Premios á etiquetaxe en lingua galega

Hai vinte anos constituíuse en Esposende, Ribadavia, a Asociación Álvaro das Casas, no pazo familiar de Álvaro das Casas, unha figura senlleira na dinamización galeguista no primeiro terzo do século XX. Foi o creador da asociación xuvenil “Ultreia” que chegou a aglutinar máis de dous mil afiliados.

Por Xosé Glez. | | 28/09/2023

Comparte esta noticia
Desta volta, por ter relación co obxecto desta colaboración periodística, ímonos referir a outra das súas significativas iniciativas: a Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia (UCRA), antecesora do cooperativismo vinícola do Ribeiro e do resto do país, creada en xaneiro de 1936. O Manifesto fundacional é un discurso que aínda hoxe ten vixencia. Porque en sete medidas, apelábase á mellora da calidade dos viños, recuperando as castes autóctonas que foran substituídas por outras foráneas. 
 
Non descoidaba a filosofía do Manifesto a importancia que tiñan os consumidores para facer viable ese obxectivo, chamando aos galegos ao consumo responsable con actitudes como a de  “pedir nos cafés, por suntuosos e encopetados que sexan, viño tostado e augardente do Ribeiro, estimulando o seu consumo, dando así a posibilidade de que a economía agrícola fose unha fonte de riqueza para fixar poboación e evitar a sangría da emigración”.
 
No Manifesto da UCRA non se fai mención á galeguización das etiquetas. Mais eu tiven nas miñas mans moreas de papeis que Álvaro das Casas deixou no seu  pazo entre os que atopei etiquetas en galego para o envases dos seus viños. 
 
Por iso a UCRA é precursora das propostas galeguizadoras das etiquetas dos produtos promovida pola Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e a propia  Asociación Álvaro das Casas, que todos os anos convoca os premios “Bacelos de Prata” desde hai dezanove anos,  para honrar a todas as empresas e adegas que decidiron incorporar a lingua galega nas  súas marcas comerciais.
 
Este ano premiáronse a Adega Tapias Mariñan da denominación de oríxe Monterrei, creada en 2007, e Leite Noso Sociedade de Gandeiros Galegos, constituida no ano 2016 en Santiago de Compostela.
 
O xurado que concedeu ambos os dous premios  considera que a Adega Tapias Mariñan elabora viños con marchamo de identidade e garantía de oríxe, recuperando as castes autóctonas e utilizando a lingua galega nas etiquetas. Pola súa coidada elaboración dos viños a Adega Tapias Mariñan foi acredora de numerosos premios de aquén e alén das nosas fronteiras.
 
Considera tamén o Xurado calificador que Leite Noso comercializa as dúas marcas DELEITE e MUUU, que gozan dun merecido prestixio nos espazos comerciais e recoñecemento dos consumidores. O éxito destes produtos, que incorporaron a lingua galega na etiquetaxe e publicidade son  mostra  do inequívoco compromiso das marcas co sinal máis importante da identidade galega.
 
O próximo día 7, ás 12:00 horas, entregaránselles os Bacelos de Prata a estas empresas que elaboran produtos procedentes da riqueza do noso agro. O acto público celebrarase no Pazo dos Ulloa,en Esposende, seguido dun xantar de irmandade. Os interesados en asistir poden comunicalo a través do teléfono do Pazo.
 
Recollendo os postulados do Manifesto da UCRA, nós tamén apelamos aos consumidores para que amosen preferencia polas marcas galeguizadas, e nomeadamente por estas dúas premiadas cos Bacelos de Prata, porque con ese xesto patriótico fomentan o desenvolvemento económico do campo galego, e ao tempo  incentivan a galeguización do tecido produtivo galego, dotándoo de  alma, corazón e vida. O futuro de Galicia depende de cada un de nós.

Unha das campañas da Xunta a prol do etiquetado en galego
Unha das campañas da Xunta a prol do etiquetado en galego
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA