Temas: AUGA XUNTA FEGAMP

A Xunta non apoia a moratoria do canon da auga solicitada pola Fegamp

Desde a FEGAMP denuncian un aumento das contías que lles cobra a Administración autonómica por mor da aprobación o ano pasado da lei do ciclo da auga.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2023 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da que depende Augas de Galicia, cre que "non é de recibo" a moratoria que solicita a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para aprazar o cobro das liquidacións que o organismo autonómico solicita a aqueles concellos por xestionar as súas depuradoras.

Iso si, o departamento que dirixe Ethel Vázquez móstrase "a disposición" da federación municipalista "para manter cantas reunións considere oportunas para reforzar a colaboración" na xestión deste servizo municipal.

Así responde a Consellería despois de que o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, mantivese unha reunión con varios rexedores que denuncian un aumento das contías que lles cobra a Administración autonómica por mor da aprobación o ano pasado da lei do ciclo da auga.

A Xunta lembra que esta norma foi "sometida a un proceso de diálogo" cos concellos e coa Federación de Municipios e Provincias, ademais de que estivo en proceso de información pública durante un prazo que se ampliou "en dúas ocasións".

Por tanto, a Consellería cre que "non é de recibo" a petición desta moratoria cando as administracións locais "son coñecedoras, desde o primeiro momento, do contido e do alcance da lei, que non ten senón como único obxectivo alcanzar unha xestión profesionalizada do ciclo integral da auga".

Ademais, lembra que esta lei ofrece un "modelo voluntario" de xestión das depuradoras, é dicir, que son os concellos os que deciden se delegan ou non na Xunta a xestión das depuradoras.

Neste contexto, a Administración autonómica defende a súa lei, desmente que se creasen novas taxas aos usuarios e tacha de "absolutamente falso" ese incremento do 60 por cento que, segundo a Fegamp e a oposición (BNG e PSdeG), ía supor esta norma.

SOBRECUSTOS POR "INEFICIENCIAS"

O que fai a nova regulación, explica a Consellería, é facer unha estimación da auga que, en función da poboación á que dá servizo, debería chegar a cada depuradora para o seu tratamento, así como unha aproximación da carga contaminante.

O obxectivo é evitar ineficiencias na rede municipal de saneamento e impedir que augas que non teñen por que chegar ás instalacións --como a de choiva e a do mar-- se teña que tratar.

Son estas "ineficiencias" nas redes de saneamento as que provoca que haxa que "repercutir" aos concellos --non aos veciños-- o sobrecuto que supón o tratamento dese exceso de caudal ou de contaminación, o cal "non se debería producir se as redes municipais estivesen en bo estado".

Arquivo - Reunión da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co presidente da Fegamp, Alberto Varela. XUNTA/ CONCHI PAZ - Arquivo / Europa Press
Arquivo - Reunión da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co presidente da Fegamp, Alberto Varela. XUNTA/ CONCHI PAZ - Arquivo / Europa Press

Temas: AUGA XUNTA FEGAMP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta