Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2023 | Actualizada ás 15:20
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que o novo Goberno estará "centrado en Galicia", a diferenza do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "capaces de votar en contra do uso do galego no Congreso".
En declaracións aos medios con motivo da súa asistencia á toma de posesión dos ministros do goberno, o candidato socialista volveu a destacar o "claro compromiso con Galicia do novo executivo de Pedro Sánchez.
Besteiro asistiu á toma de posesión da ministra portavoz e responsable de Educción, FP e Deportes, Pilar Alegría; da vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Comercio e Empresa, Nadia Calviño; do titular de Transformación Dixital, José Luís Escrivá; e do responsable de Industria e Turismo, Jordi Hereu.
O aspirante á Xunta e deputado no Congreso por Lugo apuntou que o Goberno de Sánchez estará "centrado en Galicia" a diferenza de Feijóo e Rueda, "capaces de votar ata o contra do galego", aludindo á votación do PP en contra do uso desta lingua no Congreso, e que están preocupados de "cousas que nin lle preocupan nin lle ocupan aos galegos e galegas".
O dirixente socialista aproveitou para referirse a Nadia Calviño como a "mellor ministra de Economía que tivo España". "É unha coruñesa admirada en toda Europa, que sempre leva Galicia alí onde exerce", indicou.
Ademais, agradeceu a invitación persoal á toma de posesión da ministra portavoz, da que destacou o "inmenso traballo" despregado pola educación pública. Así, puxo en valor o papel de Alegría na defensa da FP, ata convertela nunha "peza estratéxica do sistema".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.