Nove e sete anos de cárcere para dous acusados de enviar cocaína desde Vilanova ata Barcelona en coches con dobre fondo

O tribunal explica que, polo menos entre o ano 2017 e xaneiro de 2019, os procesados "despregaron actividades tendentes á provisión e comercialización de sustancias estupefacientes, concretamente cocaína, para a súa posterior distribución entre os consumidores finais ou distribuidores secundarios no mercado ilícito".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 29/09/2023 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 9 anos e a sete anos e nove meses de cárcere, respectivamente, a cada un dos dous acusados de enviar importantes cantidades de cocaína desde Vilanova de Arousa ata a provincia de Barcelona en coches con dobre fondo. Os vehículos eran conducidos por unha terceira persoa, xa falecida.

Nunha sentenza con data do 27 de setembro e da que informou este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a sala reitera a condena por un delito contra a saúde pública de sustancias que causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia e doutro delito de pertenza a grupo criminal. Ademais, impúxolle a cada un deles o pago dunha multa de 433.000 euros.

No fallo, o tribunal explica que, polo menos entre o ano 2017 e xaneiro de 2019, os procesados "despregaron actividades tendentes á provisión e comercialización de sustancias estupefacientes, concretamente cocaína, para a súa posterior distribución entre os consumidores finais ou distribuidores secundarios no mercado ilícito".

As xuízas afirman que, para enviar as partidas de droga, servíanse "de vehículos modificados para dotalos de compartimentos ocultos en dobres fondos nos que ocultala, conscientes do dano que para a saúde pública implicaba". En concreto, as maxistradas aseguran que un deles (o condenado a maior pena de cárcere) "coordinaba e dirixía a actuación dos outros dous acusados desde o seu domicilio" para o que realizaba os "contactos precisos cos subministradores para facerse coa cocaína para a súa distribución".

Pola súa banda, o outro condenado encargábase "da disposición dos vehículos empregados no transporte, así como da manipulación da sustancia estupefaciente que distribuían". Contra a sentenza cabe recurso de apelación no prazo de dez días.

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta