María Jesús Montero acusa a Rueda de "inventar" a condonación de débeda a Cataluña

A ministra de Hacienda en funcións tamén apuntou que o PP está facendo unha política de "permanente enfrontamento".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2023 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

A ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda de "inventar" a suposta condonación da débeda a Cataluña e criticou a política do PP de "permanente enfrontamento entre os territorios".

Nunha entrevista na Cadea Ser recollida por Europa Press, María Jesús Montero, reprochou a Rueda e ás comunidades do PP "inventar noticias falsas" sobre a condonación da débeda. "Especulan e din 'non imos tolerar...'. A ver, iso non ocorreu e como iso non ocorreu non se pode falar de tolerar".

Así, censurou que o PP fai unha política de "permanente enfrontamento" que, na súa opinión, "non conduce a nada novo". Por iso, manifestou que hai que ser capaces de "beneficiarse das vantaxes de construír unha España solidaria".

"Andar todos os días buscando enfrontamento, con falsas noticias tentando dicir que a outros lle dan o que a min non, paréceme que é unha polític moi vista e que non ten ningún tipo de efecto e crea un clima de confrontación onde algúns viven moi ben. Nós preferimos tender pontes, ser capaces de entendernos mesmo cos que pensan distinto, pero deixemos de inventar noticias", insistiu.

Sobre a amnistía, a ministra socialista pediu "non falar de prezos a pagar", senón de "proxectos de país, capacidade de entendemento, facer máis plena a democracia e superar os traumas que se produciron con motivo dos desagradables incidentes que se protagonizaron en Cataluña que tanto sufrimento provocaron tanto en Cataluña como no resto de España".

INVESTIDURA

Nesta liña, defendeu que cando os socialistas teñan un acordo cos grupos cataláns ou co resto irano contando "de inmediato" e poderán detallar "cales foron os extremos que posibilitaron ese acordo". Montero mostrouse convencida de que haberá investidura de Pedro Sánchez, xa que España "necesita continuar profundando en políticas de benestar, de mellora de condicións dos traballadores, recuperación do talento...".

Sobre o apoio do BNG, Montero defendeu que o programa asinado con Sumar "vai dirixido tamén ao conxunto da cidadanía galega". "Redución de xornada sen redución salarial, mellorar as listas de espera ou unha mellor conciliación. Iso tamén vai dirixido aos cidadáns galegos", trasladou. "Teño bastante esperanza e absoluta seguridade de que chegaremos a conformar ese goberno que os cidadáns revalidaron nas urnas e que vai permitir seguir no avance e no progreso", afirmou.

ORZAMENTOS

En materia de orzamentos, a ministra de Facenda reivindicou que foi o Goberno de Pedro Sánchez o que "desligó os orzamentos xerais do Estado e as entregas a conta ás comunidades". "Moitas veces hai algúns gobernos autonómicos que probablemente se queixan xa como maneira de facer política ou de estar no mundo", censurou. Tamén asegurou que "non hai ningún risco" de problemas de liquidez, segundo os datos que manexa no Ministerio e quixo lanzar unha "mensaxe de tranquilidade" á cidadanía neste sentido.

Aínda en materia económica, sobre financiamento autonómico, Montero recoñeceu que é "unha prioridade" para ela, que, apuntou, coñece "de primeira man" a realidade do modelo tras ser conselleira de Facenda en Andalucía. Agora, sinalou que "a gran pregunta" é se o PP será "capaz de presentar un modelo único". "Eu quero pactalo, e iso significa que eles teñan unha posición única. Está por ver. Non a coñecemos e cada un no seu territorio di cousas contraditorias", lamentou.

Nesta liña, valorou que as administracións promovan "unha repartición xusta da carga fiscal para que os que máis teñen máis paguen", pero "é unha pena", afirmou, que as comunidades gobernadas polo PP "sempre estean a pedir diñeiro, pero renuncian á súa recadación".

A ministra de Facenda e Función Pública en funcións, María Jesús Montero, xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, atende aos medios de comunicación no Edificio Fontán, a 26 de outubro de 2023, en Santiago de Compostela.. César Arxina - Europa Press
A ministra de Facenda e Función Pública en funcións, María Jesús Montero, xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, atende aos medios de comunicación no Edificio Fontán, a 26 de outubro de 2023, en Santiago de Compostela.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta