A borrasca 'Aline' ocasiona máis de 600 incidencias en Galicia

Na maioría de casos foron caída de pólas e árbores, e as cidades de Vigo, Santiago e A Coruña foron as máis afectadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2023 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

A borrasca Aline segue deixando a súa pegada en Galicia, con case 170 incidencias rexistradas polo CIAE 112 Galicia nas últimas horas, de maneira que o número acumulado de intervencións desde o pasado mércores ao mediodía xa supera as 600.

Desde a tarde deste xoves ata a mañá deste venres, o 112 Galicia rexistrou 169 incidencias, a maioría (104 casos) por caídas de árbores e pólas en estradas, seguidas por outros obstáculos nas vías (13 incidencias), danos en postes de iluminación ou material eléctrico (12 intervencións) e outras actuacións en estradas alagadas ou retirada de vexetación para previr riscos.

Ningunha das incidencias provocou danos persoais, e a situación máis complicada deuse na autoestrada A-6, onde un desprendemento no km 450, á altura de Becerreá  obrigou a cortar os carrís en sentido Arteixo. De feito, o corte permanece e habilitouse un desvío pola N-V.

Inundacións durante o paso da borrasca Aline en Vigo/Javier Vázquez - Europa Press / Europa Press
Inundacións durante o paso da borrasca Aline en Vigo/Javier Vázquez - Europa Press / Europa Press

VIGO, SANTIAGO E A Coruña, AS CIDADES MÁIS AFECTADAS

Segundo o balance do 112, os concellos de Vigo, Santiago e A Coruña foron os máis afectados o temporal, con 33, 27 e 21 incidencias rexistradas, respectivamente. Na cidade de Pontevedra o balance arroxa a cifra de 19 intervencións, e unha decena no municipio de Tui.

Na provincia de Ourense, destacan 4 incidencias no Barco de Valdeorras e 3 no Carballiño; mentres na provincia de Lugo, houbo 4 intervencións en Xermade, e tres incidencias en Friol, Ribadeo e Ribadavia.

ALERTAS ACTIVAS

Durante a mañá deste venres permanece activa a alerta vermella en gran parte do litoral da Coruña e Lugo por fenómenos costeiros, e con previsión de ondas que poidan superar os 8 metros. Tamén hai aviso amarelo por choivas.

En terra, segundo Meteogalicia (organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente), o maior refacho de vento das últimas horas quedou rexistrado a pasada madrugada en O Xistral, Muras, de case 140 km/h; mentres que o municipio lucense de Baleira rexistrou a maior acumulación de choiva (57,4 litros por metro cadrado).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta