19N.- Abusos de curas en Santiago e A Coruña: "Mete a man na sotana e colle un caramelo. O que toquei non foi o caramelo"

Ano tras ano os informes do Defensor do Pobo sacan á luz novos casos de abusos sexuais a menores de idade no seu do Igrexa católica. A maioría, son antigos, dos 60, 70 e 80, pero tamén se destapa algún máis recente. Aquí recollemos algúns.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os abusos sexuais a menores de idade son unha lacra difícil de erradicar, pois na sociedade sempre haberá monstros, por moitas medidas que se implanten para tratar de paralos. Sen embargo, se hai un lugar no que é aínda máis difícil frear a estas 'persoas' (nin sequera merecen ser chamadas así), é no seo da Igrexa católica, unha institución que aínda que na actualidade está comprometida coa loita contra os abusos, durante moito tempo permaneceu no escurantismo, encubrindo a moitos dos seus membros, practicantes da pederastia. Así as cousas, ano tras ano saen novos casos (a maioría destapados nos informes anuais do Defensor do Pobo) e, lamentablemente, case todos son do século pasado. Cantos haberá aínda hoxe en día dos que non se teña coñecemento porque as vítimas son moi pequenas e están coaccionadas para non falar? Mesmo na actualidade, o ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestouse fai ben pouco sobre o tema, dicindo que o mellor era non remover o asunto: "Chamar terroristas aos bispos non é de recibo", e iso que el foi alumno nun internado dos maristas en León, un dos epicentros das denuncias por abusos sexuais cometidos por relixiosos en España. 

Foto antiga do colexio La Salle en Santiago de Compostela
Foto antiga do colexio La Salle en Santiago de Compostela | Fonte: Colexio La Salle

Dende colexios ata as propias igrexas, pasando por seminarios ou casas da xuventude, non hai recuncho ao que non chegase este tipo de delito. Párrocos, bispos, frailes, profesores... toda clase de cargos participaron dos abusos a menores. Non importa a orde relixiosa, xa sexan salesianos ou maristas, xesuítas ou marianos, todos cocen fabas, como adoita dicirse. Dende Galicia Confidencial, e con motivo do Día Mundial para a Prevención do Abuso Sexual de Nenos, Nenas e Adolescentes, facemos un percorrido polos principais casos de abusos que os informes do Defensor do Pobo dos últimos anos detectaron na nosa terra, así como polos sacerdotes máis coñecidos que estiveron implicados en abusos (cantos haberá que aínda non se teñan descuberto, pois os casos van saíndo a contagotas). Hai moitos adultos que foron abusados na súa infancia que, como xa pasou tempo, prefiren deixar a cousa como está e non denunciar.

E é que antigamente, a Igrexa contaba con tanto poder que pobre de ti que foses un neno que chegase á casa dicindo á túa nai ou ao teu pai que o cura che tocara as partes íntimas, aínda levabas unhas azoutas por blasfemar contra un enviado de Deus. Por iso son tantos os casos que están a saltar a luz na actualidade pero que datan dos anos 60, 70 e 80. E, por desgraza, outros poucos estanse a coñecer e sucederon nos últimos anos. Unha lacra que, hoxe en día, a Igrexa católica tenta eliminar das súas filas, ao menos de cara á galería, sendo a primeira en impoñer expedientes sancionadores e en investigar aos párrocos acusados de abusos a menores de idade. Antigamente, o que se facía era encubrir aos denunciados e mesmo trasladalos a outras parroquias para que puidesen lavar a súa imaxe ou seguir abusando doutros nenos. Agardemos, polo ben dos máis pequenos, que as cousas sigan indo a mellor. Polo de agora, coñezamos algúns dos casos recollidos polo Defensor do Pobo nos seus últimos informes relativos ás grandes cidades galegas.

SANTIAGO DE COMPOSTELA: DO COLEXIO LA SALLE AO COMPAÑÍA DE MARÍA

Comezando polo pasado, o Colexio La Salle da capital compostelana sempre estivo rodeado desa aura de ocultismo na que todo semellaba estar permitido. E nos últimos anos non tardaron en saír casos de abusos sexuais relativos ao século pasado. En concreto, saltou á palestra o caso dun lasaliano, o irmán Joaquín Berruguete (xa falecido), que tería aproveitado o seu cargo á fronte da enfermaría do colexio para, segundo relata a vítima, tocalo a el e a outros moitos nenos entre os anos 1976 e 1994. "Cando acadaba o orgasmo, volvía a subirme a roupa", chegou a asegurar a vítima nunha entrevista co diario El País. Non foi ata o 2021 cando se fixo público o caso. E tamén neste mesmo colexio, outra vítima denunciou ao director da coral infantil e profesor de música por ter abusado del entre os anos 1968 e 1969. Este caso sairía á luz pública no 2022.

Colexio Compañía de María en Santiago de Compostela
Colexio Compañía de María en Santiago de Compostela | Fonte: Turismo de Galicia

Unha das vítimas do irmán Joaquín Berruguete, aseguraba nunha entrevista en Cadena Ser que se provocaba vómitos para facer crer á súa nai que estaba enfermo e así non ter que ir á clase. "Estar toda a tarde con el na clase para min era horroroso", explicaba. Outro ex alumno contaba que os tocamentos eran coñecidos por todos os nenos, e este relixioso "iba mesa por mesa e alumno por alumno manoseando. Acercábase dende atrás e tocaba a clavícula... A día de hoxe, como adulto, paréceme un xemido de pracer". Aseguraba que os menores tíñanlle medo. Outra testemuña fai referencia ás mesmas prácticas: "Poñíache a man nos ombros, empezábache a facer unha masaxe nas clavículas. Se te deixabas (algúns físicamente amosaban rexeitamento, pero só físicamente, ninguén dicía nada), empezábache a tocar o pescozo, metíache a man pola espalda cunha caricia de 'vamos, reláxate'. Con algúns levantaba o xersei e a camiseta e seguía pola espalda baixa, entre o pantalón e o xersei".

Outro dos entrevistados pola Cadena Ser contaba que o irmán Berruguete tamén fóra o seu xefe de estudos, ademais de profesor de Física e Química, e que era, ademais dun pederasta, unha personaxe violenta que che podía facer sangrar dun puñetazo se non entendías un código. As excusas que usaba para o achegamento sexual eran variadas: que se "a cadeniña que traes", que a ver "se xa che saiu pelo na axila", que "miren aquí, ao seu compañeiro moderno, cos vaqueiros rotos"... Ante estas frases algúns rapaces non se cortaban e braceaban para evitar que o cura lles tocase. Pero outros, como conta esta vítima, non eran quen de reaccionar. E, aínda que por aquel entón non había unha cultura do abuso, "tampouco eramos gilipollas", e asegura que o deste home non era un caso aillado, pois outros profesores facían o mesmo. 

"Iba mesa por mesa e alumno por alumno manoseando. Acercábase dende atrás e tocaba a clavícula... A día de hoxe, como adulto, paréceme un xemido de pracer"

Non menos oscurantismo arrodea ao Colexio Compañía de María. No 2022 abriuse unha investigación interna tras a denuncia a un traballador do centro por abuso sexual a un menor. Foi o 15 de decembro cando o colexio dixo ser coñecedor dunha denuncia contra un empregado. Dende o Compañía de María defenderon que actuaron "con prontitude e transparencia", poñendo en marcha o Protocolo de Actuación establecido para estes casos. Así, aseguraron que tomaron "todas as medidas cautelares oportunas para garantir a seguridade de todo o alumnado", e que se puxeron "a disposición tanto da familia afectada como das autoridades xudiciais e administrativas competentes en todo o que poida axudar a esclarecer os feitos". Ademais, o equipo directivo destacou que, no mesmo momento no que se coñeceu a denuncia, "suspendeuse preventivamente a relación laboral co traballador afectado", e prohibíuselle a presenza no centro e calquera contacto co alumnado. 

Dende El Correo Gallego puxéronse en contacto naquel momento co grupo de pais de alumnos do centro, que aseguraban que non se trataba dun caso aillado, senón que había "deceas de nenos afectados, con tocamentos, fotografías e todo tipo de abusos que tapaba mediante xogos". Con todo, estes datos non pudieron ser corroborados polas fontes policiais, pois os nenos non quixeron falar. O home acusado, como detallaban estes pais, levaba alo menos tres cursos no centro e "sigue libre e mesmo estivo no colexio despois de ter sido denunciado". E no antigo Colexio José Antonio Primo de Rivera, xa inexistente a día de hoxe, tamén saltou este mesmo ano á palestra un caso descoñecido ata o de agora e atendido pola Unidade de Atención ás Vítimas creada polo Defensor do Pobo.

"Deceas de nenos afectados, con tocamentos, fotografías e todo tipo de abusos que tapaba mediante xogos"

A CORUÑA: NON SÓ COLEXIOS, COMO O SALESIANO, TAMÉN CURAS DE IGREXAS

Na cidade herculina, pola súa banda, é o Colexio Salesiano o que se leva a palma no que a abusos a menores se refire. Así, un testigo contaba, o pasado ano 2021, que o pai E. abusara de menores entre os anos 60 e 70, e que os alumnos logo contábanse o que viviran entre eles. Esta persoa denunciou tamén a outros dous salesianos do mesmo centro: M.V.R. e D.S. (de mote Whisky). Outro ex alumno denunciou os mesmos feitos entre finais dos anos 60 e o ano 1988, contando que o pai D.S. o tocara e o bicara a el e a outro neno cando foran confesarse. Esta vítima denunciou tamén a outros dous salesianos do centro: M.V.R. (coincidente co primeiro denunciante) e E. Así mesmo, unha testemuña fala de que tamén entre os anos 60 e 70 o pai M.V.R. era profesor de física e aproveitaba para tocar aos nenos do colexio. Denuncia tamén aos xa famosos E. e D.S. E, dentro da propia institución, os salesianos investigan outro caso de abusos por parte de J.V.P. (P. polo seu mote) entre os anos 1990 e 2002, que tería abusado de polo menos tres mulleres. O 2021, como pode verse, deu para moitos escándalos neste colexio relixioso coruñés.

Unha das vítimas do pai Whisky relataba ao diario El País como abusara del e doutros nenos cando tiñan entre 8 e 9 anos. "Recordo que era un profesor corpulento e que lle faltaban dous dedos da man. Un día, durante a hora de estudo, pediunos a un compañeiro e a min que fósemos a axudarlle cos monaguillos. Durante a celebración da misa non se bebeu o viño e, cando acabamos, díxonos na sacristía que nolo bebéramos nós. Díxome: 'Fixéchedelo moi ben, achégate e méteme a man na sotana para coller un caramelo'. Eu fíxeno e o que lle toquei non foi un caramelo. Xa te podes imaxinar o que era. Foi repugnante", contaba, asegurando que ninguén no colexio se atrevía a denuncialo. No quiosco do centro, outro neno rematou por converterse na súa nova vítima: "Arrimeime para mirar no interior da barra e atopeime con que o pai D.S. estaba agachado laméndolle as pernas", recorda esta vítima, que sostén que na Coruña todo o mundo o sabía. "Fomos centos de vítimas e dixéronme que tempo despois o trasladaron a Cambados".

