GC Aberto

A memoria

Hai un par de anos atopei nun libro sobre o porto de Melilla unha referencia á Casa del Mar, e entristecinme. Non se mencionaba alí o meu pai: fora el, director a finais dos anos oitenta do Instituto Social de la Marina na cidade, quen impulsara a súa construción.

Por admin | Compostela | 22/10/2023

Comparte esta noticia

Almudena Otero Villena

Lugar de memoria
Lugar de memoria | Fonte: Comité de Memoria Histórica de Celanova

Que queda dos nosos seres queridos cando marchan? Que quedará de nós? Quedan as palabras, os acenos e agarimos, tatuados na pel. A nosa memoria: lembro que cando era nena, cada vez que o meu pai marchaba de viaxe á Península regresaba cun libro de regalo, e que en terras africanas comecei a ler en galego nunha historia de Galicia que el comprara. Que se ría lendo El Quijote. Que ao longo da súa vida foi quen de reunir unha enorme biblioteca, el, que se criou nunha aldea onde apenas había libros, pero onde a xente falaba (así mo dixo un día alguén) coma os poetas. 

Nos seus últimos anos, cando ás veces esquecía as cousas máis cotiás, o meu pai gostaba de falar da súa infancia e adolescencia, se cadra porque todo final é en verdade un regreso ao inicio. Dun avó caseiro, que nunha mula carrexou as pedras coas que se construíron os túneles do ferrocarril a Coruña; tantas que acabou facendo unha pequena fortuna e comprando unha boa casa na aldea. Doutro avó, Manuel, procedente de Nemenzo, que plantaba viñas e coidaba das árbores froiteiras, criaba abellas, arranxaba as pedras do muíño. Do serradoiro, e os gardas civís aos que lles había que regalar leña para non ter problemas.

De cando un dos seus irmáns estivo a piques de morrer, e o seu pai foi até o porto de Coruña para conseguir penicilina de contrabando. De cando nos anos cincuenta percorría os camiños de Galicia no camión do seu irmán Fermín. Do hospital que había no Hostal dos Reis Católicos e o mercado de gando na carballeira de Santa Susana. De cando baixaba correndo a rúa de San Roque para non mollarse coa choiva, nunha Compostela que era aínda unha vila de casas con horta, sen turistas nin tendas de souvenirs. Do instituto na praza de Mazarelos, onde estudou tantos anos latín. Da academia para preparar o bacharelato que tiña un cura preto de San Martiño Pinario, e que lle pecharon porque era moi mala. Das dúas Marías paseando pola Alameda.

Tamén a súa nai, a miña avoa, gostaba ao final de contar historias doutro tempo, dunha Galicia e dun mundo que xa non existen. Sobre os mouros que gardaban tesouros no castro, e as cruces para protexer o gando dos meigallos. Sobre Fermín Galán, fusilado en Jaca. Do Foucellas e do Curuxás, que traballou na construción do camiño de ferro e viviu na casa vella, e no 36 tivo que botarse ao monte. A miña avoa, que non foi moito á escola, tiña un galego poético e fermoso como un canto, e nesa lingua falou aos seus fillos e aos seus netos. Coas palabras que aprendeu dos seus pais, as que agroman do corazón e nos unen coa orixe, co que realmente somos, antes de máscaras e roles sociais. Honrar os que nos precederon é gardar a sua memoria. Non esquecer que somos tamén gardiáns das palabras que herdamos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta