Os galegos maiores de 65 anos poderán gozar dun programa de viaxes nacionais e internacionais con descontos

En concreto, esta medida, a imaxe dun 'Imserso galego', articularase como un dos beneficios do novo cartón Carné +65, que chegará de forma automática ao domicilio de máis de 700.000 galegos maiores de 65 anos para proporcionarlle vantaxes e descontos, como ocorre co Carné Xove.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2023 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social porá en marcha un programa de viaxes nacionais e internacionais con descontos para os galegos maiores de 65 anos que "queiran coñecer o mundo e vivir experiencias". Así o anunciou este venres a conselleira de Política Social, Fabiola García, que compareceu no Parlamento para detallar os orzamentos deste departamento para o próximo ano, no que contará cun montante total de 1.205 millóns de euros, un 12 % máis que o ano anterior e o triplo dos fondos que contaba este ámbito en 2009.

En concreto, esta medida, a imaxe dun 'Imserso galego', articularase como un dos beneficios do novo cartón Carné +65, que chegará de forma automática ao domicilio de máis de 700.000 galegos maiores de 65 anos para proporcionarlle vantaxes e descontos, como ocorre co Carné Xove. Esta semana, o presidente da Xunta xa avanzou que outra das vantaxes que terá será a gratuidade nas viaxes de autobús xestionadas pola Xunta.

Entre outras medidas para un envellecemento activo, a conselleira tamén apuntou que se reforzará o programa Benestar en Balnearios, que ata final de 2023 beneficiará a máis de 1.200 persoas, así como que nos próximos meses aprobarase a primeira Estratexia contra o Edadismo, un documento para "derrubar os estereotipos" desta etapa vital.

UNIVERSALIZACIÓN DOS COIDADOS

O orzamento de Política Social para 2024 contempla 540 millóns de euros para a atención a maiores e a mellora de servizos sociais sociocomunitarios, un 18 % máis que este exercicio. Ese ano, dixo Fabiola García, "daranse os primeiros pasos para a universalización dos coidados" das persoas en situación de dependencia, á vez que un novo decreto axilizará os trámites.

A conselleira mencionou a posta en marcha do Bono Coidado no Fogar, unha axuda de 5.000 euros ao ano para os máis de 20.000 galegos con dependencia que son coidados nas súas casas; e o complemento ao Bono Residencia, 1.200 euros anuais adicionais para o pago dun centro. Ambos os bonos serán universais, independentemente do grao de dependencia e da renda, e os orzamentos reservan unha partida de 100 millóns no primeiro caso e 55 no segundo.

Tamén falou a conselleira do incremento do 15 % do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que se dota con 130 millóns de euros para subir o número de horas a disposición dos concellos e cumprir o acordo coa Fegamp de financiar a 12 euros a hora de asistencia. Ademais, resérvanse 4,7 millóns para continuar estendendo a rede de casas do maior e 800.000 euros para o programa Respiro Familiar, así como tres millóns de euros para apoiar con 12.000 euros ao ano a todas as persoas diagnosticadas con Esclerose Lateral Amiotrófica, á "única comunidade" cunha axuda deste tipo.

Imserso
Imserso | Fonte: EP - Arquivo

DISCAPACIDADE E RISGA

Tal e como explicou Fabiola García, o orzamento da Xunta incrementará o apoio en atención á discapacidade ata os 172 millóns, un 4 % máis, fundamentalmente destinados ao concerto social, que facilitará que as persoas con discapacidade "non teñan que desprazarse longas distancia" para acceder a unha praza pública, á vez que favorece a estabilidade financeira das entidades.

Tamén aumentará nun 50 % as axudas para o tecido asociativo con cargo ao 0,7 % do IRPF, que no ano actual ascende a 9 millóns de euros só no sector da discapacidade, e resérvanse sete millóns para seguir ampliando a Rede galega de atención temperá. Galicia reforzará o próximo ano os equipos de valoración de discapacidade e de valoración de dependencia.

Na área de Inclusión Social, o investimento crecerá un 3 %, ata os 153 millóns de euros, dixo a conselleira, que avanzou que nas próximas semanas aprobará a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030. Fabiola García volveu a reclamar na súa intervención que o Estado transfira a Galicia a xestión do Ingreso Mínimo Vital, xa que a situación actual "xera unha gran inestabilidade para os beneficiarios desta prestación" e da Rigsa. A Xunta, ratificou, manterá o orzamento da Renda de Inclusión Social nos 46 millóns de euros para atender a todas as persoas que o soliciten e non poidan transitar ao IMV.

AMPLIACIÓN REDE DE CENTROS RESIDENCIAIS

Tamén dentro do ámbito da atención a maiores e dependentes, Galicia porá en marcha en 2024 novos centros, entre eles as primeiras residencias financiadas pola Fundación Amancio Ortega, a de Santiago, xa entregada e, proximamente, as de Lugo e Pontevedra. A estes centros sumarase a residencia pública de Ribeira, primeira baseada no novo modelo, a de Antas de Ulla e o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense.

Fabiola García tamén mencionou os primeiros centros de coidados intermedios públicos de España, que se abrirán en Santiago e Mos; e as novas residencias e centros de día de titularidade municipal financiadas a cargo do Plan de Investimentos da Xunta, de 18,5 millóns de euros. A Xunta tamén seguirá adaptando as residencias públicas ao novo modelo de coidados, cun investimento de 12 millóns en obras nos centros Torrente Ballester (A Coruña), Caranza (Ferrol), As Gándaras e A Milagrosa (Lugo), Os Milagres (Barbadás), Campolongo (Pontevedra) ou o CRAPD de Vigo, entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta