O PSdeG: "As contas do Goberno galego deixan abandonados aos cidadáns composteláns"

Presentará emendas aos orzamentos da Xunta de 2024 relacionadas co incremento da cantidade asignada pola capitalidade, o parking do CHUS ou con infraestruturas culturais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2023 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

O PSdeG presentará emendas aos orzamentos da Xunta de 2024 destinados a Santiago de Compostela relacionadas co incremento da cantidade asignada pola capitalidade, o parking do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) ou con infraestruturas culturais, como un conservatorio profesional de danza. Así o avanzaron este luns en rolda de prensa o portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, e a deputada Noa Díaz, que consideran que, "un ano máis", as contas do Goberno galego "deixan abandonados" aos cidadáns composteláns.

"Nestes orzamentos hai investimentos na cidade, pero en obras que repercuten nos veciños, son escasas", manifestou Gonzalo Muíños, destacando que investimentos como o edificio administrativo de San Caetano ou as obras no Monte do Gozo "non repercuten na vida dos veciños". Ademais, lembrou que o Goberno central incrementou a achega ao Consorcio, polo que, engadiu, "Rueda queda sen escusas para facer o propio e incrementar tamén a achega da Xunta". Nesta liña, sinalou que ve "desinterese da Xunta con Santiago".

Sobre o parking do Clínico, Díaz dixo non entender "a cerrazón" do Executivo autonómico, a pesar de que o Concello cedese unha parcela. Tamén no ámbito de infraestruturas sanitarias, denunciou que non se destina ningunha partida para a remodelación do Centro de Saúde de Conxo. "Nos orzamentos non aparece esa partida específica, só aparecen 'actuacións varias en hospitais'. Para o centro de saúde non existe ningunha partida específica", censurou.

Así mesmo, tamén pediu infraestruturas concretas no ámbito cultural. Neste sentido, sinalou que o Conservatorio "se está quedando pequeno e necesita unha actuación", así como a creación dun conservatorio de danza, unha escola infantil para o barrio de Santa Marta, un centro de día nas Fontiñas ou un colector de fluviais Fontiñas-Fontes do Sar. "Son demandas en positivo. Esperemos que o PP entre en razón e entenda que a cidadanía de Santiago merece investimentos que redunden nas súas vidas", reclamou.

A deputada do PSdeG Noa Díaz
A deputada do PSdeG Noa Díaz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta