Os vapeadores: cando os menores metan nos pulmóns "produtos químicos a 400 graos" e "anticonxelantes"

O Goberno galego anunciou fai uns días a súa disposición a regular por lei o uso de vapeadores, sendo Galicia a primeira comunidade en falar do tema. E é que como apunta Manuel Isorna, experto en drogodependencia e profesor da UVigo, os vapeadores son unha porta de entrada ao consumo de tabaco tradicional.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Fai cuestión de días o Goberno galego anunciou a súa disposición a regular por lei o uso de vapeadores. Deste xeito, Galicia convertiríase na primeira comunidade española en poñerlle coto a un mercado en auxe que cada vez atrae a máis mozos e mozas menores de idade. Hoxe en día é habitual atoparse vapeadores de sabores en calquera 'stand' dun centro comercial, anunciados como algo menos nocivo para a saúde en farmacias ou substituíndo ás antigas máquinas de tabaco en bares. Xa non resulta raro ver a alguen na mesa do lado vapeando ou ver a menores reunidos nun parque con vapeadores mentres conversan. 

Mozo vapeando
Mozo vapeando | Fonte: Europa Press - Arquivo

Que pensan os expertos desta lei? Manuel Isorna, experto en drogodependencia e profesor da UVigo, asegura que "todo o aparato normativo e lexislativo é moi importante, porque sabemos que o feito de que haxa unha lei que restrinxa, prohíba ou sancione e obrigue ás forzas e corpos de seguridade do Estado a vixiar o consumo é efectivo, pois aínda que non vai erradicar por completo o consumo, si permitirá construír unha barreira moi importante para que unha gran parte dos mozos non teñan acceso a estas substancias a idades tan temperás como as que estamos vendo, onde radica o verdadeiro problema". 

Como explica, hai dous tipos de vapeadores: os que suministran nicotina e os que non, os que son de sabores. Sobre estes últimos, Isorna afirma que "fanos de sabores moi agradables e de coloríns para así captar a máis mozos". E é que, por lei, está prohibida a venda de vapeadores con nicotina, pero non sin nicotina, polo que "con esa dobre vertente a industria segue vendendo". Neste sentido, e aínda que a lei non está concretada polo momento, cre que "podería ser algo semellante a cando no seu momento se prohibiron os cigarrillos de chocolate porque incitaban ao consumo de tabaco", pois amósase convencido de que "sería moi importante prohibir aos menores de idade todo aquilo que poida simular o feito de fumar, porque sabemos que é unha coduta que se copia por modelado e que os pequenos usan estos dispositivos sen nicotina pero en canto poden dan o salto á nicotina".

Deste xeito, os vapeadores electrónicos actúan como vía de entrada ao consumo de tabaco. "O cigarrillo electrónico foi unha das grandes inversións da industria tradicional do tabaco, porque saben que é a porta de entrada ao tabaco tradicional", advirte Isorna, que apunta que "o xesto é o mesmo, o feito de ter algo entre as mans, esa 'muletilla' para aparentar seguridade, para calmar a inseguridade, que nos tranquiliza, que aumenta o noso atractivo (ou iso tentaron facernos crer)". Así, "conséguese enganar á poboación a través do valor simbólico que se lle atribúe ao cigarillo electrónico". Pero, mais aló diso, hai outro punto a ter en conta, e é o feito de que a propia industria do tabaco lle fixo crer aos fumadores que vapear era un método efectivo para reducir os danos derivados do consumo de tabaco tradicional.

A industria usa un termo que, en opinión deste experto da UVigo, é "moi controvertido": falan de "redución de danos". "Plantexan que é mellor fumar cigarrillos electrónicos que cigarrillos tradicionais, porque saben que unha gran parte dos seus consumidores de cigarrillos tradicionais, antes ou despois, vano a ter que deixar, e deste xeito retrasan que o deixen para ingresar máis cartos en caixa, facéndolles pasar ao cigarrillo electrónico facéndolles crer que é menos prexudicial", explica Isorna, que asegura que a día de hoxe os datos mostran que "entre un 60 e un 90 % dos fumadores que dan o cambio ao cigarrillo electrónico rematan fumando as dúas cousas". De aí a maneira de seguir retendo aos fumadores tradicionais.

Mozos vapeando
Mozos vapeando | Fonte: Europa Press - Arquivo

"VAPEAR OU FUMAR? PREFIRES TIRARTE DUN SÉTIMO PISO OU DUN NOVENO?"

A pregunta que xorde é: realmente é menos prexudicial entón vapear que fumar? Isorna ironiza sobre a cuestión: "E como se che pregunto: de que piso te queres tirar, do noveno ou do sétimo? Son danos diferentes". "É poñer ao fumador e á poboación ante un dilema absurdo, porque o natural é non fumar, o normal sería non inxerir ningunha desas substancias e non debería planteársenos como posibilidade o escoller entre unha ou outra, porque entón xa nos obrigan a decidir", reflexiona o experto en drogodependencia. Máis aló diso, afirma que "o cigarrillo tradicional non cabe dúbida do dano que causa, porque é evidente ao mirar os datos: é a droga que causa en España máis mortes ao ano, 52.000 falecidos por consumo de tabaco, cifra moi similar á de mortes por covid".

Sen embargo, o cigarrillo electrónico lévase menos tempo usando, pero os primeros datos xa son desalentadores. "Sabemos que tamén xera enfermidades respiratorias e dependencia, porque leva nicotina, e o gran problema do vapeador está en que para a persoa que o usa resulta moi difícil regular a cantidade de nicotina que inxire, porque como o ten na man permanentemente e da caladas máis ou menos fondas resúltalle difícil regular, adquirindo uns altos índices de nicotina en sangue, o que xera maior dependencia e que teña que estar fumando e vapeando permanentemente para non ter abstinencia", explica Isorna.

No caso dos vapeadores sen nicotina, os que levan saborizantes e son usados na súa maioría por menores de idade, o profesor da UVigo alerta de que tampouco son inofensivos. "Os mozos estanse a meter entre peito e espalda produtos químicos ao 100 %, pois todos eses saborizantes e edulcorantes son produtos químicos que entran no organismo a 400 graos, e requiren dun mecanismo para introducirse que é o aceite, do tipo glicerina ou propicerol". Por se isto fose pouco, advirte de que "se te fixas da igual que ese aceite o teñas a corenta graos ao sol que a corenta graos baixo cero, nunca se conxela, e para iso require doutros produtos químicos, da familia dos anticonxelantes dos coches, que os mozos tamén se están a meter entre peito e espalda". "O dano é enorme", conclúe.

A INDUSTRIA DO TABACO MULTIPLICOU POR DEZ AS GANANCIAS EN SEIS ANOS

Mentres tanto, e con prezos abusivos, pois os vapeadores non son precisamente baratos, a industria do tabaco fórrase máis e máis cada ano que pasa. Isorna asegura que os datos do comisionado do propio mercado de tabaco expoñen que no ano 2017 (con datos recollidos no 2016) en España facturábase sobre medio millón de euros. Hoxe en día xa se está preto dos 5 millóns de euros, cunha subida expoñencial das ventas que permitiu que os ingresos da industria do tabaco en seis anos se multiplicasen por dez. Sen a chegada dos vapeadores ao mercado, isto non tería sido posible. E é que souberon atopar un vacío legal para captar novos consumidores.

Isorna expón que a captación de novos consumidores é unha das claves en todas as industrias que fomentan condutas aditivas, xa sexa o xogo, as apostas, as drogas, o cánnabis, o alcol ou o tabaco. "Unha das claves está na idade de inicio e, sobre todo, en que se empece a consumir a droga (o tabaco non deixa de ser unha droga legal) cando o sistema nervioso se está a formar, sobre todo cando as cadeas neuronais se consolidan máis rápido, e por iso estas industrias van sempre aos máis débiles, aos mozos, aos que poder facer crer que tendo un cigarrillo na man ou vestindo unha roupa de marca eres máis importante, de aí que o seu target sempre sexan os adolescentes", afirma. O problema actual é que coas redes sociais e os 'influencers' os pais e a sociedade en xeral non se da conta de todo o que hai persuadindo aos seus fillos.

Aínda que hoxe, por lei, está prohibido que os 'influencers' e as series de grandes plataformas como Netflix fagan apoloxía do consumo de tabaco e dos vapeadores, "moitas veces compénsalles pagar a multa". "Que máis da que teña que pagar unha cantidade de cartos por anunciar se a industria me paga catro veces máis? E á industria tamén lle interesa pagar multas se con iso captan a novos consumidores, porque ao final é do que viven", asegura o experto. Pois a industria do tabaco é a única na que, antes ou despois, o consumidor morre ou abandona. "Tardará máis ou menos, pero o fumador é un consumidor que morre prematuramente, iso sabémolo, así que a solución da industria pasa por ir bordeando sempre a lei, para o que contratan aos mellores profesionais que lles fagan chegar á poboación máis moza bordeando a lei para facerlles crer que ter un cigarrillo na man lles vai a solucionar parte da súa vida", asevera.

"O ÚNICO QUE RELAXA O TABACO É O SÍNDROME DE ABSTINENCIA QUE CREA"

Mais o certo é que tamén existen moitos adultos que afirman e aseguran e xuran a ollos pechados que o tabaco lles relaxa. Canto hai de certo? Nada. "Ao contrario, o tabaco e a nicotina son grandes estimulantes", afirma Isorna, que convida a comprobalo cun exemplo: "Ti sentas a un adulto nunha cadeira durante cinco minutos e tómaslle as pulsacións, logo faslle fumar un cigarrillo e, trinta segundos despois de que o acabe, tómaslle de novo as pulsacións, verás como estas aumentaron en cinco ou seis sen facer absolutamente nada". Esa sensación de relaxación, por tanto, só se da porque, como sucede con todas as drogas, o tabaco xera un síndrome de abstinencia e cando o fumador está co 'mono' e fuma, reláxase, non porque el mesmo se relaxe, senón porque se lle está calmando o síndrome de abstinencia.

Carta de sabores de vapeadores
Carta de sabores de vapeadores | Fonte: I-Vape
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta