Sportur, o congreso anual que posiciona Galicia como destino activo e saudable.

Tivo lugar os días 30 de novembro e 1 de decembro en Expourense. Contou con 500 inscritos e unhas 4.500 visitas de todas as idades.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 04/12/2023 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

Expourense pechou as portas da sexta edición de Sportur Galicia e da cuarta do Congreso Internacional de Turismo e Deporte logo de visibilizar durante dous días o papel que xoga o deporte como motivación turística e promocionando a Galicia como un destino ideal para a práctica do turismo activo e de actividades vencelladas coa natureza.

Sportur 2023. Foto: Prensa Expourense.
Sportur 2023. Foto: Prensa Expourense.

As devanditas citas contaron cunhas 500 persoas inscritas e reuniron 4.500 visitas no recinto feiral de Expourense.

PRESENTACIÓN DO PLAN '2 MILLÓNS'

Expourense foi, ademais, o escenario elixido polo Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia para presentar o plan “2 Millóns” de persoas activas en Galicia para o ano 2030.

Este proxecto nace co propósito de incentivar a práctica de actividade física e acadar o reto de chegar a 2 millóns de persoas activas en Galicia no 2030 (na actualidade a cifra non chega ao 1.300.000). A xerente do Clúster, Sofía Toro, afirmou en Expourense que “se cumprimos este ambicioso reto Galicia estaría en cifras similares ás dos países nórdicos e seríamos a comunidade autónoma con maior porcentaxe de práctica deportiva”.

Sofía Toro dixo tamén que “activar a 700.000 persoas implicará un aforro de 700 millóns de euros en gasto sanitario, un aumento de 140 millóns anuais no volume de negocio da industria do deporte e unha xeración de máis de 2.000 postos de emprego”. Neste senso, os 7 grandes concellos de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol) xa manifestaron o seu compromiso de sumarse a este plan.

Sofía Toro: "activar a 700.000 persoas implicará un aforro de 700 millóns de euros en gasto sanitario"

O congreso serviu tamén para que federacións deportivas convocasen aos seus deportistas, e contou con charlas sobre psicoloxía no deporte e turismo activo.

DATOS DO DEPORTE EN GALICIA

Entre outros datos, Sportur concluíu que o sector do deporte representa o 2,63% do PIB de Galicia, cunha facturación anual de ao redor de 1.600 millóns de euros e que xenera 12.000 postos de traballo en 2.288 empresas. Na actualidade están rexistrados en Galicia 5.767 clubes deportivos con máis de 282.000 persoas federadas.

O sector do deporte representa o 2,63% do PIB de Galicia

Sportur Galicia e o Congreso de Turismo Deportivo estiveron organizados por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte e da Deputación Provincial de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta