O contacto con outras linguas, é ese o futuro do galego?

O ILG celebrou o seu simposio “Contacto de linguas: identidades e ideoloxías lingüísticas” para coñecer algunhas das últimas investigacións en canto contacto entre linguas, os contactos entre diferentes rexistros dunha lingua e cal é a visión que se ten actualmente sobre “neofalantes”, “diglosia” e, como non, o futuro do galego.

Por Moncho Mariño | Santiago | 08/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Instituto da Lingua Galega (ILG) celebrou o XXIII “Simposio ILG 2023. Contacto de linguas: identidades e ideoloxías lingüísticas” entre o 28 e o 30 de novembro para tratar tanto o papel “das identidades e das ideoloxías lingüísticas nas dinámicas de variación e mudanza lingüística en contextos de contacto lingüístico”. Presentábanse e avaliábanse os resultados de investigacións sobre o contacto entre diferentes linguas. A isto tamén lle engadiu unha “reflexión sobre as identidades e ideoloxías lingüísticas das persoas falantes de linguas minorizadas” sobre as que tamén actúan variables como as étnicas ou as de xénero. Mais foi o contacto entre linguas e as súas consecuencias, así como as do multilingüismo, interculturalidade e superdiversidade lingüística, fenómenos que se trouxeron a este encontro celebrado na Facultade de Filoloxía da USC.

Presentación do portal neofalantes.gal
Presentación do portal neofalantes.gal | Fonte: USC

ESTANDARIZACIÓN E FALANTES, CAERON OS MUROS?

Un dos retos que afrontou o galego foi a estandarización de cara a ofrecer un sistema normativo que, en certo sentido, permitise unificar as diferentes variedades do galego. Isto incluía tamén a eliminación de castelanismos moi estendidos entre os e as falantes e substituílos por formas galegas, algunhas en retroceso ou case desaparecidas. Esta normativización “chocou” coas diferentes variantes, chegando a producirse ás veces un rexeitamento desde a maioría de falantes ao modelo estándar elaborado polo ILG e a Real Academia Galega (RAG), quen publicaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego en 1982 que deron pé ao “Decreto de Normativización da Lingua Galega” de 1983 (coñecido tamén como “Decreto Filgueira”).

Como consecuencia do anterior, produciuse entón unha relación de arriba (ILG e RAG) cara abaixo (falantes). “É unha relación de axencias de estandarización cunha visión negativa sobre o galego dos falantes pois había moita contaminación no galego” di Gabriel Rei Doval, profesor na Universidade de Winsconsin-Milwaukee (EE UU). A contaminación era producto do contacto entre dúas linguas e “o contacto é inevitable e partindo disto chama a atención a visión negativa dalgúns lingüístas sobre a lingua dos falantes”.

Rei Doval participou como investigador externo no traballo da profesora Elisa Fernández, que comparaba as opinións dos lingüístas e as súas expectativas sobre como deberan empregar o galego os falantes. Por outra parte, os falantes aínda sendo nalgúns casos coñecedores do estándar galego, non o usaban tal cal senón que recorren aos usos coloquiais, variantes e mesmo castelanismos. “Cando falamos non pensamos nun modelo ideal, usamos unha lingua formal que non se fixa en estándares” di Rei. Isto por que é? Por rexeitamento ao estándar? Por efectos do auto-odio como galegofalantes? “Non nos preocupamos por estándares porque hai factores como son os hábitos sociais, os dominios lingüísticos e tamén usamos a conversión, usamos elementos doutra lingua para  destacar determinados elementos”.

Sede da Real Academia Galega
Sede da Real Academia Galega

Estaríase obviando o inevitable contacto entre dous sistemas lingüísticos desde a parte de arriba (lingüístas) e a parte de abaixo (falantes). “É necesario un diálogo entre as partes, non é un fenómeno deleznable ese contacto” di Rei. A falta de diálogo é unha consecuencia da diglosia? “Hoxe en día galego e castelán ocupan posicións altas e baixas, non falamos da diglosia clásica, unha lingua para a administración e outra para o uso coloquial”. E a falta de iniciativa para unha mellor implantación do estándar? “Puidera ser, na empresa privada o galego non está presente e cando os mozos e mozas saen da secundaria din que saber o estándar xa non lles serve”. Non encontran utilidade e aínda así “o galego debera ser útil para a vida privada como na empresa, debe haber axentes estimuladores para o uso do estándar”.

FALA TRADICIONAL, LINGUA ESTÁNDAR E NEOFALANTES

Elisa Fernández Rei, xunto coa profesora da Universidade de Salamanca, Alba Aguete, presentou a ponencia “A identidade 'galegofalante tradicional': o valor indexador das variables lingüísticas”. “As palabras teñen o seu significado mais tamén permiten identificar a procedencia xeográfica ou social do falante” di Fernández Rei. Este valor indexador é o que permite unha “clasificación” da persoa falante segundo parámetros xeográficos, sociais, laborais, académicos, etc.

Este proceso de a indexación é o que permite identificar os falantes de galego segundo a súa procedencia xeográfica, a súa clase etc. Así, determinadas características lingüísticas permiten indexar a identidade (“galegofalante tradicional”). Mais esta identidade e a atribución de certas características lingüísticas a é unha construción ideolóxica, de aí que sexa moi difícil determinar exactamente que é ser un galegofalante tradicional. “Hai quen di que o falante tradicional é como unha 'criatura mitolóxica'” sinala Fernández Rei. De feito, o estudo empírico presentado demostra que a interpretación de quen é ou non galegofalante tradicional depende da propia orixe e condición de quen avalía.

A día de hoxe segue habendo certa reacción ante o estándar, mais nestes momentos a xente asume a necesidade dunha estandarización que ademais conviva coas distintas variedades”, apunta Fernández Rei. “Entender a variación lingüística debería contribuír a que a sociedade se faga máis tolerante”.

Tendo en conta a suma de todos os factores até o de agora aquí descritos e aludindo ao retroceso da lingua galega, son os neofalantes a solución para a continuidade do idioma? “Baixo o termo neofalante estamos introducindo diferentes tipos de falantes, cada un cunha realidade social, lingüística, laboral, etc, diferente”. Fernández Rei apunta que existen unha serie de revisións arredor desta figura que, en parte, é unha etiqueta creada no ámbito académico. Mais son o futuro para o galego? “O futuro do galego son os falantes de galego. O futuro do galego está no que construamos, comprendendo e aproveitando a nosa diversidade e a nosa complexidade”.

MULTILINGÜISMO

Cando coñeces máis dunha lingua é normal mesturar elementos delas cando se teñen conversas con outros falantes multlingües. Esto non é algo malo. De feito,  é sinal de capacidade bilingüe/multlingüe. Esta práctica multilingüe, normalmente coñecida como ´cambio ou alternancia de código´ non ten ningún efecto negativo no desenvolvemento lingüístico¨ di Carme Parafita Couto. “En lugares como África Occidental ou América Central hai comunidades onde é normal misturar catro ou cinco linguas, mentres que aquí tendemos a querer separar mais as linguas pola presión normativa que temos na maioría das socidades occidentais”.

Aínda así, usar unha palabra castelá no canto da solución galega é un síntoma de confusión lingüística? “Non é confusión, é o resultado da coactivación das linguas que temos gardadas no cerebro” di Parafita. “O multilingüismo é moi dinámico e isto déixase sentir cando hai unha 'alternancia de código' nunha oración como pode suceder non Spanglish onde podes comezar en inglés a frase e acabala en español, alternas elementos dentro dunha mesma estructura”.

Segundo os conceptos aprendidos sobre o que é o uso correcto dunha lingua (os aprendidos en Galicia sobre galego e castelán), a mestura de linguas sería un fenómeno “mal feito”. Sen embargo, sabemos que esas mesturas non son aleatorias-os enunciados mixtos están rexidos polas mesmas regras gramaticais que rexen os enunciados non mixtos. Os falantes que alternan entre linguas 'saben' onde cambiar e onde non”. Ademais, as investigacións mostran que hai que ser bastante competente en todas as linguas para ser capaz de cambiar de código. O que isto mostra é que este tipo de comportamento é de feito todo o contrario da confusión. Segundo isto, o fenómeno denominado “castrapo” non sería falar mal, ou si? “Se por castrapo entendemos unha mestura de códigos (galego e castelán), isto é algo que Parafita xa apuntaba que acontecía con noutras comunidades multilingües. En tal caso, a estigmatización das mesturas de códigos “creámolas as persoas”.

A aposta por unha estandarización é boa tamén a convivencia entre esta e as diferentes variantes. Por outra banda, quen mantén viva unha lingua é quen a fala, sexa ou non neofalante. En tal caso, a coexistencia de códigos tanto no que se refire ao uso das linguas e ás súas posibles consecuencias cognitivas (é como facer ximnasia mental), é un exemplo marabilloso da gran flexibilidade e adaptabilidade do cerebro humano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta