Rueda apoia agora unha fronte do PP contra o acordo de PSOE e Junts que non apoia Ayuso

Seis presidentes autonómicos urxen a Sánchez a convocar unha Conferencia de Presidentes. O presidente galego negara o xoves facer unha fronte común contra este acordo.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 10/11/2023 | Actualizada ás 21:06

Comparte esta noticia

Os gobernos autonómicos do PP de Cantabria, Baleares, Murcia, Galicia, Andalucía e Castela e León comezaron este venres a solicitar publicamente unha Conferencia de Presidentes para mostrar o seu rexeitamento ao acordo entre o PSOE e Junts en materia de financiamento e amnistía.

Así foron reaccionando ata seis 'baróns' do PP ao pacto que selaron onte PSOE e Junts en Bruxelas, que recolle unha lei de amnistía e inclúe a petición dos de Carles Puigdemont da cesión do 100% da recadación dos impostos a Cataluña.

Por este motivo, o primeiro dos Gobernos autonómicos do PP en solicitar publicamente a Conferencia de Presidentes foi o de Cantabria, liderado por María José Sáenz de Buruaga. E seguiulle o Goberno balear de Marga Prohens, que solicitou formalmente unha reunión deste foro multilateral polos acordos de PSOE cos independentistas.

TAMÉN MURCIA E GALICIA

Seguindo o ronsel dos seus compañeiros, o presidente de Murcia, Fernando López Miras, asinou xa a petición formal da convocatoria, que tamén pediu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

(E-D) Juanma Moreno, Alfonso Rueda, Isabel Díaz Ayuso, Alberto Núñez Feijóo, Cuca Gamarra, Alfonso Fernández Mañueco e Fernando López Miras, durante o acto institucional polo Día da Constitución Española
(E-D) Juanma Moreno, Alfonso Rueda, Isabel Díaz Ayuso, Alberto Núñez Feijóo, Cuca Gamarra, Alfonso Fernández Mañueco e Fernando López Miras, durante o acto institucional polo Día da Constitución Española | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Ese xoves, o presidente galego descartou entrar nunha "competición" para ver quen pide máis e rexeitou que vaia pedir o mesmo que os cataláns ou que vaia facer unha "fronte común" con outras autonomías populares para rexeitar este acordo ou pedir medidas análogas. "Teño claro e eu vou defender o que máis lle convén a Galicia e, iso, téñoo clarísimo. Non vai a haber estratexia conxunta porque eu vou pedir para Galicia o que lle corresponde despois de ver o que se lle dá a outros. E seguirei reclamando que se nos dea un trato xusto que é o que lle interesa a Galicia", engadiu.

CAMBIO DE OPINIÓN

Pero un día despois si apoia o que piden os presidentes autonómicos do PP. "Estamos agora coñecendo o contido do acordo, pero quedou claro que onte (por este xoves) quedou aberta a veda", manifestou en declaracións aos medios este venres Alfonso Rueda, quen indicou que, do que transcendeu ata agora, dedúcese que "conseguiron todo o que querían" a cambio de "os votos para a investidura" de Pedro Sánchez.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, tamén reclamou unha convocatoria "urxente" da Conferencia de Presidentes. E, a través dunha carta, o presidente da Xunta de Andalucía, Juanma Moreno, tamén pediu a convocatoria deste órgano.

'XÉNOVA' APÓIAO E MADRID NON SE PRONUNCIA

En todo este contexto, a secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, apoiou esta petición de distintos presidentes autonómicos. Unha petición que, por agora, non fixo a presidenta madrileña.

Ao ser preguntada Gamarra se subscribe as palabras de Isabel Díaz Ayuso, acerca de que España está a entrar nunha ditadura, Gamarra admitiu que entraron "nunha senda moi moi perigosa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta