Por Europa Press / Redacción | FERROL | 15/11/2023 | Actualizada ás 16:24
Os veciños de Santa María, en Neda, aos que se lles alagaron as casas na noite do pasado luns ao martes, están a agardar polos peritos dos seguros. "Estamos á expectativa de que veñan os peritos dos seguros, que é o máis importante agora para poder empezar a quitar as cousas, para que eles póidano visualizar e non ter problemas no futuro", detallou un dos afectados, Jorge López, en declaracións a Europa Press, xa que a súa vivenda foi unha das máis danadas pola crecida do río Besteiro.
Ademais, detallou que se estivo "á expectativa do río pola noite, sobre as catro da madrugada, ao coincidir con pleamar", xa que as vivendas están situadas na proximidade da desembocadura da canle. "E a verdade é que aguantou", dixo. Este veciño tamén detallou que "agora parece ser que o tempo acompaña", polo que confía en que estes días non haxa "ningún problema", aínda que xa adiantou que "as dificultades poden ser no futuro, porque o muro está tirado e esperemos que permitan manter os sacos de area onde están, por se volve vir unha crecida".
O Concello de Neda, tras a caída deste muro, instalou un dique de contención formado por varios sacos de grandes dimensións con area, que os veciños piden manter. En total foron once as vivendas afectadas, con algún negocio incluído, como unha barbaría. O Consistorio instalou na zona un gran colector para que os veciños depositen no mesmo todos aqueles mobles, electrodomésticos e outro tipo de aveños que se viron afectados polas augas. A normalidade tamén regresou ao municipio limítrofe de Fene, tras desbordarse o río Cadavo, que motivou a inundación de varias zonas de Perlío, ademais de penetrarse en sotos e baixos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.