Pontevedra pide a redacción de tres proxectos con fondos europeos para executalos antes de fin de 2024

A concelleira de Promoción Económica admitiu que os proxectos precisan de autorizacións doutras administracións, unha circunstancia que podería demorar a tramitación, pero "ímolo a tentar", manifestou.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 13/11/2023 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra acaba de iniciar a tramitación para encargar a redacción do tres proxectos técnicos dos Fondos europeos Next Generation que lle foron concedidos para o desenvolvemento do Plan de sustentabilidade turística en destino en setembro de 2021 e que supoñen unha contía de 2,4 millóns de euros.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías deu conta este luns do estado desta tramitación e explicou que a intención do Goberno local é poder ter todo o expediente pago e xustificado en decembro de 2024. Cada redacción do proxecto terá un custo de 18.000 euros.

Anabel Gulías admitiu que o tempo xoga en contra e que os proxectos precisan de autorizacións doutras administracións, unha circunstancia que podería demorar a tramitación, pero "ímolo tentar", manifestou.

A concelleira nacionalista lembrou que os fondos foron concedidos en setembro de 2021 e entregouse o anticipo de dous millóns no primeiro trimestre de 2023. Xa no mes de xullo, celebrouse a segunda comisión de seguimento entre o Concello e a Xunta de Galicia, que é a responsable da execución dos proxectos, un encontro no que se lle advertiu ao concello do problema temporal de xustificación destas partidas.

Agora, unha vez estudado todo o expediente administrativo e tras darse de alta nas plataformas de xustificación dos fondos, a concellaría mantén reunións técnicas para tratar de reconducir estes fondos e tentar non perdelos. Pontevedra ten concedida financiamento para o proxecto de iluminación de espazos naturais na Illa do Covo e na Xunqueira da Gándara, que se mantén tal cal fora presentado.

Con todo, en canto á conexión dun parque forestal coa cidade, descártase a idea prevista do Pontillón do Castro por afectar a parcelas privadas, e se reprograma cara a unha conexión do parque da Tomba con Xunqueira da Gándara.

O terceiro dos proxectos é a Vía verde do Salnés, "un dos máis complicados", segundo indicou a concelleira, xa que haberá que negociar con Adif e aproveitar camiños públicos para conectar a cidade co novo miradoiro do Lérez, sobre a vella ponte do ferrocarril, en Monte Porreiro.

A outra parte do Plan de sostemento turístico en destino é a relativa á creación de programas e actividades, que está financiada con 1,2 millóns de euros. Para iso, constituirase un equipo técnico que se encargará da xestión de todo o fondo. Esta licitación será de 180.000 euros.

Entre outras cuestións, contémplase a creación dun Observatorio de Turismo para analizar a actividade turística en Pontevedra e, por outra banda, a realización de actividades culturais relacionadas coa gastronomía, incluíndo o aproveitamento do Gastroespacio do Mercado e un plan de enogastronomía.

Miguel Anxo Fernández Lores na noite electoral. GUSTAVO e la PAZ
Miguel Anxo Fernández Lores na noite electoral. GUSTAVO e la PAZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta