A Deputación de Pontevedra suspende a rehabilitación de Santa Clara para cambiar a proposta museística

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, afirmou que el e o seu equipo están "profundamente desconformes" co "fondo" do proxecto paralizado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2023 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou que a institución provincial descarta continuar cos proxectos do concurso de ideas para rehabilitar o convento de Santa Clara porque "a proposta do anterior goberno era a de vandalizar, era a de esnaquizar, os xardíns de Santa Clara para facer un almacén".

Segundo explicou este martes o vicepresidente nunha rolda de prensa celebrada na igrexa do antigo cenobio das clarisas, tras asumir a responsabilidade política do Museo de Pontevedra e estudar "en profundidade" o proxecto que o anterior goberno para Santa Clara, atoparon unha "enorme deficiencia" neste concurso de ideas, xa que "querían converter unha parte de Santa Clara en simple almacén de restos arqueolóxicos".

"Todos os equipos de arquitectura que se presentaron ao concurso de ideas seguiron estas directrices que, desde o noso punto de vista, son erróneas", polo que se renuncia agora a todos eles.

Segundo informou o vicepresidente da Deputación, foron precisamente estes os motivos que provocaron o cesamento do anterior director Jose Manuel Rey, "que era un cargo de confianza que levaba traballando nun proxecto radicalmente diferente" ao novo que se quere iniciar.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra afirmou que el e o seu equipo están "profundamente desconformes" co "fondo" deste proxecto gañador pero tamén coa "forma" do mesmo, porque os 2.500 metros cadrados de almacén serían escavados na horta do antigo convento de clausura "xerando unha agresión mortal a uns xardíns que levan uns 400 anos sen ser vistos polos pontevedreses".

Rafa Domínguez recalcou que a súa intención é a de "manter a esencia" do edificio pero tamén dos xardíns, "que son tan importantes como o é o propio convento" e por iso entende que "a agresión a estes xardíns é inaceptable". Paralelamente, defendeu a súa idea de impulsar o recinto como espazo museístico e parte fundamental do Museo de Pontevedra, aberto á cidadanía, conservando e incorporando os xardíns.

RESPOSTA DE CÉSAR MOSQUERA

O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, saíu ao paso desta decisión da administración provincial criticando ao vicepresidente provincial por "desfacer todo o feito" no Museo de Pontevedra nos últimos anos, actuando como un "destroyer".

Ademais, acusou a Domínguez de converter o Museo nunha dependencia xestionada directamente polo Partido Popular e asegurou que o cambio de proxecto anunciado é unha desculpa para adxudicar a dedo unha nova proposta

Para César Mosquera, anterior responsable político do Museo, a anulación do proxecto de rehabilitación de Santa Clara co fin de cambiar a proposta museística é unha "desculpa de mal pagador", un motivo que aínda parecendo plausible, non está xustificado, xa que o anteproxecto gañador do concurso podería desenvolverse sen problema retirando a parte referir a a arqueoloxía, segundo argumentou.

Convento de Santa Clara en Pontevedra
Convento de Santa Clara en Pontevedra | Fonte: Zarateman - Wikimedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta