O 92 % dos asalariados galegos a tempo completo beneficiaríase da redución de xornada a 37,5 horas

Galicia é a segunda comunidade na que máis traballadores se verían beneficiados, segundo os datos que manexa Comisiones Obreras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 31/10/2023 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O 92 % dos asalariados galegos a tempo completo veríanse beneficiados da redución da xornada legal a 37,5 horas, o que suporía un total de 556.000 persoas, segundo datos de Comisiones Obreras.

Así, cos microdatos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre do ano, o gabinete económico confederal de CCOO elaborou un estudo onde tamén se mostra que a redución da xornada laboral afectaría máis intensamente aos homes asalariados a tempo completo no sector privado (93,2 %) que ás mulleres nesa situación (82,1 %).

Así mesmo, a redución da xornada laboral sería máis beneficiosa para os indefinidos a tempo completo, que nun 89,4 % teñen xornadas pactadas de máis de 37,5 horas, que para os temporais a tempo completo, dos que se verían afectados un 83,1 %.

INDUSTRIA E CONSTRUCIÓN, OS MÁIS BENEFICIADOS

Por sectores, a industria e a construción serían os sectores con máis porcentaxe de traballadores beneficiados por esta redución, con preto dun 98 %.

Respecto dos territorios, Galicia sería a segunda comunidade onde habería maior porcentaxe de beneficiados, só por detrás da Rioxa (92,1 %), e por diante de Castela-A Mancha (92 %). Pola contra, Ceuta (70,8 %), Melilla (73,1 %), País Vasco (83,2 %) e Andalucía (84,9 %) serían as menos beneficiadas.

Doutra banda, desde o sindicato explicaron que este estudo non ten en conta aos traballadores nin asalariados do sector público, onde o 83 % ten pactada unha xornada semanal igual ou inferior a 37,5 horas.

Un home traballa durante o comezo da tempada do aceite na comarca de Quiroga, a 11 de outubro de 2023
Un home traballa durante o comezo da tempada do aceite na comarca de Quiroga, a 11 de outubro de 2023 | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta