Muller dun alcohólico: "Eu tamén estou enferma, vivín unha vida que non era a miña, sempre tentando controlalo" (Parte II)

Un alcohólico enferma a unha media de catro persoas do seu entorno, que poden chegar a enfermar e sufrir tanto ou máis que o propio alcohólico. O problema é que as familias non o recoñecen e sempre poñen boa cara no exterior, cando en verdade na casa hai un drama moi grave que ten que ser atendido.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O alcoholismo non só resulta perxudicial para a persoa que o padece, que pode rematar con trastornos e problemas físicos que lle causen a morte, senón tamén para a familia e os achegados que o rodean. De feito, está comprobado que un alcohólico enferma a unha media de catro persoas do seu entorno, que poden chegar a enfermar tanto ou máis que o propio alcohólico, e a sufrir tanto ou máis. O ocultamento, a vergonza, o medo ás recaídas... Son algunhas das cuestións que deixan nun sen vivir continuo aos familiares.

Cervexa, vaso, alcol, bar, bebida
Cervexa, vaso, alcol, bar, bebida | Fonte: Pixabay - Arquivo

Así nolo explican dende a asociación de familiares de persoas alcohólicas de Al-Anon, creada a partir de Alcohólicos Anónimos para axudar aos familiares dos alcohólicos a superar o trastorno que esta enfermidade lles está a causar nas súas vidas. Cóntanolo Gemma, que apunta que esta asociación fundouse nos Estados Unidos no ano 1951, 20 anos despois da aparición de Alcohólicos Anónimos, o que demostra, na súa opinión, "que os familiares sempre vamos por detrás dos alcohólicos, intentando controlalos, intentando vivir a súa vida e non a nosa".

Como xurdiu? "As mulleres dos alcohólicos que se reunían nos Estados Unidos sempre estaban agardando fóra nos coches para nada máis saír do grupo levalos para a casa directos, sen posibilidade de que se fosen para o bar, e a muller da casa onde se facía unha desas reunións estaba a preparar o café para os compañeiros do seu marido cando veu fóra a estas mulleres e invitounas a pasar; empezaron a falar e viron que estando xuntas tamén elas saían de alí con dous quilos menos de carga, dous quilos menos na mochila que levaban ás costas, así que comezaron a reunirse elas tamén", explica Gema. En España Al-Anon como tal fundouse o 7 de outubro de 1963, polo que xa cumpre 60 anos.

E é que a problemática das familias non é un asunto menor, xa que tal e como expón Gemma, "a nós cústanos o dobre recoñecer que estamos enfermos". E reflexiona que se por cada persoa alcohólica hai catro familiares afectados, habendo 20 grupos de Alcohólicos Anónimos en España, de Agacom debería haber 60, pero só hai cinco. Por que? "Precisamente porque nos custa moito admitir que nós tamén estamos enfermos, sempre cremos que nós somos os cordos, os que recollemos do chan ao alcohólico se se cae, os que controlamos...", apunta Gema, que asegura que, en verdade, "estamos cheos de vegonza, de medo, de moitas cousas das que tamén temos que recuperarnos, pero que ata que as recoñecemos pasan 20 anos, tocando o fondo cando xa é tarde".

"Eu cando vía nas películas á xente presentarse nas reunións de alcohólicos dicindo 'ola, son alcohólico' pensaba 'que pesados', e agora son eu a que digo 'ola, son Gema, familiar dunha persoa enferma e eu tamén estou enferma', porque agora sei quen son eu, antes non o sabía, sempre estaba vivindo a vida doutra persoa", lamenta esta muller, que engade que "cando o meu familiar (no seu caso o seu marido) estaba mal, eu estaba mal, se estaba ben, eu estaba ben...". "Somos como un resorte, reaccionamos en función de como está o outro", considera.

Consumo de alcol
Consumo de alcol | Fonte: Flickr - Arquivo

"SUBIU AO PALCO NUNHA VODA E DÁBAME VERGONZA, SEN ESTAR BORRACHO"

Entre todas as enfermidades que acaban padecendo os familiares dun alcohólico, Gema destaca a vergonza, algo que ela aínda está en proceso de superar, pois é o máis difícil. "Eu cría que xa me quitara bastante a vergonza, pero fai cousa dun mes dinme conta de que non, collín as vacacións de setembro e tiven unha voda", conta. E explica que "o meu marido bebe menos, pero bebe, e estabamos na voda antes de entrar ao banquete, onde había pinchos, e vexo que saca a guitarra e ponse a cantar cos músicos, xa morría de vergonza". Entre os seus pensamentos estaba 'ai, Señor, que vergonza'. Aí deuse conta de que estaba tendo unha recaída ela mesma, non o seu marido, pois "non estaba nin borracho, el é así, alegre, ademais ninguén lle estaba facendo caso, a xente estábao pasando ben, era cousa miña".

Chegados a este punto, e como forma de axuda a outras persoas familiares de alcohólicos que se atopen en situacións parecidas, Gema fala das tres 'C's'. "A min axudáronme moitísimo": "Nós non causamos a enfermidade, aínda que os alcohólicos nos adoiten culpar e nós adoitemos crelos; nós non podemos controlalos, estar pendentes de ver onde están ás once da noite ou de en que sitio beben, desengancharse deses pensamentos invasivos é unha liberación; e debemos comunicar, porque a enfermidade do alcoholismo sempre está moi silenciada, baseada no 'non fales', 'non contes', 'o que pasa na casa quédase na casa', de xeito que os familiares sempre vamos cunha máscara porque diante da xente comportámonos dunha maneira e dentro da casa doutra".

A estas 'C's' hai que engadir outras como a confianza, tanto na persoa alcohólica coma nun mesmo, en que se un cambia todos cambian, "porque se por cada enfermo alcohólico hai catro familiares afectados, por cada un deses familiares pode haber outros tres ou catro, polo que se o familiar mellora, os outros tamén mellorarán", explica Gema. O proceso é moi complicado, pero ao igual que sucede no caso dos alcohólicos, o primeiro paso é recoñecer que se ten un problema, e un problema derivado da convivencia ou cercanía a unha persoa alcohólica.

"MIÑA MULLER ESTIVO INGRESADA E PENSA QUE TIVO QUE VER COS MEUS ERROS"

A modo de exemplo, Juan conta como a súa saída do alcol non tería sido posible sen o apoio da súa muller. "Ela animoume a dicir sempre que a familia é moi importante para axudar ao alcohólico a recuperarse e para prestarlle apoio", di. De feito, o sufrimento da súa muller foi tal que, como confesa Juan, "ela estivo ingresada no hospital en Santiago", e "non sei como non me garda rencor, porque aínda que eu non sei se o baixón que ela pegou foi culpa miña, ela si pensaba que tiña relación cos meus erros".

Este ex alcohólico indica que houbo un momento despois dese episodio no que ela se achegou e lle dixo 'perdoneiche', e el preguntouse o por que. "Aínda hoxe non podo asegurar que ela estivese ingresada pola miña culpa, eu non o sei, pero deus queira que a miña cabeza vaia olvidándose dun mesmo para pensar nos demais", desexa Juan, que comezou por cousas tan pequenas como "facerme a cama eu mesmo, aínda que pareza unha estupidez, todo axuda ao cambio".

"OS ADOLESCENTES SON OS ETERNOS ESQUECIDOS"

Paralelamente a Al-anon tamén existe Alateen, destinada a adolescentes que sexan familiares ou amigos de persoas alcohólicas, de entre 12 e 19 anos, aínda que tamén poden asistir nenos e nenas máis xóvenes, sempre supervisados por dous adultos de Agacom por se sucedese algo. "Os adolescentes son os eternos esquecidos, mesmo máis que nós como familiares", considera Gemma.

Se xa de por si a adolescencia "é unha época mala porque non sabes quen eres e estás descubríndote como persoa", se por enriba o teu proxenitor bebe e o outro proxenitor está detrás del todo o tempo, "quen se ocupa dos rapaces?". "Cantos adolescentes hai que teñen que facer o papel de pais cando non lles corresponde?", pregúntase Gema. Lamentablemente na actualidad só hai un grupo de Alateen, en Vigo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta