Allariz organiza a XXVI Andaina e o IV Trail o 8 de xuño

Ese día tamén haberá probas para que as novas xeracións se inicien na práctica deportiva nun ambiente familiar e amigable. Ás 12:00 horas terán a súa oportunidade co MiniTrail e a MiniAndaina (8 quilómetros). As inscricións para participar neste evento xa están abertas e poderán realizarse a través da plataforma Sportmaniacs ata o 4 de xuño.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 03/05/2025 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

A Andaina e o Trail de Allariz teñen unha longa tradición, e este ano o evento contará con máis modalidades que nunca, adaptadas a todas as idades e niveis de condición física. Desde as persoas máis pequenas ata as corredoras e os corredores máis experimentados, todas terán a oportunidade de participar en distintas probas, entre as que se inclúen andainas, trails e minitrails, que se celebrarán en distintos horarios ao longo do día.

Presentación das probas deportivas. Foto: Concello de Allariz.
Presentación das probas deportivas. Foto: Concello de Allariz.

Os percorridos atravesarán zonas de gran beleza, como os montes de Allariz, as beiras do río Arnoia e as sendas que cruzan a Reserva da Biosfera. Pero, ademais da natureza, as e os participantes tamén poderán gozar do casco urbano de Allariz, que se converterá nun escenario vibrante para todas as persoas asistentes.

A xornada arrincará ás 9:00 horas co Trail longo (35 km) e a Andaina longa (24 km), que se presentan como as modalidades máis desafiantes. Ás 10:30, será a quenda do Trail curto (17 km) e a Andaina curta (14 km), modalidades para aquelas e aqueles que buscan retos algo máis accesibles, pero sen renunciar á beleza do percorrido e á sensación de superación.

Non faltarán tampouco as probas para as persoas máis pequenas, que ás 12:00 horas terán a súa oportunidade co MiniTrail e a MiniAndaina (8 km), ideais para que as novas xeracións se inicien na práctica deportiva nun ambiente familiar e amigable. As carreiras infantís, denominadas Trailciño, comezarán sobre as 13:00 horas, e serán gratuítas para nenos e nenas de 0 a 16 anos. A inscrición para estas probas realizarase de maneira presencial ou por teléfono no Complexo Deportivo de Vilanova.

INSCRICIÓNS

As inscricións para participar neste evento xa están abertas e poderán realizarse a través da plataforma Sportmaniacs ata o 4 de xuño ás 23:59 h. As tarifas de inscrición varían dependendo da modalidade e da data de rexistro. Ata o 12 de maio, os prezos son máis reducidos, cunha tarifa de 18 € para as probas de Trail longo e curto, e 12 € para as andainas e o MiniTrail. A partir do 19 de maio, os prezos aumentarán, establecendo un custo de 22 € para os trails e 15 € para as andainas.

Para calquera dúbida ou información máis completa pódese contactar no teléfono 988 442 083 ou por correo electrónico en deportes@allariz.gal.

CONCIENCIACIÓN COA SOSTIBILIDADE

Un dos aspectos que distingue este evento é o seu compromiso coa sostibilidade e a protección do medio ambiente. A organización fai un chamamento á responsabilidade ecolóxica, recomendando ás participantes que traian os seus propios recipientes de hidratación, xa que non se ofrecerán vasos de plástico nos avituallamentos. Esta medida, aparentemente pequena, contribúe á preservación dos espazos naturais polos que transcorren as probas e tamén ten como obxectivo reducir o impacto ambiental do evento.

A xornada rematará cunha festa de convivencia no Complexo Deportivo de Vilanova, onde se entregarán os trofeos ás gañadoras e aos gañadores, e tamén se celebrará o sorteo de agasallos entre todas as persoas participantes nas probas participativas non competitivas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta