Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2023 | Actualizada ás 17:21
O Movemento Arredista, organización independentista integrada no BNG, fixo público un comunicado no que defende a postura de "non apoiar" a investidura de Pedro Sánchez debido aos "incumprimentos" do PSOE con respecto á maior parte do acordo da lexislatura pasada.
"Por dignidade e coherencia, pensamos que non podemos apoiar un novo goberno do PSOE", sinala o comunicado feito público, o que deixaría a porta aberta á abstención dos nacionalistas galegos no debate de investidura de Sánchez. A pesar do apoio inicial dado por Ana Pontón a unha investidura de Sánchez, os naiconalistas foron mudando ao seu posicionamento e agora sinala que un voto do Bloque non será "un cheque en branco".
Os arredistas explican que o PSOE "incumpriu a maior parte do acordo de investidura asinado en 2020 co BNG". "Isto debe facernos sacar conclusións e non pretender obter resultados diferentes se optamos por actuar agora da mesma forma", sinala.
Ademais, apunta que este goberno "defraudou boa parte das expectativas xeradas e incumpriu as súas promesas en relación á recuperación de dereitos recortados en anteriores lexislaturas". Pon como exemplos a coñecida como Lei mordaza e a reforma laboral (que non se derrogou por completo, pero si se modificou).
No mesmo comunicado, o Movemento Arredista, do que forma parte a deputada autonómica Noa Presas, tamén sostén que a acción institucional "ten que ser coherente co programa" electoral e coa caracterización que fan do PSOE e do que se defende nas rúas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.