O desemprego de xente nova en Galicia sube no terceiro trimestre de 2023

O total de desemprego xuvenil é de 18,4% mentres que durante o mesmo período o desemprego baixou en 2.500 persoas en toda Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/10/2023 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

O paro baixou en 2.500 persoas no terceiro trimestre do ano en Galicia, ata situarse nos 117.200 desempregados, o que supón un 2,13% menos que tres meses antes, segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta cifra contrasta coa rexistrada a nivel nacional, xa que no total de España o paro subiu en 92.700 persoas, ata os 2,85 millóns de desempregados.

Nos últimos doce meses, o número de desempregados galegos reduciuse en 17.700 persoas, un 13,11% menos que a finais de verán de 2022, mentres que en todo o país o desemprego baixou en 125.000 persoas, un 4,2% menos.

Pola súa banda, o número de ocupados en Galicia tamén creceu por encima da media nacional, con 14.200 novos empregos, un 1,25% máis, ata superar os 1,14 millóns de ocupados. Se se compara co mesmo trimestre do ano pasado, o incremento foi do 2,75%, con 30.600 persoas máis traballando.

Por sexos, a taxa de paro masculina en Galicia quedou no 8,43%, mentres que a feminina é do 10,2%. A media está no 9,29% na Comunidade. Así, hai 54.900 homes desempregados e 62.200 mulleres. A taxa de actividade é do 53,62%, continuando por baixo da media nacional, que se sitúa no 59,41%.

Por provincias, a que menos taxa de desemprego rexistra é A Coruña, cun 8,15%, seguida de Ourense, cun 8,64% e de Lugo, cun 9,39%. En Pontevedra, esta cifra é do 10,78%.

Traballadores realizando obras nunha rúa.. David Zorrakino - Europa Press
Traballadores realizando obras nunha rúa.. David Zorrakino - Europa Press | Fonte: Europa Press

DESEMPREGO XUVENIL

A taxa de desemprego xuvenil en Galicia subiu no terceiro trimestre ata o 18,4%, 0,4 puntos porcentuais máis que no tres meses anteriores, pero lonxe do 22,8% rexistrado entre xullo e setembro de 2022.

Así se desprende do 'Estudo sobre a relación coa actividade da poboación xuvenil' publicado este xoves polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que recolle que dos 327.300 mozos de entre 16 e 29 anos que hai en Galicia, 136.200 (un 41,6%) están ocupados, mentres que 30.600 (o 9,3%) están parados e os 160.400 restantes (o 49%) son inactivos.

Esta taxa de paro xuvenil dista da cifra global galega, que no terceiro trimestre quedou no 9,29%. Desta maneira, a taxa de actividade dos mozos en Galicia é do 51%, por encima dos datos do trimestre anterior (48,1%) e de hai un ano (48,5%), aínda que inferior á media galega (53,62%). Tamén creceu a taxa de ocupación ata o 41,6%, máis que o 39,5% do segundo trimestre e que o 37,5% de hai un ano.

Entre outros datos, no terceiro trimestre o 74,7% dos ocupados galegos entre 16 e 29 anos traballaba a xornada completa. Con respecto ao segundo trimestre, esta cifra sobe un 6,7%. Dos 126.900 asalariados novos, o 58,5% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido, caendo un 1,1% respecto ao trimestre anterior, pero aumentando un 32,7% en comparación con setembro de 2022.

Por cidades, a taxa de paro xuvenil en Santiago é a máis baixa de Galicia, co 4,4%, mentres que en Lugo é a máis alta, cun 13,2%. Na Coruña sitúase no 9,5%; en Ourense, no 8,2%; en Pontevedra, no 10,8%; En Vigo, no 13,1%, e en Ferrol, no 8,6%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta