Cal será a palabra do ano deste 2023?

Acéptanse suxestións, pero entre as favoritas xa soan 'Palestina' e 'solidariedade'.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 01/12/2023 | Actualizada ás 21:37

Comparte esta noticia

A lingua é un espello do que somos, do que queremos ser, do que nos ocupa e preocupa en cada momento a cadaquén, a todos e todas como sociedade. O lugar onde as palabras existen con máis intensidade é a actualidade, ese día a día compartido no que, como tan claro queda nestes tempos pandémicos, o público e o privado conflúen. Por iso, para o Portal das Palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, escoller unha Palabra do Ano significa tomar ao mesmo tempo conciencia do valor da lingua e do que designan as palabras que eliximos e creamos. Decidir colectivamente cal é a palabra que identifica o ano que remata é tamén un xeito de resumirmos como o vivimos. No bo ou no malo. E mesmo unha maneira de redimírmonos daquilo que se quere deixar atrás. Ou unha forma de agradecer o bo e de buscar acougo.

Un home sostén un cartel durante unha concentración en solidariedade con Palestina
Un home sostén un cartel durante unha concentración en solidariedade con Palestina | Fonte: M. Dylan - Arquivo

Deste xeito, dende o Portal das Palabras animan a todo o mundo a votar este ano por unha palabra que consideremos que foi a que marcou este 2023. As votacións están abertas e acéptanse suxestións. Con todo, entre as favoritas xa hai campaña para que os usuarios voten por 'Palestina' como primeira e por 'solidariedade' como segunda. Polo momento estase na fase de propor palabras e, nunha segunda fase, votarase por aquelas que resulten finalistas, para escoller finalmente á gañadora. Tendo en conta os precedentes, non sería raro que saíse 'Palestina', pois o pobo galego sempre estivo moi comprometido coa defensa dos pobos sometidos polas guerras, que separan familias e que instalan fronteiras artificiais.

O pasado 2022 a palabra fora 'comadre', que como apunta a RAG, na fala popular refírese á veciña ou á amiga na que se ten especial confianza. Bebendo deste herdo tradicional, hoxe reivindícase dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres. E nese empeño de moitas comadres do século XXI de teceren redes de visibilidade para a súa mensaxe. No 2021, como non podía ser doutro xeito, foi 'Tanxugueiras', pois nun ano marcado pola pandemia tamén houbo alegrías como a aparición desde grupo de música tradicional galega que nos lembrou o patrimonio inmaterial único no mundo que constitúen os nosos nomes da terra, ademais de ser o plural dun microtopónimo. 

No 2020 a palabra escollida foi 'nós', visto como moito máis que un pronome persoal tónico da primeira persoa do plural. Con ela celebrábase o centenario da revista que deu nome á gran xeración galeguista organizada ao seu redor e decidiuse tamén deixar atrás un ano marcado pola pandemia, contando coa forte de todos e todas nós. E en 2019 a palabra foi 'sentidiño', que nunca sobre, como di a RAG. Quizáis porque o botaron en falta en moitos asuntos públicos, os galegos votárona como palabra do ano. Ten apariencia dun simple diminutivo, pero é sen dúbida unha gran palabra: un xeito de noso para designar ao sentido común. Finalmente, botando a vista aínda máis atrás: no 2018 foi 'deseucaliptización'; no 2017, 'afouteza'; no 2016, 'irmandade'; no 2015, 'refuxiados'; e no 2014, 'corrupción'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta