Serán os propios centros os que fixarán os servizos mínimos para a folga de profesores deste martes

A CIG, convocante desta protesta contra o acordo de cocientes e horarios, critica a orde de servizos mínimos publicada pola Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 23/10/2023 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

Os equipos directivos dos centros educativos serán os encargados de fixar o persoal que conforme os servizos mínimos para a folga de profesores prevista para este martes no ensino público e concertado de Galicia. Convocada pola CIG, esta medida de protesta serve para rexeitar o acordo de redución de cocientes e horario lectivo pactado entre a Xunta e os sindicatos CCOO, ANPE e UGT.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou este luns unha orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) que incide na necesidade de que as dotacións mínimas garantan o "servizo esencial da educación", entendido tanto pola "actividade docente" como pola "vixilancia e coidado" dos menores.

Por iso, a Administración ordena que os centros deben permanecer abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza do director ou, no seu caso, outro membro da dirección que o substitúa. Naqueles colexios de menos de seis unidades, o director pode ser substituído por outra persoa que forme parte do equipo docente. En calquera caso, será a dirección de cada colexio ou instituto a que designe os distintos servizos mínimos e publicaraos no taboleiro de anuncios. A Consellería lembra que o seu incumprimento poderá ser motivo de sanción.

A folga está convocada pola CIG-Ensino, principal sindicato da educación pública galega que rexeita os servizos mínimos porque se prevé a apertura obrigatoria de todos os centros, o que "de seu supón unha clara limitación" para que os mestres que traballan nas escolas unitarias poidan secundar a protesta. En paralelo, a central nacionalista promove unha manifestación en Santiago de Compostela. Sairá desde Praza de Cervantes ás 12.00 horas e culminará nas dependencias da Consellería de Educación, en San Caetano.

Un profesor dá clase a un grupo de alumnos o día que arrinca o curso escolar en Galicia, no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela
Un profesor dá clase a un grupo de alumnos o día que arrinca o curso escolar en Galicia, no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

CONTIDO DO ACORDO

A folga será para rexeitar o acordo asinado o pasado 11 de outubro entre a Xunta e o resto de organizacións da mesa sectorial (CCOO, ANPE e UGT), cuxo principal punto inclúe a redución de cocientes a 20 alumnos por aula de forma paulatina desde 4º de Infantil (3 anos) a partir do curso 2024/25. Este proceso culminará no ano 2032/33 coa súa implantación en 6º de Primaria. Posponse a unha próxima negociación a mesma medida en ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

En canto ao horario lectivo, o acordo reducirá de 25 a 23 as horas de clase á semana a partir do próximo curso en Infantil e Primaria, aínda que seguen sen ser inferiores ás que había antes de 2011. O documento asinado tamén recolle subidas nos sexenios e nos complementos por labores directivos e de tutorización, así como a elaboración dun plan de redución de cargas burocráticas dos profesores.

CUT SÚMASE Á FOLGA

A folga solicitou o apoio doutras forzas sindicais que non están presentes na mesa sectorial docente non universitaria, que é o principal órgano negociador coa Administración. Aos respaldos xa anunciados de STEG e CSIF, sumouse este luns a CUT, que lamenta a "falta de capacidade negociadora" da mesa sectorial para recuperar dereitos para os profesores. A través dun comunicado, CUT critica o acordo porque "non reflicte a vontade do profesorado galego" e reclama medidas como a volta ao horario lectivo anterior a 2011 (21 horas en Infantil e Primaria, e 18 en Secundaria e FP).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta