A Ruta Eurovelo en Galicia quedará plenamente sinalizada entre Tui e Fisterra

A Xunta de Galicia anunciou a ampliación da sinalización da Ruta Eurovelo, cun investimento de 1,4 millóns de euros, con motivo do Día Mundial do Turismo, centrado na innovación e os investimentos verdes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 27/09/2023 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia anunciou a ampliación da sinalización da Ruta Eurovelo, cun investimento de 1,4 millóns de euros, con motivo do Día Mundial do Turismo, centrado na innovación e os investimentos verdes. Por iso mesmo, o lugar escollido este ano para a celebración foi o Miradoiro das Lourenzas, na Guarda. Ata alí desprazouse o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado de representantes do sector turístico e concellos de Baixo Miño.

A Ruta Cicloturista Costa Atlántica Eurovelo V1, unirá Tui con Fisterra co obxectivo de "seguir facilitando infraestruturas verdes e sustentables, no marco do impulso ao cicloturismo e a un turismo sustentable. Cun investimento previsto de 1,4 millóns de euros, a sinalización desta ruta permitirá "garantir unha mellor convivencia entre cicloturistas, peregrinos e veciños", xa que o seu trazado coincide en gran parte co do Camiño Portugués.

"Falar de cicloturismo é falar de iniciativas que fan de Galicia un destino mellor, un destino sustentable e un destino diferenciado no que o fomento do turismo deportivo contribúe a facer de Galicia un destino de turismo tranquilo que crece con sentidiño", sinalou Merelles, que percorreu un tramo da futura vía en bicicletas eléctricas acompañado de alcaldes e concelleiros do territorio.

Ruta EuroVelo
Ruta EuroVelo | Fonte: Arquivo

Coa sinalización da Ruta Costa Atlántica V1 entre Tui e Fisterra, Galicia será un dos poucos territorios nacionais con dúas rutas cicloturistas internacionais sinalizadas: a que percorre todo o litoral atlántico europeo durante máis de 2.000 quilómetros e o V3 ou Ruta dos Peregrinos, que transcorre en moitos países segundo o trazado do Camiño de Santiago.

Ambas as rutas confluirán en Fisterra, concluíndo así un proxecto de sinalización das rutas cicloturistas en Galicia, nas que coincidirán peregrinos e ciclistas, en máis de 565 quilómetros. A Rede Eurovelo é unha rede que atravesa 24 países ao longo de máis de 90.000 quilómetros por toda Europa e que é empregada tanto por cicloturistas como polos habitantes locais que realizan os seus traxectos diarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta