Santiago impulsa unha modificación do PXOM que impida edificar arredor da Leira do Espiño

O relevo do terreo fai que a implantación das edificacións previstas implique necesariamente realizar movementos de terra significativos e encaixalas contra un muro de contención dos terreos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2023 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

O goberno local de Santiago levará ao próximo pleno municipal unha proposta de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para impedir a edificabilidade nunha parcela privada da contorna da Leira do Espiño, "unha peza clave do sistema de zonas verdes da cidade".

En concreto, a modificación busca suprimir o aproveitamento lucrativo previsto na parcela privada de 8.012 metros cadrados situada no perímetro do parque, eliminando a edificabilidade e os usos privados previstos no plan aprobado en 2004 para este espazo "onde se funden a cidade histórica e a contorna natural de Compostela", recoñece o concello.

A Leira do Espiño, "é un miradoiro excelente sobre a fachada oeste da cidade histórica, que constitúe o perfil máis característico e reconocible de Compostela", explicou o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás. "Inscríbese, ademais, nunha contorna ambiental de gran valor, atravesada polo río Sarela e enmarcada polo monte Pedroso. Tamén desde a cidade histórica, desde a propia praza do Obradoiro e desde a Alameda, resulta perfectamente visible o ámbito sobre o que se actúa co obxectivo de preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos".

O plan vixente distingue dúas zonas no ámbito suxeito a esta modificación puntual: unha zona cualificada como dotación pública, que inclúe os parques urbanos PU-14.1.b e PU-FE e o equipamento SC-FE; e unha zona edificable de titularidade privada, a parcela EM-FE, disposta no perímetro, con aproveitamento lucrativo, na que permite edificar un volume de 10.500 metros cadrados construídos susceptible de albergar distintos usos de carácter privado: asistencial, sociocultural, sanitario, hoteleiro e residencial comunitario.

O ordenamento vixente foi aprobado en 2004 como trasposición ao plan urbanístico dun anteproxecto asinado por Jean Nouvel hai máis de dúas décadas que non chegou a materializarse. Esta ordenación, incorporada á PXOM a través da sús disposición transitoria cuarta, é hoxe "dificilmente asumible", destaca o edil, "pois alteraría notablemente a paisaxe e a mobilidade nun espazo de gran valor e fraxilidade ambiental".

Ademais, o relevo do terreo fai que a implantación das edificacións previstas implique necesariamente realizar movementos de terra significativos e encaixalas contra un muro de contención dos terreos con difícil integración paisaxística.

De acordo coa nova ordenación proposta, ao chan cualificado como PU-FE aplicaráselle a ordenanza do sistema de parques, xardíns urbanos e espazos libres da PXOM, e ao chan cualificado como SC-FE, que inclúe o palacete e os xardíns vinculados a el, cuxo uso previsto é sociocultural, aplicaráselle a ordenanza de equipamentos públicos da PXOM.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta