‘Depresión na Cabina’, como se ve a saúde mental na industria musical

Coñecemos esta iniciativa que impulsa a coñecida picadiscos galega Eme DJ e que ten como obxectivo abordar a saúde mental no ámbito musical dende a súa e outras experiencias de artistas e produtores.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 29/10/2023 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

A saúde mental na industria musical é un tema que gañou relevancia nos últimos anos, pero segue sendo un tabú, especialmente no mundo dos DJs e produtores. Así o afirma Marta Fierro (Eme DJ), que sabe o que é pasar por elas, engadindo ademais que segundo un estudo da Universidade de Westminster e MusicTank, os músicos son tres veces máis propensos a sufrir de depresión e ansiedade que o público en xeral.

Eme DJ. Foto da súa web.
Eme DJ. Foto da súa web.

Detectado e coñecido este problema, Fierro decidiu impulsar un proxecto coñecido como “Depresión na Cabina”, unha iniciativa que ademais de servir de plataforma en liña trátase dun movemento en vivo que se desenvolve a través de xornadas e charlas en diferentes cidades de Galicia e do estado. Estes eventos ofrecen un espazo seguro para dialogar, compartir experiencias e acceder a recursos especializados en saúde mental.

Cada evento conta con DJs, artistas e outros profesionais da industria para abordar diversos aspectos do benestar emocional. Está aberto a aquelas persoas artistas e profesionais da música ou da saúde mental que queiran participar nas xornadas e conta con colaboracións de organizacións e profesionais da saúde mental para darlle un necesario enfoque psicosocial.

DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO

A carta de presentación deste proxecto é a súa propia páxina web, páxina que conta con recursos e axudas en liña, unha rede de apoio da comunidade, información e contacto.

Eme Dj picando discos. Foto da súa web.
Eme Dj picando discos. Foto da súa web.

E para expandir o seu alcance estanse a organizar eventos presenciais que contan coa presenza de artistas e profesionais da música e coa colaboración de organizacións e plataformas relacionadas coa saúde mental e a industria musical.

Durante as charlas lévanse a cabo diversas actividades: obradoiros prácticos sobre técnicas de relaxación, manexo do estrés e autocoidado, adaptados ás necesidades dos DJS e artistas; mesas redondas para intercambiar experiencias e crear espazos seguros onde as e os participantes poidan compartir as súas vivencias e atopar apoio mutuo; e tamén se proxectará o documental “medo ao medo” (2019) protagonizado por Eme DJ. Este traballo audiovisual, dirixido por Menchu Esteban, pon no foco a saúde mental e foi gravado cando Marta Fierro atravesou problemas de depresión, ansiedade, fobia social.

OBXECTIVOS

“Depresión na cabina” ten como obxectivo sensibilizar e divulgar información sobre a importancia da saúde mental na industria da música e romper estigmas e tabús relacionados coas enfermidades mentais. Así mesmo, busca proporcionar ferramentas prácticas para promover o benestar e a saúde mental dos DJs e artistas ademais de fomentar a colaboración e o intercambio de experiencias entre os participantes, creando unha rede de apoio e comprensión mutua.

Para saber como está evolucionando o proxecto falamos con Marta Fierro.

Como está funcionando a iniciativa e cantas actuacións levades dende a presentación oficial?

A iniciativa "Depresión en la Cabina" tivo un comezo moi prometedor. Desde a súa presentación oficial no Festival Underfest en Vigo, levamos a cabo varias actuacións, charlas e actividades. A resposta foi moi positiva, cunha gran asistencia e participación. A demanda para futuros eventos e charlas segue a crecer. Agora en outubro presentamos o proxecto en Madrid e o mes que vén en Barcelona e Bilbao, e estamos a falar para ir a Zaragoza antes de que remate o ano...

Como está reaccionando o público asistente a estas xornadas? Ademais de profesionais do mundo da música achégase xente doutros colectivos?

O público asistente reaccionou moi ben ás charlas e actividades de "Depresión en la Cabina". Notamos un gran interese e apoio tanto de profesionais do mundo da música como de persoas doutras colectivos interesadas na saúde mental. A resposta foi diversa e enriquecedora, xa que a saúde mental é un tema que afecta a moitas persoas, independentemente do seu campo de traballo.

Tedes en axenda máis intervencións en Galicia e a nivel nacional? Onde e cando?

Temos planeadas máis intervencións tanto en Galicia como a nivel nacional. Estamos a traballar na organización de futuras charlas en varias cidades como che comentaba antes, nas nosas redes sociais e páxina web iremos poñendo as datas, esperamos levar a nosa mensaxe a tantos lugares como sexa posible para crear conciencia sobre a saúde mental na industria musical e nas artes escénicas.

Aquí pódese ler unha entrevista publicada en Xornal de Lemos a Marta Fierro no 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta