Parlamento e sedes da Xunta acollen actos de condena polo crime machista da Coruña

A conselleira reiterou a repulsa do Goberno galego a "calquera tipo de violencia de xénero", ademais de destacar que situacións como esta "constatan que aínda queda moito traballo por facer"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2025 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

O Parlamento galego e sedes da Xunta, en Santiago de Compostela e noutras cidades galegas, acolleron actos de condena polo crime machista da Coruña, ocorrido o domingo e no que faleceu unha muller, casada co presunto agresor desde maio. A parella confesouse como autor dos feitos á súa anterior muller.

En Santiago, ante a sede central da Xunta, gardouse un minuto de silencio nun acto con presenza da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, do conselleiro de Cultura, José López, e doutros membros do Executivo.

A conselleira reiterou a repulsa do Goberno galego a "calquera tipo de violencia de xénero", ademais de destacar que situacións como esta "constatan que aínda queda moito traballo por facer". Tamén se dirixiu ás vítimas de violencia de xénero para que denuncien.

Ademais, no Parlamento galego gardouse este mediodía un minuto de silencio como sinal de repulsa contra a violencia machista tras o asasinato da muller, de 49 anos. A concentración estivo encabezada polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices.

Concentración ante a sede central da Xunta para condenar o crime machista da Coruña. XUNTA
Concentración ante a sede central da Xunta para condenar o crime machista da Coruña. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta