Besteiro esixe a Rueda aparcadoiros gratuítos nos hospitais públicos de Galicia: "Non se pode sacar tallada da saúde"

Reclama unha "alternativa" para aparcar gratis no lugar de "facer caixa tamén coa saúde".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 29/11/2023 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O candidato dos socialistas galegos á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aparcadoiros gratuítos nos hospitais públicos. Nun acto no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), Besteiro sostivo que os socialistas teñen claro o seu "modelo", que pasa por que "en todos os hospitais públicos exista unha alternativa de aparcadoiro gratuíta e con capacidade para dar resposta á demanda dos usuarios destas instalacións".

"Nós non queremos sacar tallada da saúde, nós non imos facer caixa co que é de todos. Garantiremos que os galegos poidan ir ao seu hospital de referencia sen ter que asumir custos abusivos que non lles corresponden", dixo. Besteiro estivo no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde lamentou a complicada situación que se vive "diariamente" na contorna do hospital e que, segundo indicou, é "un exemplo do que teñen que soportar moitos galegos e galegas cando acoden aos hospitais do Sergas".

O candidato socialista á Xunta, que estivo acompañado polo senador socialista Rafael Rodríguez Villarino, a deputada no Congreso Margarita Martín e outros cargos do PSdeG, denunciou que a Xunta "segue facendo negocio coa sanidade pública". "O modelo que está a implementar por todos os hospitais na xestión dos aparcadoiros públicos só responde á idea de facer caixa tamén coa saúde", sostivo, para asegurar que "coa escusa das necesarias e urxentes ampliacións dos hospitais", desaparecen as prazas en superficie gratis que existían nas proximidades e "son substituídas por aparcadoiros construídos con diñeiro público pero xestionados por empresas privadas que impoñen prezos abusivos aos usuarios".

Besteiro condenou o modelo da dereita, porque "fai negocio coa sanidade, negocio privado con diñeiro público". Ademais, explicou que en Ourense hai dous aparcadoiros, ambos xestionados por empresas privadas. A Santa María Nai, que conta con 800 prazas, e que, segundo indicou, "grazas á existencia dos socialistas na Deputación", conseguiuse en 2018 unha redución das tarifas dun 54 %, e no ano 2021 tamén prazas gratis para pacientes que reciben tratamentos médicos de enfermidades crónicas ou de longa duración.

O outro aparcadoiro, segundo indicou, inaugurado no ano 2019 con 433 prazas, tamén está xestionado por unha empresa privada e conta con tarifas que distan moito de ser económicas e accesibles para os usuarios. En definitiva, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que ofrece atención sanitaria a 240.820 galegos, conta para todo o distrito sanitario con 1.233 prazas de aparcadoiro, todas elas de pago.

Respecto diso, o candidato criticou a falta de vontade política da Xunta para solucionar este problema. "Desde logo non se pode dicir que é a mesma vontade que ten o Goberno de Sánchez ao saldar unha débeda histórica coa Galicia interior, bonificando as peaxes da autoestrada AP-53 entre Santiago e Dozón". Unha bonificación dun 75 % que, segundo indicou, beneficiará a 7.000 familias galegas que percorren esta autoestrada diariamente. Para Besteiro, este é un bo exemplo de que "se se quere, pódese".

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, xunto a cargos do PSdeG ante o Hospital de Ourense
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, xunto a cargos do PSdeG ante o Hospital de Ourense | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Farto de escoitar ao Garañón e a Ana Pontón falar do Bono de Fidelización das Autoestradas en Galicia... Se vives na autoestrada (21 viaxes ao mes) pagas menos ? Pagas o dispositivo Via-T (25 €) e viaxas 21 veces no mes e pagas menos... menos de qué?