Besteiro, entre os sete representantes do PSOE que integrarán a comisión que negociará a investidura de Sánchez

O deputado pola provincia de Lugo e exdelegado do Goberno en Galicia segue cobrando protagonismo dentro do PSOE, e xa sona como o líder dos socialistas galegos para encarar a presidencia galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 04/10/2023 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O líder do PSOE, Pedro Sánchez, elixiu ao deputado pola provincia de Lugo e exdelegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, como un dos sete representantes da súa formación que integrarán a comisión que negociará cos restantes grupos parlametarios de face á conformación do goberno en España.

Este órgano estará formado, ademais de por Besteiro, pola vicesecretaria xeral do PSOE e ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero; o secretario de Organización, Santos Cerdán; a portavoz do PSOE e ministra de Educación e FP en funcións, Pilar Alegría; a secretaria de Política Internacional e Cooperación do PSOE, Hana Jalloul; o ministro da Presidencia en funcións, Félix Bolaños; e o deputado no Congreso Óscar Puente. A comisión será a encargada de levar a cabo as negociacións cos Grupos Parlamentarios do Congreso, con excepción de VOX.

Así o deu a coñecer o Partido Socialista na xornada na que o seu secretario xeral e presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, iniciou a súa rolda de contactos cun primeiro encontro coa vicepresidenta do Goberno e ministra de Traballo en funcións, Yolanda Díaz, presidenta do Grupo Parlamentario Sumar.

UNHA MAIOR PRESENZA DE BESTEIRO

Desde a súa volta á primeira liña política tras permanecer apartado do foco mediático sete anos polas súas imputacións por parte da xuíza Pilar de Lara (todas elas quedaron arquivadas e a maxistrada foi sancionada e apartada do xulgado de Lugo), Besteiro foi cobrando un maior protagonismo no Partido Socialista.

En concreto, o político lucense regresou á política para ocupar o cargo de delegado do Goberno en Galicia, unha responsabilidade da que dimitiu para encabezar a candidatura do PSdeG ao Congreso pola provincia de Lugo. Ademais, nun contexto no que o seu nome soa como posible aspirante ás primarias nas que os socialistas galegos elixirán o seu candidato á Presidencia da Xunta, Besteiro tamén participou na política estatal.

Así, desde a constitución das novas Cortes, o Partido Socialista outorgoulle visibilidade ao designalo como o parlamentario encargado de defender o uso das linguas cooficiais na Cámara baixa. Agora, a dirección do PSOE volve pór o foco nel ao situalo como un dos sete socialistas que levará a cabo as negociaciacións de face á conformación dun novo goberno.

PRIMARIAS

Percisamente, a dirección federal do PSOE aprazou as primarias que os socialistas galegos convocaran para o pasado mes de setembro "ata a celebración da sesión de investidura e a eventual formación de Goberno". De face a este proceso interno, diferentes voces socialistas apuntan a Besteiro como a persoa que podería dar un paso adiante. Ademais, está no aire se o que fora secretario xeral do PSdeG e actual parlamentario autonómico, Gonzalo Caballero, decide finalmente presentarse a este proceso.

O deputado do PSOE no Congreso por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, no Congreso
O deputado do PSOE no Congreso por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, no Congreso | Fonte: PSdeG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta