Isis dos ollos grandes

Nesta sesaxésimo terceira entrega de Viaxes sen Lee, o explorador emocional Gabriel Rei-Doval bate de novo cos dilemas da relixiosidade organizada

Por Gabriel Rei-Doval | Geyserville (California, USA) | 20/10/2023 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Deixei Mendocino de mañanciña. O convite de Al e Marsh para navega-la costa circundante no seu Nautillus semellaba un déjà vu da Iberia inaceptable. Así que paguei a gasolina máis cara do país e sen agardar retomei o rumbo sur da 101.

A verde floresta do Templo de Isis en Geyserville
A verde floresta do Templo de Isis en Geyserville

Os incendios forestais seguían no aínda afastado condado de Los Ángeles, mais eu centreime na ruta das frondosas arboredas. A bonanza continuaba lonxe da urbana California que xa gozara en viaxes precedentes, e case sen me decatar arribei naquela diminuta vila do condado de Sonoma con escaparates de antano, beirarrúas de madeira e arrecendos deliciosos.

O primeiro deber de todo peregrino en ruta é asegura-la pousada nocturna, mais os azares de airbnb leváranme xa ó templo local da exipcia Isis. Así que arrombei a miña equipaxe lixeira nun cuarto luminoso e perdinme entre os pavillóns de espazos amplos, onde se respiraba un aire tan vaporoso coma os géyseres daquela vila do salvaxe oeste.

Saín do cuarto e paseando atopei en animada conversa familiar a Colleen, adubada con vestido branco ata o calcaño, feliz polo seu casamento inminente naquel soleado día de novembro. Con curiosidade pregunteille se programara a cerimonia naquel centro de retiro e respondeu que o ritual do enlace tería lugar nun outeiro próximo, en Cloverdale. 

E de súpeto apareceu unha alteradísima Heather, co seu vestido de tripla cenefa cebra e ouro, longa saia de tubo, zapatos de tacón de cinguidoiros dourados e grilandas brancas sobre liso cabelo longo. Os seus ollos tamén abombados tomaran forma circular munchiana: a diminuta Dolce desaparecera mentres as noivas se acicalaban no vestidor do cuarto. En frenética procura canina, convidados e noivas bulían coma polos sen cabeza. E eu, mentres voltaba ó cuarto de vagariño, adiviñei na floresta o cintilar duns olliños chihuahua agachados tras un mangado de gardenias brancas. Achegueime con coidado e, acariñándolle o lombo pardo e negro, tomeina polo ventre con agarimo. A súa reacción con rabexar protestón alertou a Heather, que axiña correu onda min, desfacéndose en agradecemento. Polo visto, Dolce levaba días incomodada por un casamento que lle restaría atención na casa. Tamén Colleen chegou cuberta de gardenias brancas e as dúas alternaban pregarias, agradecementos e súplicas para unirme á súa cerimonia nupcial. 

Con Auris no centro de retiro da deusa Isis
Con Auris no centro de retiro da deusa Isis

Logo dun intre en cortés negativa aceptei e Esther, irmá de Colleen e camioneira nas rutas californianas, insistiu en levarme ata o lugar do enlace no seu Daimler eCascadia do trinque. Así que, adiando ata a mañá seguinte o plan de estira-las pernas ata Russian River e goza-las vintesete esculturas do Sculpture trail, alá fun ó casamento pagán en camiseta verde e vaqueiros azuis, sorprendido de que a miña vestimenta moving on para nada xerase ollares de reprobación na socialmente móbil California, allea ós resesos valores da vetusta Europa. 

Así, na cabina do eCascadia, cheguei a un outeiro de vistas divinas sobre a bisbarra. A carreiriña dun can separaba o aparcadoiro de arxila do círculo entre os carballos, adubado para a ocasión con abelorios cristalinos e imaxes diminutas de Isis montadas sobre fío transparente. O núcleo duro do grupo seica-exipicio rodeou a Colleen e Heather, desprovistas dos seus elegantes zapatos na forza telúrica da herba. E baixo o sol do oeste, catro parellas pagás  invocaron na cerimonia nupcial cadanseu punto cardinal naquel cuadraxésimo sétimo día do outono de dousmil dezaoito.

A celebración rematou entre aplausos e sorrisos empáticos e Esther confirmou que todo estaba listo no reservado de Diavola para a cea vegana que pecharía as celebracións antes de as noivas recollérense na suite nupcial da deusa Isis. Unha vez no xantar, na longa mesa nupcial esgazada entre o paganismo exclusivo e o resto do mundo, fixen de biombo entre a compangada amable das familias e os ollares distantes das parellas oficiantes da espiritualidade senlleira. Mais todo rematou axiña, cando o Key Lime Pie cociñado en forno caseiro, que contraviña as ríxidas normas sanitarias do restaurante, ocasionou o traslado do doce remate nupcial ó divino oasis. 

Os comensais voltaban con etílico camiñar exipcio ó divino templo mentres eu matinaba na exquisitez global das relixións. Se cadra a distancia entre a Nosa Señora e a Isis dos Ollos Grandes era similar á de calquera outra ortodoxia humana. A Nosa Señora está rodeada de pícaros querubíns; a inmortal Isis, coroada por disco vermello entre cornos de vaca e alados brazos, preside devocións orientais no cerne do capitalismo. E así muros e apartheids diversos seguen separando mulleres e homes, na tradición e na modernidade, no nome de relixións diferentes, en California, en Exipto, en Galicia, e en Israel. Ante iso, apenas queda un recurso, agardando que from the river to the sea, we should all be free!

Na porta do templo de Isis
Na porta do templo de Isis
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA