdeG interveu no debate a deputada Leticia Gallego, que afeou ao BNG o seu discurso "negativo" sobre o turismo, á vez que avogou por compatibilizar a actividade que xeran as vivendas de uso turístico coas necesidades para as poboacións locais a través do "diálogo" da Xunta cos concellos.

INICIATIVA VIVENDA

Por outra banda, tamén quedou rexeitada polos votos do PP outra iniciativa de impulso que levou ao pleno este martes o Grupo Socialista na que, como presentou ante o hemiciclo o parlamentario Eduardo Ojea, instaba o Goberno galego a executar o programa de construción de vivendas en aluguer social e edificios intelixentes antes de 2026 para evitar a devolución dos fondos europeos. Neste caso, a diptuada do PP María Begoña Freire alegou que a inicitiva reclama á Xunta "o que xa está a facer", polo que avanzou o voto en contra do seu grupo. Pola súa banda, o BNG apoiou a iniciativa socialista.

Pleno do Parlamento de Galicia
Pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta