Cruceiros e petos de ánimas, dous lugares nos que rezar polos defuntos do purgatorio en Galicia

No Concilio de Trento fálase de que o purgatorio existe, pero que as ánimas poden saír del coa mediación dos vivos: rezando oracións ou pagando misas. E cal é a maneira máis rápida de recaudar os cartos para este pago de misas? Coa creación das capelas de ánimas, que, como detalla a historiadora Melodi Parga, moitas veces mesmo teñen un peto, un esmoleiro, para recoller a esmola.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

É tempo de falar de ánimas, dese principio inmaterial que nos da vida, segundo conta a tradición cristiá, que conforma a nosa parte inmaterial e que no momento da morte se separa e vai a algún lugar, dependendo da relixión, irá a un ou a outro. No caso do cristianismo, falamos de Ceo, Inferno e purgatorio. Pero, nesta época de Defuntos, onde están as ánimas? Nos cemiterios? Ou hai outros elementos culturais nos que podemos atopalas? En efecto, Melodi Parga Otero, especialista en cultura sepulcral graduada en Historia da Arte, conta nun recente podcast de Orgullo Galego, que os cruceiros e os petos de ánimas tamén son lugares de encontro cos defuntos e nesta época adóitase acudir a eles para deixar ofrendas ou botar un rezo en lembranza dos que xa non están.

Cruceiro con escalóns en Neda
Cruceiro con escalóns en Neda | Fonte: Commons

Ambos elementos son "unhas construcións patrimoniais espalladas por todo o territorio galego e que marcan cruces de camiños, centros de prazas, beiras de sendas...". Así, aínda que poden ser construcións diferentes, teñen moitas cousas en común e, por suposto, o mesmo simbolismo. Na súa maioría foron creados entre os séculos XVII e comezos do XX, pero xa a partir do século XVI aparecen algunhas destas construcións, os que máis abundan, véndose nos máis elaborados un estilo barroco claro, segundo apunta a investigadora, que indica que "se puxeron de moda a partir do Concilio de Trento, que data precisamente do século XVI".

Que foi o Concilio de Trento como tal? Unha especie de cuestionamento por parte de Martín Lutero á doutrina das indulxencias da Igrexa católica. "O catolicismo considera que a ánima, o espírito, o principio do movemento de animación do corpo, ao morrer, pode ir para o Ceo directamente, porque era unha persoa que non pecou nada na vida, ou ao Inferno, se tivera cometido algún pecado capital", explica Parga, que detalla que "tamén había un espazo intermedio, o purgatorio, onde as ánimas que non foron especialmente boas nin malas ían alí a purgar os seus pecados e a conseguir un estado de pureza idóneo para a contemplación de Deus, ao que non se podían achegar se non eran de todo puras".

Para lograr esa finalidade, "o Papa vendía bulas, unha especie de permisos ou máis ben indulxencias nas que se perdoaban por anticipado todos os pecados do morto". O problema? "Chegou un momento no que había moitísimo tráfico de indulxencias e a maioría das persoas pensaban que nada máis a moeda facía 'clin' na cesta saía unha ánima do purgatorio", expón a especialista. Ante isto, "Lutero mostrouse moi crítico e, en 1563, respondeu a esta práctica co Concilio de Trento, no que se di que o purgatorio si existe, pero que as ánimas poden saír del coa mediación dos vivos: rezando oracións ou pagando misas". E cal é a maneira máis rápida de recaudar os cartos para este pago de misas? Coa creación das capelas de ánimas, que, como detalla Parga, moitas veces mesmo teñen un peto, un esmoleiro, para recoller a esmola. Unha vez recollida, ofrecíanse misas ás ánimas para que saísen do purgatorio.

GALICIA É UN DOS LUGARES CON MELLOR CONSERVACIÓN DESTES ELEMENTOS

Cruceiro con escalóns en Hío
Cruceiro con escalóns en Hío | Fonte: Commons

Antigamente, nestes petos de ánimas non só se metían cartos, tamén espigas, millo e todo tipo de ofrendas alimentarias. Por que? Parga explica que "había unha consideración nas relixións anteriores, non só no cristianismo, senón tamén na grega, na romana ou na exipcia, que levaba a crer que cando a ánima estaba no purgatorio (ou no Hades, noutras relixións) sempre estaba sedenta e famenta, así que unha maneira de que non perturbase aos vivos chamándolle á porta da casa era dándolle estas ofrendas de comida". "Elas, en agradecemento, supoñíase que se ían comportar de maneira benéfica cos vivos", conclúe. Con todo, as indulxencias chegaron a tal nivel de éxito que houbo xente que nos seus testamentos deixaba a súa herdanza ás ánimas, abríndose moitos preitos entre os herdeiros e destas persoas e os curas, que dicían defender o interese das ánimas.

Hoxe en día Galicia é un dos lugares onde máis destes elementos se conservan, porque "no ámbito Centroeuropeo moitos deles acabaron destruídos pola chegada do protestantismo, mentres que na zona do Levante español a Guerra Civil provou danos en moitos outros". Pola contra, na nosa comunidade, mesmo houbo algúns que "remataron en xardíns particulares como decoración, sobre todo os cruceiros, máis que os petos de ánimas". Os rezos realizados neses cruceiros levarían á liberación dunha ánima do purgatorio, palabra que se desenvolveu sobre a Idade Media, antes falábase só do inframundo como un lugar de ánimas do que as sombras dos defuntos non poderían saír ata o día do xuízo final. Con todo, "non convencía o concepto porque a xente pensaría que rezar ou pagar non servía de nada para liberar a ánima do seu morto, así que comezou a desenvolverse esa idea de purgatorio, sendo Santa Catalina de Xénova a que o describiu como hoxe o coñecemos: un lugar de lume purificador".

CRUCEIROS CON POUSADOIRO, EN HONRA A ALGUÉN OU EN RECORDO DA PESTE

Hai todo tipo de cruceiros, pero os máis especiais, por dicilo dalgún xeito, son aqueles que presentan unha especie de altar en fronte, que non é máis que un pousadoiro, unha mesa alongada na que "ás veces se poñían ofrendas e noutras ocasións actuaba como unha parada que se facía no camiño cara o cemiterio durante un funeral e onde se pousaba a caixa para botar un responso, ao igual que se facía cos santos durante as procesións". "É difícil distinguir as funcións dos cruceiros, porque algúns marcan camiños específicos, como os que van cara o cemiterio; outros foron levantados en devoción de alguén, é dicir, alguén pagou para levantar o cruceiro e pon o nome do defunto para que os camiñantes quee pasen por alí boten un rezo e axeden a esa ánima a saír do purgatorio; outros eran elementos levantados en recordo dunha peste ou dunha grande enfermidade que houbo no lugar (en Europa son moi coñecidas as cruces da peste)...", afirma Parga.

Con todo, na súa maioría atópanse en cruces de camiños e son tomados como un elemento de proteción. A experta explica que "os cruces de camiños realmente sempre estiveron protexidos por deidades; Roma, por exemplo, tiña o que se chamaban 'lares compitais' (divindades que presidían as encrucilladas e cuxas estatuas eran coronadas con flores dúas veces ao ano), que poderían estar relacionados coas deidades dun lugar concreto, como se fosen unha especie de pequenos patróns dese sitio, e celebrábase unha festa no mes de febreiro que recibía precisamente o nome de 'As Compitais', na que o cabeza de familia de cada clan romano tiña a obriga de facer un sacrificio dentro do altar aos 'lares' máis próximos, situados en esquinas de rúas, cruces de camiños ou entradas de aldeas, logo facíase unha comida e ofrecíase a todos os membros da familia, onde tamén participaban os escravos". 

E o seu uso como elemento que marca o lugar no que acontecera unha morte tampouco é algo exclusivo de Galicia. "En Alemaña, sobre todo na parte católica, máis no sur, usábanse cruces para marcar o lugar no que ocorrera unha morte tráxica, explicándoche de que morrera a persoa e pedíndoche que botaras un rezo por ela", explica Parga, que non o ve algo moi diferente ao que se fai hoxe en Galicia "cando vas pola estrada e ves un ramo de flores ou unha cruz na beira que che indica que alí morreu unha persona, xa que non se fai tanto para que sepas que houbo alí un accidente e vaias con coidado, senón tamén para que reces por esa ánima, porque enténdese que ao morrer de maneira abrupta non puido recibir a 'extremaunción', o perdón dos seus pecados e a última comuñón, e polo tanto chegou impura ao outro lado e ten que purificarse".

DOUS GRANDES TIPOS POLA SÚA FORMA: CON ESCALÓNS OU CON CAPELIÑA

Polo que respecta ás súas tipoloxías, poderíase falar de dous grandes tipos: por un lado, o típico cruceiro con escalóns na súa base, como podería ser o famoso cruceiro de Neda, que ten o seu faral e o seu crucifixo, e neste caso é dobre, estando representado Cristo por un lado e a Virxe María polo outro, e tamén entraría aquí o cruceiro de Hío, no que non só aparece Cristo, senón que se representa o momento do desencravo e no seu basal ten representado o pecado orixinal do que Cristo tería que vir a redimirnos, na que é habitual o emprego de cabeiras, simulando ser a cabeza e os fémures de Adán; e por outro lado, os cruceiros que contan cunha capeliña, como o que está en Porto do Son, que ten unha capeliña cunha virxe e enriba está rematado co cruceiro.  

Cruceiro con capeliña en Porto do Son
Cruceiro con capeliña en Porto do Son | Fonte: Commons
Peto de ánimas en Verín
Peto de ánimas en Verín | Fonte: Commons
Peto de ánimas en Calvos de Randín
Peto de ánimas en Calvos de Randín | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta