Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2023 | Actualizada ás 14:59
O director xeral de Pesca, Antonio Basanta, informou de que a campaña 'Galicia sabe amar' chegou a 270.000 persoas de forma directa a través dun milleiro de degustacións, as cales reparten entre 200 e 300 petiscos.
Na Comisión de Pesca, o director xeral sinalou que a Xunta destinou 880.000 euros a esta campaña, que se iniciou no verán de 2021 en recoñecemento ao sector pola covid e que aínda segue activa ata novembro, da cal fai un balance "sumamente positivo".
Así, catro 'gastronetas' percorreron ata a data ao redor duns 8.000 quilómetros por catro rutas tanto por municipios galegos como de fóra de Galicia. "Unha liña na que se debe e imos seguir", asegura Basanta. Pola súa banda, María Elena Suárez Sarmiento (PPdeG) deu o "parabén" á Xunta por esta campaña, na que están "ben gastados eses 880.000 euros", á vez que criticou que concellos como os de Vigo e Vilagarcía "rexeitaron" permitir 'Galicia sabe a mar' nestes municipios.
FALTA DE PARIDADE NO SECTOR
Noutra pregunta, a deputada socialista Patricia Otero denunciou a "escasa representación" das mulleres nos órganos de dirección do sector pesqueiro galego. De feito, alerta de que se vai "cara atrás" ao baixar de cinco a tres patroas maiores nas confrarías.
Neste sentido, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas Fernández, sinalou que "é certo" que é "escasa" a presenza das mulleres na dirección de entidades representativas "a pesar dos esforzos" do Goberno galego.
No entanto, Cortiñas Fernández lembra pasos dados como que o proxecto de lei para a igualdade efectiva entre homes e mulleres regula a creación dun observatorio de mulleres rurais e do mar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.