"Achégate e méteme a man na sotana para coller un caramelo. Eu fíxeno e o que lle toquei non foi un caramelo. Arrimeime para mirar no interior da barra e atopeime con que o pai D.S. estaba agachado laméndolle as pernas"

A orde dos xesuítas tampouco se librou na Coruña de ovellas negras. Unha ex alumna do Colexio Fillas de Xesús da cidade herculina denunciou o pasado ano 2022 que sufrira abusos sexuais no centro no ano 2002. Segundo conta, non foi a única vítima, e o acusado era o seu tutor, A.P.P. A esta rapaza súmase outra vítima dun caso similar que se producira a finais dos 80 e comezos dos 90 por parte do pai P. Dentro desta orde, cabe citar que un acusado por pederastia en Vigo, o irmán Castañón, pasaría despois por este centro na Coruña, e alí continuou cos abusos. Unha ex alumna do centro contaba a El País que cando tiña 14 anos este relixioso tentara abusar dela. Poñíalle a man no muslo e subía con ela. Di que sempre aproveitaba os exames para tocar ás alumnas das últimas filas, cando explicaba poñía as mans nos ombros e as baixaba cara o peito ou tocábaas cando baixaban ou subían as escaleiras. Ademais, o pai I.O., tamén tería abusado dun rapaz na congregación mariana (Luises y Kostkas) da Coruña no ano 1958. Seguindo por ordes relixiosas, os maristas dun colexio da Coruña foron protagonistas da cadea de abusos por parte de párrocos no 2021. O irmán Víctor, profesor de latín nos anos 50 no colexio en cuestión, tería abusado de menores; ao igual que o irmán Telesforo, profesor tamén nos anos 50.

"Os tocamentos realizábanse nos exames e se a vítima accedía, levaba boa nota, porque lle dicía todo o exame. Aínda recordo con asco aquela man pousada no muslo e subindo ata que o apartaba, que o tipo dábase présa. Ás rapazas, coa cabeza xunto á súa, cunha man lle sobaba o pelo e coa outra rodeáballe o ombro e tocáballe o peito, se se deixaban. Eu non me deixaba e íase. Eu era moi miña e cando me puxo a man na perna e non se apartou ao rexeitalo, levanteime para pegarlle e en pleno exame correu cara a outra punta da clase. Pero non todas as persoas teñen ese xenio. E entre as malas notas que poñía e a timidez, algunha pasouno realmente mal", contaba, engadindo que unha vez contáronllo á profesora de inglés, "pero non nos creu, chamounos esaxeradas e díxonos que era amor de pai". Ademais, conta outro caso: "Nunha ocasión a outro compañeiro obrigouno a poñerse de pé e esixiulle que se baixara o pantalón coa escusa de que tiña dentro unha chuleta. O compañeiro non o consentiu e levou unha expulsión e un cero. En xeral, se non consentías, baixábache a nota".

"Nunha ocasión a un compañeiro obrigouno a poñerse de pé e esixiulle que se baixara o pantalón coa escusa de que tiña dentro unha chuleta. O compañeiro non o consentiu e levou unha expulsión e un cero. En xeral, se non consentías, baixábache a nota"

Por outra banda, non hai que desprezar tampouco os casos dentro das igrexas, que habelos houboos. No 2022 saltaría á palestra o caso dun cura confesor dunha igrexa da Coruña, que foi acusado por unha vítima de masturbase e ter un orgasmo mentres o estaba confesando no ano 1956. En concreto, o caso aconteceu na Igrexa Nosa Señora do Perpetuo Socorro, pertencente á orde dos redentoristas. E nunha igrexa da Laracha, houbo no 2021 unha denuncia acusando ao párroco entre 1965 e 1967, C., de que tocara e bicara á vítima nunha casa que tiña no barrio da Moura, no municipio coruñés da Laracha, moi próximo á cidade herculina. E tamén no 2003, sóubose que un sacristán dese mesmo concello tería abusado sexualmente dunha nena, na parroquia de Lestón. O home, C.Á.F., foi detido e posto en liberdade e descoñécese se houbo xuízo.

Antigo colexio salesiano da Coruña
Antigo colexio salesiano da Coruña | Fonte: Colexio San Juan Bosco
Antigo Colexio Fillas de Xesús na Coruña
Antigo Colexio Fillas de Xesús na Coruña | Fonte: Colexio Fillas de Xesús
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta